Unha ducia de portadas da prensa galega nas datas clave da Segunda República
Esta semana celebrouse o 90 aniversario da proclamación da Segunda República, o 14 de abril de 1931, tralo triunfo nas zonas urbanas das candidaturas republicanas nas eleccións municipais celebradas dous días antes. Foi o inicio de cinco anos de importantes reformas no ensino ou na cuestión relixiosa que buscaban a modernización do Estado español e que tamén levaron á aprobacións dos Estatutos de Autonomía de Catalunya, Euskadi e Galicia. Uns procesos que foron definitivamente paralizados tralo Golpe de Estado de xullo de 1936. Repasamos aquí algunha destas datas clave a partir das portadas da prensa galega do momento.
-
01
Vitoria republicana nas eleccións municipais de 1931
O domingo 12 de abril celebráronse eleccións municipais, coa vitoria das candidaturas republicanas na maior parte das cidades e capitais de provincia. Portada de El Correo Gallego do 14 de abril de 1931
-
02
Proclamación da República
O 14 de abril proclámase a República en todo o Estado, aínda que xa na noite do 13 abril algunhas localidades anticipáranse. Portada de El Progreso do 15 de abril de 1931
-
03
A Segunda República inicia o seu percorrido
A República chega nun ambiente de entusiasmo, tomando o poder un goberno provisional presidido por Niceto Alcalá-Zamora e con representación de todos os partidos republicanos, de esquerda e dereita, entre eles do galego Santiago Casares Quiroga pola ORGA. Portada de La Zarpa do 16 de abril de 1931
-
04
Vitoria das esquerdas nas eleccións constituíntes
O 28 de xuño de 1931 teñen lugar eleccións constituíntes, que conforman unha cámara que estaba encargada de redactar e aprobar a nova Constitución. A conxunción Republicano-Socialista obtén unha clara vitoria. O PSOE foi o partido que obtivo máis deputados e a Federación Republicana Galega fíxose con 15 dos 44 escanos en xogo en Galicia. Portada de El Pueblo Gallego do 29 de xuño de 1931
-
05
Aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía de Catalunya
A República botou a andar poñendo en marcha importantes reformas, proclamando a liberdade relixiosa, creando as misións pedagóxicas e fomentando a apertura de escolas ou iniciando a reforma do Exército. Tamén se aprobou en referendo o Estatuto de Autonomía de Catalunya, aprobado polas Cortes definitivamente un ano máis tarde. Portada de El Ideal Gallego do 4 de agosto de 1931
-
06
Intento de Golpe de Estado a cargo do xeneral Sanjurjo
A República tivo que loitar dende o inicio cos intentos de involución, fomentados dende a Igrexa, os grandes latifundistas e empresarios e sectores militares. Un dos máis importantes foi a 'Sanjurjada', un intento de Golpe de Estado que fracasa no verán de 1932. Portada de La Vanguardia Gallega do 11 de agosto de 1932
-
07
Aprobación da reforma agraria
Entre as reformas máis importantes iniciadas pola República estivo a reforma agraria, especialemente importante nas rexións latifundistas e para milleiros de xornaleiros sen terra. Páxina de El Pueblo Gallego do 10 de setembro de 1932
-
08
Inicio da Asemblea Rexional de Concellos para o debate do proxecto estatutario
Tamén se puxo en marcha o proceso autonomista galego, seguindo o ronsel aberto por Catalunya e tamén por Euskadi. Había varios proxectos (entre eles o elaborado polo Seminario de Estudos Galegos) e na primavera de 1932 iniciouse un movemento municipalista a prol da autonomía, cunha asemblea de concellos que no verán acordou constituír una comisión redactora. Portada de El Eco de Santiago do 17 de decembro de 1932
-
09
Aprobación do proxecto de Estatuto de Autonomía
En decembro de 1932 reuniuse en Compostela a asemblea de concellos, que durante tres días debateu e finalmente aprobou o proxecto de Estatuto co apoio do 77% das localidades que representaban ao 85% da poboación. Porén, a vitoria das dereitas nas eleccións de 1933 paralizou o proceso. Portada de El Pueblo Gallego do 20 de decembro de 1932
-
10
As mulleres votan por primeira vez nas eleccións municipais de 1933
Outra das reformas da República foi a aprobación do sufraxio universal, coa inclusión do voto feminino. As mulleres votaron por primeira vez nas eleccións municipais de 1933, que xa amosaron o xiro á dereita que se confirmaría meses despois. Páxina de El Pueblo Gallego do 25 de abril de 1933
-
11
Vitoria das dereitas nas eleccións de 1933
En efecto, as eleccións do 19 de novembro, nas que a esquerda se presentou dividida, outorgaron a vitoria ás dereitas, sendo a CEDA a forma con máis deputados. O Partido Republicano Galego obtivo seis escanos. O líder do Partido Radical Alejandro Lerroux recibiu o encargo de formar Goberno. Portada de El País o 20 de novembro de 1933
-
12
Revolución de outubro de 1934
Nos primeiros días de outubro de 1934 iníciase un movemento revolucionario en varios territorios, aínda que tivo máis impacto en Catalunya e Asturias. A revolta, aplastada polo Exército, acaba con máis de mil mortes e máis de 20.000 persoas detidas. Portada de El Pueblo Gallego o 10 de outubro de 1934
-
13
Vitoria da Fronte Popular nas eleccións de 1936
Despois de dous anos de grande inestabilidade, nos que o Goberno bloqueou ou deu marcha atrás a varias das reformas iniciadas no bienio 1931-33, as eleccións do 28 de febreiro de 1936 resultan nun gran triunfo para a Fronte Popular, na que se presentaron unidas as forzas de esquerda. Manuel Azaña formou goberno, relanzando o programa reformador da República e, por exemplo, liberando os presos da Revolución de Outubro de 1934 e restituíndo a Lluis Companys como presidente da Generalitat. Portada de El País do 18 de febreiro de 1936
-
14
Referendo do Estatuto de Autonomía
Tamén se relanzou o proceso estatutario galego e por fin convócase o referendo para a súa aprobación, que tivo lugar o 28 de xuño de 1936, cun amplo apoio. O texto foi entregado nas Cortes o 15 de xullo. Portada de El Pueblo Gallego do 28 de xuño de 1936
-
15
Primeiros momentos do Golpe de Estado
O 18 de xullo iníciase o Golpe de Estado. Nas primeiras horas reina a incerteza e unha certa inacción por parte das autoridades republicanas. O Golpe fracasa no seu intento de facerse co poder, pero controla amplas zonas do Estado Portada de El Pueblo Gallego do 18 de xullo de 1936
-
16
A sublevación militar triunfa en Galicia
Entre elas, Galicia, que é dominada en poucos días polas forzas golpistas. Portada de La Voz de la Verdad do 22 de xullo de 1936
-
17
Vitoria franquista na Guerra Civil
Despois de case tres anos de guerra, o bando nacional conquista todo o territorio, acabando coa Segunda República iniciada en 1931. Portada de El Pueblo Gallego do 2 de abril de 1939