Unha ducia de praias con calidade insuficiente para o baño
O Sergas analiza periodicamente a calidade das augas de baño nas praias costeiras e fluviais de Galicia e realiza unha clasificación en función da súa situación nos últimos catro anos. Estas son as oito praias costeiras e tres fluviais cuxa calidade das augas o Sergas considera insuficiente. Pero tes moitas máis das que gozar con tranquilidade.
-
01
Praia da Concha (Cariño)
No centro da vila, xunto a un porto e unha desembocadura, a praia da Concha, en Cariño, rexistrou na súa última análise, do 19 de xullo, un nivel de enterococos intestinais e escherichia coli de 2.000 por cada cen mililitros, cando o límite legal é de 185 para os enterococos e de 500 para a escherichia coli. Preséntase como a praia con peores resultados de Galicia.
-
02
Praia das Delicias (Sada)
A última análise da praia das Delicias, en Sada, do 26 de xullo, está por baixo dos límites legais de contaminación, pero os seus malos resultados durante os últimos catro anos fan que o Sergas considere insuficiente a calidade da súa auga.
-
03
Praia de Lires (Cee)
Na última análise da praia de Lires, do 20 de xullo, o nivel de enterococos intestinais acadou 140, por baixo do límite dos 185, pero igual que pasa noutros casos son os seus malos resultados nos últimos anos os que fan que a Xunta considere insuficiente a súa calidade.
-
04
Praia de Estorde (Cee)
Cun nivel de enterococos de 380 cando o límite son 185 e de 2.000 para a escherichia coli cando o límite son 500, a análise feita o 18 de xullo na praia de Estorde, en Cee, sitúana como unha das peores de Galicia canto a calidade das augas.
-
05
Praia da Virxe do Camiño (Muros)
Os niveis de contaminación da última análise da praia de Virxe do Camiño, do 19 de xullo, quedan algo por baixo dos límites legais, pero a súa situación tampouco foi boa nos últimos anos e a súa calidade considérase insuficiente.
-
06
Praia do Testal (Noia)
A última análise da praia do Testal, en Noia, do 27 de xullo, di que o areal está a mellorar a situación con respecto a anteriores estudos, pero segue a ser unha das oito praias costeiras de Galicia que o Sergas considera con calidade insuficiente.
-
07
Praia de Sobreira (Moaña)
Os niveis de enterococos e escherichia coli de Sobreira, na análise realizada o 27 de xullo están moi por baixo dos límites legais e sitúanse nos de praias excelentes, pero o Sergas di que a súa “clasificación sanitaria final no ano 2016 calculada cos resultados dos controis das catro últimas tempadas” é “insuficiente”.
-
08
Praia de Arealonga (Redondela)
A praia de Arealonga, en Chapela, Redondela, veciña a Vigo, está incrustada nun espazo urbanizado, a carón de portos e estaleiros. A súa última análise, do 26 de xullo, ofrece uns niveis de contaminación aceptables, pero os seus malos datos en anos anteriores levan o Sergas a cualificala como insuficiente.
-
09
Praia fluvial no río Neira en Baralla
Os límites legais para a contaminación nas praias fluviais son superiores aos das praias costeiras. De 330 no caso dos enterococos intestinais e de 900 no da escherichia coli. Na praia fluvial do río Neira en Baralla rexistráronse o 18 de xullo niveis de 1.400 para os primeiros e de 740 para a segunda.
-
10
Praia fluvial no río Chamoso no Corgo
Non moi lonxe da anterior praia, pero no río Chamoso ao seu paso polo Corgo, os niveis de contaminación na última análise deste ano, do pasado 18 de xullo, non son tan altos, pero o Sergas considera igualmente insuficiente a calidade desta praia fluvial.
-
11
Praia fluvial de Nináns no río Tambre en Brión
No río Tambre a praia de Nináns, en Brión, rexistrou o 18 de xullo niveis de escherichia coli de 700, preto do límite de 900, que engadidos á súa mala situación en anos anteriores levan a que o Sergas considere a súa calidade “insuficiente”.
-
12
Centos de praias nas que te podes bañar con tranquilidade
Con centos de praias repartidas ao longo dos seus 1.500 quilómetros de costa, 123 delas con bandeira azul e moitas outras sen ela pero con incluso maior calidade das augas, os areais contaminados son en Galicia unha pequena parte coa que hai que ter coidado pero que non impedirán que goces do verán.