Unha ducia de praias galegas libres de fume
Moléstache cando estás pasando tranquilamente a tarde na praia e o fume do tabaco da persoa que tes na toalla do lado che vén directamente para a cara? A prohibición de fumar en praias e terrazas leva anos enriba da mesa e probablemente acabará por aprobarse antes ou despois; de feito, o borrador inicial do Plan Integral de Prevención e Control do Tabaquismo aprobado o pasado mes de maio incluía esta prohibición, aínda que finalmente non se incluíu na versión final do documento. Aínda así, cada vez son máis os areais nos que está prohibido fumar, un total de 224 en Galicia, un terzo do total das existentes en todo o Estado. Velaquí algunhas delas.
-
01
Lóngara (Barreiros)
Comezamos o percorrido no norte, na Mariña. A provincia lucense ten 34 praias libres de fume e 8 delas están en Barreiros, como esta de Lóngara.
-
02
Xilloi (O Vicedo)
No Vicedo hai catro praias nas que se prohíbe fumar, por exemplo a de Xilloi.
-
03
Covas (Viveiro)
Abandonamos Lugo en Viveiro, onde tres areais están libres de tabaco, destacando a praia de Covas.
-
04
Praia da Frouxeira (Valdoviño)
Xa no litoral da provincia da Coruña atopamos a praia da extensísima praia da Frouxeira, en Valdoviño, que tamén prohíbe fumar. Un total de sete areais neste concello están libres de fume
-
05
A Madalena (Cabanas)
En total, na provincia da Coruña 108 praias están libres de fume. Unha das máis populares das comarcas de Ferrol e Eume é a da Madalena, en Cabanas, co seu piñeiral.
-
06
Perbes (Miño)
Tamén se prohíbe fumar na praia de Perbes, no límite entre Pontedeume e Miño.
-
07
Santa Cristina (Oleiros)
A praia de Santa Cristina (en Oleiros, aínda que cunha parte no termo municipal da Coruña) é unha das máis populares da área metropolitana da Coruña. Está prohibido fumar en toda a súa extensión, tanto na parte interior, que dá á ría do Burgo, coma na exterior, máis aberta. Outras catro praias deste concello tamén prohíben fumar.
-
08
Praia de Area Maior (Muros)
A praia de Area Maior, en Muros, ao pé do Monte Louro, é un dos 21 areais deste concello nos que non se permite fumar.
-
09
Area Grande (O Grove)
Xa no litoral pontevedrés, chegamos á Ría de Arousa e ao concello do Grove, onde non se permite fumar na praia de Area Grande. En total 87 areais da provincia pontevedresa prohíben o tabaco.
-
10
Silgar (Sanxenxo)
Entre as praias libres de tabaco hai extensos areais nos que, pola súa escasa masificación, en realidade é difícil que un molesto veciño nos faga chegar o seu fume. Pero tamén hai moitas praias nas que esta medida si impide que nos convirtamos en fumadores pasivos. É o caso de Silgar, no centro de Sanxenxo, onde se prohíbe fumar, ao igual que noutras 18 praias deste concello.
-
11
Lapamán (Bueu)
Tamén está libre de fume a praia de Lapamán, en Bueu, onde se prohíbe fumar noutros tres areais.
-
12
Nerga (Cangas)
Rematamos a viaxe no outro lado da Península do Morrazo, na praia de Nerga, en Cangas, que forma unha continuidade con Viñó e Barra, esta tamén libre de fume.