Marcos Pérez Pena

Unha ducia de publicacións históricas do feminismo galego

"Porque foron, somos. Porque somos, serán”. Nas últimas décadas un gran número de mulleres abriron o camiño que hoxe percorre unha nova xeración de feministas galegas, mozas que están a liderar as masivas mobilizacións que dende as rúas esixen unha verdadeira igualdade. Neste camiño, revistas como Festa da palabra silenciada, Andaina, Area, Abrente ou A Saia serviron como altofalante e como espazo de debate e todas elas foron dixitalizadas polo Consello da Cultura Galega.

  1. 01

    Alborada (1969-72)

    Alborada foi o órgano de comunicación do Movemento Democrático de Mulleres da Coruña. O MDM adscribíase ao PCE e xurdiu como grupo organizado de mulleres de presos políticos na clandestinidade. Tiña periodicidade irregular, pero entre 1969 e 1970 publicou cando menos unha decena de números. En 1972 publica un especial dedicado aos sucesos do 10 de marzo en Ferrol

  2. 02

    A muller e a loita (1971-76)

    A muller e a loita era o medio de difusión do Movemento Democrático de Mulleres de Vigo. Publícase de forma irregular entre 1971 e 1976, primeiro integramente en castelán e despois progresivamente con máis contidos en galego. Trataba a denuncia da represión e conflitos laborais, pero tamén problemáticas dos barrios ou da carestía da vida

  3. 03

    A Saia (1982-83)

    A Saia foi o boletín do Colectivo Feminista Independente Galego e foi a primeira publicación feminista escrita integramente en galego. Trataba temas culturais, sociais e políticos desde desde o feminismo da diferenza

  4. 04

    Andaina (1983-91) (primeira época)

    Entre 1983 e 1991 Andaina publicou 24 números, impulsada polos colectivos locais que formaban a Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas. Subtitulada 'Revista do movimento feminista-Galicia', estaba escrita integramente en galego, contaba coa colaboración de especialistas en distintas áreas. 

  5. 05

    Festa da palabra silenciada (1983-2014)

    En maio de 1983 nacía en Vigo a Festa da Palabra Silenciada, revista anual editada por Feministas Independentes Galegas (FIGA) e dirixida por María Xosé Queizán, que no número cero compartía coordinación con Isabel Mouriz. Entre 1983 e 2014 publicou unha trintena de números. A revista buscaba "sacar da escuridade a escrita feminina e as teorías feministas vixentes nese momento", recollendo voces de mulleres no pensamento, a investigación a crítica ou a creación artística. Hai uns meses o Ateneo Atlántico de Vigo homenaxeou a revista e a María Xosé Queizán.

  6. 06

    Lúa Nova (1986)

    A Asociación Galega da Muller de Ferrol (AGMF) sacou á rúa esta publicación no ano 1986 co obxectivo de informar e xerar debate sobre a actualidade feminista e da organización. 

  7. 07

    Abrente

    Abrente foi o voceiro da Secretaría da Muller da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) entre 1986 e adoitaba publicar cando menos un número anual coincidindo co 8 de marzo. Nas súas páxinas recollíanse problemáticas laborais de traballadoras, sobre todo de sectores moi feminizados, como a industria conserveira e téxtil, a limpeza ou as labregas.

  8. 08

    Area (1987)

    Area foi a publicación de Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) entre 1987 e 1993. Tiña como obxectivo promover o feminismo nacionalista e a partir do quinto número adoptou progresivamente a normativa reintegracionista.

  9. 09

    Andaina (1991-98) (segunda época)

    A segunda época de Andaina, subtitulada 'Revista galega de pensamento feminista', abrangue 22 números entre 1991 e 1998 baixo a dirección de Ana Arellano. Cun novo formato e contidos, buscaba chegar a públicos máis amplos. “Andaina navega, desde o principio, a contracorrente, mesmo no seo do propio feminismo”, dicían nesta entrevista as súas responsables en 2013.

  10. 10

    María Soinha (1996)

    Maria Soinha foi a publicación da Frente Feminista de Ferrol, un colectivo creado a comezos de 1994 por exmilitantes da AGM para “dar umha resposta teórica e prática ao avanço da reaçom e à subtil assimilaçom do feminismo polo sistema imperante”.

  11. 11

    Emboga (1999-2001)

    Emboga, impulsado por Boga-Colectivo de Lesbianas de Galicia, publicou catro números entre 1999 e 2001. Nas súas páxinas había denuncias de situacións de lesbofobia e tamén se buscaba construír xenealoxías lésbicas coa creación dun dicionario e numerosos perfís biográficos. 

  12. 12

    As + perralheiras (2005-06)

    As Maribolheras Precárias, grupo de activismo queer da Coruña, publicou cinco números de as + perrallheiras, que denunciaba a homofobia, o heterosexismo e a precariedade desde unha posición de esquerdas antiglobalizadora