Unha ducia de razas galegas de animais
O Club da Raza Can de Palleiro vén de cifrar en 1.275 os inscritos no seu libro xenealóxico, que a comezos da década pasada contaba con só 9 exemplares. Repasamos unha ducia de razas autóctonas galegas.
-
01
Galiña de Mos
Tomou o seu nome do lugar de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, onde a comezos do século pasado comezou a súa extensión pola Terra Cha. [Asociación de avicultores da raza galiña de Mos (Avimos)]
-
02
Can de Palleiro
O traballo de rexistro e recuperación desta raza autóctona de Galicia comezou con só 9 exemplares. En decembro certificouse que o seu libro xenealóxico xa conta con 1.275 inscritos. [Club de Raza Can de Palleiro]
-
03
Guicho ou Quisquelo
Ademais do Can de Palleiro hai outras tres razas de cans galegos: o guicho ou quisquelo [Club Can Guicho ou Quisquelo], o podengo galego e o perdigueiro galego, os dous primeiros especializados na caza do coello e o terceiro na de aves.
-
04
Cabalo pura raza galega
A existencia en Galicia dos montes comunais permitiu que os antigos cabalos salvaxes que xa reflectían os petróglifos sigan a vivir hoxe en semiliberdade. [Cabalo Pura Raza Galega (Puraga)]
-
05
Porco celta
A raza toma o seu nome do tronco orixinario celta do que parten diferentes grupos étnicos por Europa. A raza celta era a máis importante en Galicia ata comezos do século XX, retrocedendo máis tarde pola importación de razas foráneas. [Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel)]
-
06
Ovella galega
A maior concentración da raza sitúase en Ourense e na metade sur de Lugo. A intensificación das producións na busca de maiores rendementos trouxo a substitución dos machos da ovella galega por outros de razas de maior especialización cárnica. [Asovega]. Tamén existe unha raza de cabra galega [Capriga].
-
07
Vaca rubia galega
Lugo é onde máis exemplares hai desta raza que recibe o seu nome da súa cor. [Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga)]
-
08
Vaca cachena
A cornamenta é a principal característica desta raza do sur de Ourense. [Asociación de Criadores da Raza Bovina Cachena (Cachega)]
-
09
Vaca caldelá
Orixinaria da comarca ourensá de Caldelas, os seus exemplares eran considerados no seu momento como os mellor dotados para o traballo de toda Galicia debido ao seu temperamento tranquilo. [Asociación de Criadores da Raza Bovina Caldelá (Caldega)]
-
10
Vaca frieiresa
Toma o seu nome da comarca das Frieiras, nos concellos da Gudiña e A Mezquita, no sudeste da provincia de Ourense, unha zona cunha alta densidade de razas bovinas. [Asociación de Criadores da Raza Bovina Frieiresa (Frierega)]
-
11
Vaca limiá
Orixinaria da Limia, os seus bois foron moi exportados e hoxe en día a penetración na provincia de Lugo tamén é significativa. [Asociación de Criadores da Raza Bovina Limiá (Limiaga)]
-
12
Vaca vianesa
A mecanización agrícola foi lenta na comarca do Bolo, a máis montañosa de Ourense, o que favoreceu a explotación tradicional con animais cunha forte adaptación ao medio como esta vaca moi valorada pola súa rusticidade e vigorosidade. [Asociación de Criadores da Raza Bovina Vianesa (Vianega)]