Praza Pública

Unha ducia de razóns para que arda Lvcvs Avgusti

A apenas dúas semanas do inicio da festa, Lugo xa arrecende a Arde Lucus. A cidade da Muralla regresará de novo, desta volta do 30 de xuño ao 2 de xullo, a un pasado romano que dende 2003 inunda as rúas lucenses con aires de festa. Tropas romanas, resistentes castrexos e mesmo algún suevo adiantado ao seu tempo conviven nunha celebración con centos de actividades concentradas en tres días. Velaquí algunhas delas.

Contido patrocinado

  1. 01

    A apertura e o peche das portas da Muralla

    O día 30 ás 16:00 as lexións romanas chegarán á cidade para abrir as portas da Muralla. A encargada de facelo será a garda pretoriana na Porta de San Pedro e mais na Porta Miñá.

  2. 02

    As moedas romana e castrexa

    O Arde Lucus ten unha moeda de seu. A castrexa, acuñada pola asociación Mercenarios Galaicos e a romana, que chega por oitavo ano consecutivo da man da Cohors III Lucensium.

  3. 03

    O circvs

    O circo romano é unha das actividades que máis expectación xeran no Arde Lucus. A explanada do Pavillón Municipal dos Deportes, nas costas do parque, torna nun anfiteatro con case un milleiro de localidades que xa se poden mercar. Quen non vaia caracterizado de época probablemente non pasará desapercibido.

  4. 04

    Os desfiles

    Romanos e castrexos desfilan durante toda a fin de semana, xa sexa coa axuda de centros de ensino da cidade ou grazas ás creacións de asociacións que traballan durante todo o ano para locer uniformes estes días. As rutas e horarios, no programa da festa.

  5. 05

    A carreira romana

    O día 30 ás 22:15 a cita é no adarve da Muralla. Dende a rampla da praza Pío XII partirá a carreira romana á luz dos fachos. A inscrición é de balde e pódese realizar na web da festa.

  6. 06

    Os campamentos

    A Castra de Lvcvs Avgvsti, a Civitas Lvcensis, o Clan de Breogán, a garda pretoriana acampan por toda a cidade durante a festa e poden ser visitados o venres 30 de 17:00 a 21:00, o sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 e o domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00.

  7. 07

    A artesanía

    Nos campamentos e nas diversas actividades son moitas as mostras de artesanía que se poden atopar. Moita dela, realizada ao vivo.

  8. 08

    Miúdo arde

    O espazo para a rapazada. Comeza o venres ás 16:30 na Praza de Ferrol con xogos para nenas e nenos. Teatro, obradoiros e actividades lúdicas estenderanse durante toda a fin de semana tamén pola Calella do Hospital e o espazo do Macellvm.

  9. 09

    O lume sagrado

    As vestais son as encargadas de preservar o lume sagrado. Préndese no fondo da Praza Maior o venres ás 23:15 e está presente en moitas das actividades da festa.

  10. 10

    O senado e as asembleas

    A asemblea das mulleres, o venres no Campo Castelo ás 21:45, ou a chegada do César á sesión do Senado, o domingo ás 13:00 na Praza de Santo Domingo, son algunhas da representacións a non perder no Arde Lucus.

  11. 11

    Os enfrontamentos entre galaicos e romanos

    O sangue non ha chegar ao Miño, pero nos días do Arde Lucus han ser varios os ataques entre galaicos e romanos. Un deles, no fondo da Praza Maior o sábado ás 12:40.

  12. 12

    Vivir a festa

    Hai unha parte do Arde Lucus que é máis difícil de contar e ten que ver coa sensacións que inundan a cidade durante este regreso ao pasado. Neste vídeo tentaron sintetizar algunhas delas.