Marcos Pérez Pena

Unha ducia de razóns para vir á 20 MICE

Do 12 ao 16 de marzo, regresa a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, que chega á súa vixésima edición. Unha semana na que se proxectarán medio cento de filmes e na que haberá tempo para encontros con cineastas, mesas de debate e programacións escolares. O humor será protagonista nas sesións paralelas e a homenaxe aos pioneiros da cinematografía galega -con O carro e o home- estará presente na sesión inaugural e na imaxe gráfica desta edición. Velaquí unha ducia de razóns para pasar estes días pola MICE.

  1. 01

    'O carro e o home' e os pioneiros da cinematografía galega

    O mércores 12 o Teatro Principal acolle a sesión inaugural da mostra, cunha revisión do filme O carro e o home (1940) que se complementa ao día seguinte no Museo do Pobo cunha conferencia de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e da obra dos seus artífices, aos 85 anos da súa realización. 

    Será, ao tempo, unha homenaxe da MICE ás persoas que deron comezo á cinematografía galega. O documental forma parte do legado que o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo deixou ao Museo do que foi fundador e primeiro presidente do seu Padroado, e que serviu de inspiración para o nacemento da MICE, hai agora dúas décadas. 

  2. 02

    Laila Pakalnina: máis humor, menos solemnidade

    O humor impregnará as seccións paralelas, especialmente Impropias, protagonizada por Laila Pakalnina, referente da cinematografía das Repúblicas Bálticas. O seu cine, afastado da solemnidade, repasa o absurdo de certas situacións, ás veces cun humor explícito e outras máis sútil. 

    Na MICE, Pakalnina presentará seis das súas pezas e participará nunha conversa co cineasta galego Eloy Domínguez Serén. 

  3. 03

    13 filmes a concurso, 7 deles de realizadoras

    Na sección oficial haberá 13 filmes, dos que son 4 galegas. Hai, ademais, unha maioría de realizadoras nesta sección oficial, pois entre os trece filmes hai sete dirixidos por mulleres, que competirán polo Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica.

    Veremos as estreas en España de A s’Orgolesa, de Davide Melis; Eros, o documental de Rachel Daisy Ellis; o filme Kongo, no que a cineasta Daiana Araujo indaga sobre o que é o ser cubano; e a peza documental do francés Thivolle Lo Le boxeur chancelant. Ademais, a MICE acollerá a estrea en Galicia de Cuerpos en tránsito, de Mario Moreno Iglesias; o filme Silence of Reason, de Kumjana Novakova; e Togoland Projections, de Jürgen Ellinghaus.

  4. 04

    4 filmes galegos na sección oficial

    Os 4 filmes galegos a concurso serán accesibles tamén para persoas xordas. Trátase de Resonancias, de Diana Gonçalves, Aurora, de Area Erina, Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera. 

    Ademais, todas as películas a concurso optarán tamén ao Premio CREA, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Realización; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo 16 de marzo ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego, nun acto presentado pola poeta María Lado.

  5. 05

    'Salvaxe, Salvaxe', con Emilio Fonseca

    A MICE ofrece tamén unha conversa co cineasta ourensán Emilio Fonseca, que preestreará no festival a súa primeira longametraxe, SALVAXE, SALVAXE, antes da súa chegada aos cinemas comerciais. O filme gañou a Biznaga de Prata ao Mellor Documental na 27ª edición do Festival de Málaga. 

    Fonseca adéntrase nos montes de Galicia e do norte de Portugal, onde rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico, buscando resignificar as imaxes de natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. 

    A proxección será o xoves 13 ás 20.30 no Teatro Principal. E o sábado 15 ás 11 horas terá lugar no Museo do Pobo o encontro co realizados.

  6. 06

    Trazas: humor e subversión no contexto colonial

    En Trazas, a sección desenvolvida en colaboración co Cineclube de Compostela, as claves serán o humor e a subversión das normas sociais no cinema no contexto do modelo colonial, que representa a simplificación e idealización da “civilización” fronte ao “salvaxe”.

  7. 07

    Petís: creando os públicos do futuro

    Nesta edición, ademais, repite MICE Petís, a sección didáctica para centros escolares. Na semana do festival, concretamente os días 12, 13 e 14 de marzo, haberá sesións cinematográficas presenciais no Museo.

    Ademais da modalidade presencial, os centros educativos poderán optar pola modalidade de visionado en liña coa MICE Petís virtual. A través dunha ligazón, poderán descargar os filmes seleccionados polo festival e proxectalos na aula, a partir do 16 marzo e até finais de curso.

  8. 08

    Lindes: cineastas emerxentes

    No marco da sección paralela Lindes, proxectaranse pezas resultantes dos obradoiros de titorización con cineastas que vén desenvolvendo ano tras ano o festival pontevedrés na súa sección AULA, en colaboración co campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e dos TFG de Comunicación Audiovisual da Facultade de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da USC.

    Así mesmo, co obxectivo de crear espazos para novas creadoras, a MICE dedicará unha sesión á presentación de traballos de alumnado universitario con interese etnográfico, en colaboración con Novos Cinemas – Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, e Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema

  9. 09

    Novas cineastas, etnografía e perspectiva de xénero

    A MICE é tamén un espazo para a formación, con varias citas de interese para profesionais do cinema. Destaca a mesa redonda Novas cineastas, etnografía e perspectiva de xénero, un encontro conducido pola antropóloga Bibiana Martínez e que contará coa participación de Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, integrantes de Illa Bufarda; a artista visual Mirian Opazo e a cineasta Laura Piñeiro.

    Será o venres 14 ás 16.30 no Museo do Pobo Galego.

  10. 10

    Cine e Educación. A experiencia de Galicia e Portugal

    A proposta didáctica da MICE esténdese máis alá das datas específicas do festival, coa realización da Xornada de Cine e Educación. A experiencia de Galicia e Portugal, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Asociación Olloboi. 

    Será no Consello da Cultura Galega o 4 de abril, en horario de mañá e tarde.

  11. 11

    Imaxe gráfica e peza de autora: Mirian Opazo.

    A artista visual e cineasta Mirian Opazo (Xinzo de Limia, 1998) é a artífice da imaxe gráfica da 20 MICE e da peza curta que produce o festival, co filme O carro e o home como eixo temático, un proxecto que lle facía "moita ilusión, tendo en conta que Xaquín Lorenzo, Xocas, é un dos referentes básicos para calquera persoa que se dedique ou queira dedicar ao cinema neste país".

    Outra mostra da aposta da Mostra polas novas creadoras.

  12. 12

    Cinema comprometido e para todas

    Case 800 cineastas e profesionais do cinema e máis de 20 mil persoas asistentes pasaron pola Mostra durante estes vinte anos, unha traxectoria consolidada de cinema comprometido e para todas -como destaca Ana Estévez, directora da Mostra, neste vídeo- que continúa nesta vixésima edición.

    Todas as entradas de balde e todas as sesións contan con subtitulado e subtitulado específico para persoas xordas. Ademais, destaca a mirada feminista, cun 60% de realizadoras na grella da mostra.