A MICE celebra a súa vixésima edición cunha homenaxe ao filme 'O carro e o home'

Cartel da vixésima edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) © MPG

Será a celebración de dúas décadas de compromiso co cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual do festival, polo que pasaron 800 cineastas e que serviu de plataforma para novas e novos creadores

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego chega á súa vixésima edición e faino cunha homenaxe a un dos filmes fundacionais da cinematografía galega, O carro e o home, realizado en 1940 por Antonio Román e Xaquín Lorenzo, Xocas. A fita protagonizará a sesión inaugural da mostra, que se celebrará en Compostela do 12 ao 16 de marzo. O Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX acollerán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas, que serán gratuítas, estarán dispoñibles a partir do 6 de marzo.

Será a celebración de dúas décadas de compromiso co cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual dun festival innovador nas súas orixes e que aínda hoxe é único no seu xénero en Galicia e un dos poucos a nivel estatal.

Unha longa traxectoria avalada por case 800 cineastas e profesionais do cinema e as 20.000 persoas que levan participado da Mostra durante estes vinte anos. Neste tempo, a MICE serviu de plataforma para novas e novos creadores, acompañándoos na consolidación da súa traxectoria profesional ao longo das sucesivas edicións: cineastas recoñecidos como Eloy Domínguez Serén, Diana Toucedo, Ana Domínguez, Eloy Enciso, Vicente Vázquez, Xurxo Chirro, Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, Diana Gonçalves, Bruno Arias, Santiago Teijelo ou Coral e Laura Piñeiro, entre moitos outros, pasaron polo festival cos seus primeiros proxectos

O carro e o home foi realizado en 1940 con guión de Xocas e Antonio Román. En 1980, o propio Xaquín Lorenzo xunto co cineasta Eloy Lozano e co patrocinio do Museo do Pobo Galego fixo unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada e con texto e locución do propio Xocas

O documental forma parte do legado que o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo deixou ao Museo do que foi fundador e primeiro presidente do seu Padroado, e que serviu de inspiración para o nacemento da MICE, hai agora dúas décadas. A cinta orixinal foi realizada en 1940 con guión de Xocas e Antonio Román, aínda que non foi estreada ata 1945. En 1980, o propio Xaquín Lorenzo xunto co cineasta Eloy Lozano e co patrocinio do Museo do Pobo Galego fixo unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada e con texto e locución do propio Xocas.

Esta segunda versión, que vén de ser dixitalizada coa colaboración de AGADIC e a Filmoteca de Galicia, protagonizará a sesión inaugural da MICE, o 12 de marzo no Teatro Principal, nun acto de homenaxe ás persoas que iniciaron a cinematografía galega e que viron no cinema un xeito de colaborar co patrimonio cultural do país. A proxección contará coa participación de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e da obra dos seus artífices.

O carro e o home é tamén o leitmotiv da imaxe gráfica e da peza audiovisual desta 20 MICE, a cargo de Mirian Opazo (Xinzo de Limia, 1998). Artista visual e cineasta, o traballo desta nova creadora indaga na exploración e investigación artística, a través do audiovisual, de cuestións como a identidade e a memoria, vencelladas sempre ao rural. 

Esta segunda versión, que vén de ser dixitalizada, protagonizará a sesión inaugural da MICE, o 12 de marzo no Teatro Principal, nun acto de homenaxe ás persoas que iniciaron a cinematografía galega. A proxección contará coa participación de Pepe Coira

Pero haberá moito máis na vixésima edición da MICE. Por exemplo, cómpre destacar a sección Lindes, que preestrea a primeira longametraxe de Emilio Fonseca, SALVAXE, SALVAXE, antes do seu paso por salas comerciais. O filme gañou a Biznaga de Prata ao Mellor Documental na 27ª edición do Festival de Málaga. 

Neste tempo de crise climática e ecolóxica, a primeira longametraxe do guionista e director Emilio Fonseca adéntrase nos montes de Galicia e do norte de Portugal, onde rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico, buscando resignificar as imaxes de natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Trátase un ensaio fílmico que é “un anti-documental de natureza, no que aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear”. 

Fotograma de SALVAXE, SALVAXE, de Emilio Fonseca ©

A sección Lindes preestrea a primeira longametraxe de Emilio Fonseca, SALVAXE, SALVAXE, gañadora da Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga antes do seu paso por salas comerciais

O filme proxectarase o xoves, 13 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Principal. Ademais, o programa inclúe unha conversa co director, na mañá do sábado 15, co título Miradas máis aló do humano, para compartir coas persoas asistentes as súas prácticas de aproximación e rexistro do salvaxe como formas de encontro, intercambio e acollida. 

A de SALVAXE, SALVAXE será a primeira das dúas sesións incluídas na sección paralela Lindes, que repite carácter formativo nesta 20 MICE. A segunda parte estará dedicada aos traballos con interese etnográfico de cinestas emerxentes do #LAB Novos Cinemas, festival convidado este ano, como integrante de Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema.

Haberá, como en edicións anteriores, dúas seccións a concurso, Internacional e Galicia. Así mesmo, o cinema etnográfico e o humor fían os contidos das seccións paralelas

Haberá, como en edicións anteriores, dúas seccións a concurso, Internacional e Galicia. Todos os filmes optarán a tres premios: o Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica; o Premio CREA e o Premio do Público. As películas galegas concorrerán tamén ao Premio á Mellor película etnográfica galega.

Así mesmo, o cinema etnográfico e o humor fían os contidos das seccións paralelas. Entre elas, Impropias, que contará coa presenza da cineasta letona Laila Pakalnina (Liepaja, 1962) como convidada. Trátase dunha das principais referentes da cinematografía do seu país. O seu cine, afastado da solemnidade, repasa o absurdo de certas situacións que enfronta ás veces cun humor sútil e outras moito máis explicito. Na MICE presentará seis das súas pezas e conversará coas persoas asistentes ás proxeccións. 

Laila Pakalnina será a convidada de Impropias na 20 MICE © MPG

Sección didáctica para centros escolares

Nesta edición, ademais, repite MICE Petís, a sección didáctica para centros escolares. Ademais da modalidade presencial, os centros educativos poderán optar pola modalidade de visionado en liña coa MICE Petís virtual

Nesta edición, ademais, repite MICE Petís, a sección didáctica para centros escolares. Na semana do festival, concretamente os días 12, 13 e 14 de marzo, haberá sesións cinematográficas presenciais no Museo, organizadas en quendas por tramos escolares de 11 a 14 horas e cunha duración aproximada de 40 minutos.

Ademais da modalidade presencial, os centros educativos poderán optar pola modalidade de visionado en liña coa MICE Petís virtual. A través dunha ligazón, poderán descargar os filmes seleccionados polo festival e proxectalos na aula, a partir do 16 marzo e até finais de curso. Neste formato virtual inclúense tamén curtas tamén para o último tramo de educación infantil e 1º de primaria, así como unha unidade didáctica para poder traballar no centro a proposta de Memoria e Cinema.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.