Marcos Pérez Pena

Unha ducia de recantos por descubrir nos camiños a Santiago (fóra de Compostela e do Camiño Francés)

O Camiño de Santiago tense convertido nas últimas tres décadas no meirande atractivo turístico de Galicia, levando peregrinos e outros visitantes non só a Compostela e ás localidades polas que pasa o Camiño Francés, senón a moitos outros concellos atravesados polas restantes vías (que cada ano gañan peso e que xa suman máis da metade das Compostelas entregadas). O(s) camiño(s) de Santiago agochan un gran número de recunchos que merecen unha visita e que destacamos nesta ducia na que non vai aparecer a cidade de Compostela.

  1. 01

    O Camiño do Norte: peregrinación á beira do mar

    Comezamos no norte, precisamente polo Camiño do Norte que despois de percorrer todo o Cantábrico dende Irún, entra en Galicia pola fermosa vila de Ribadeo. Nos seus primeiros quilómetros no país continúa á beira do mar, para inmediatamente dirixirse cara ao interior da Mariña, cara a Lourenzá e Mondoñedo.

  2. 02

    Sobrado dos Monxes

    Despois de atravesar a Terra Cha (Abadín, Vilalba, Baamonde...), o Camiño do Norte pasa por Sobrado dos Monxes, onde se pode visitar o seu mosteiro, un dos máis fermosos do país (e non sempre ben coñecido)

  3. 03

    O Camiño Primitivo: do Acebo ao Cádavo

    Tamén no norte está o Camiño Primitivo, que parte de Oviedo e entra en Galicia pola Fonsagrada, en concreto polo Alto do Acebo, que ofrece impresionantes vistas. Na Fonsagrada adóitase facer noite, para continuar ao día seguinte en dirección ao Cádavo, en Baleira, nunha dura etapa na que se segue a atravesar un (fermosos) terreo montañoso.

  4. 04

    O Camiño de Inverno, por Montefurado

    Dixemos que non íamos falar do Camiño Francés, pero o Camiño de Inverno non deixa de ser unha alternativa a este, empregado dende tempos do Romanos para evitar o paso polo Cebreiro en época de neve. Esta vía entra en Galicia polo Barco de Valdeorras e circula en paralelo ao río Sil ata abandonalo en Nocedo (Quiroga). Antes, pasa por Montefurado, o túnel creado polos romanos na procura de ouro. 

  5. 05

    A Vía da Prata, ata o Mosteiro de Oseira

    A Vía da Prata comunica Andalucía e Estremadura por Galicia nun percorrido de sur a norte que entra no noso país a través da Pobra de Sanabria e A Gudiña. Despois, o camiño atravesa boa parte da provincia de Ourense, dende Verín a Cea. Aí, preto de Cea, atopamos o Mosteiro de Oseira, construído entre os séculos XII e XIII.

  6. 06

    Ribadavia

    Antes, a Vía da Prata pasa preto de Ribadavia, capital do Ribeiro e que acolle un dos casos históricos máis valiosos do país, no que destaca a súa xudería.

  7. 07

    O Camiño Portugués, dende Tui

    Dende o sur, o Camiño Portugués é sen dúbida o que máis está a medrar nos últimos anos. As estatísticas oficiais amosan que entre o Camiño Portugués da Costa (11,8%) e o do interior (19,9%) suman xa o 32% das Compostelas entregadas aos peregrinos. O camiño interior comeza en Galicia en Tui, a fermosa vila a carón do Miño que foi centro dunha das sete provincias históricas.

  8. 08

    Cabo Silleiro

    O Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola Guarda e vai a carón do litoral a través do Cabo Silleiro ata Baiona e A Ramallosa e de aí ata Vigo. En Cabo Silleiro pódese gozar de impresionantes vistas das Illas Cíes.

  9. 09

    Ruta Traslatio

    O camiño pódese facer a pé, en bicicleta, a cabalo... e en barco. Non hai que esquecer que unha parte dos peregrinos (por exemplo os das illas británicas) chegaban a Galicia atravesando o mar e, sobre todo, que a propia lenda do Apóstolo Santiago conta que o seu corpo chegou a Galicia navegando nunha barca de pedra. A Ruta Traslatio (ou Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla) recrea aquel percorrido, dende O Grove ata a antiga Iria Flavia, en Padrón.

  10. 10

    Cara a Fisterra, por Ponte Maceira

    Todos os camiños levan a Santiago, agás o que dende Santiago vai ata Fisterra, a fin do mundo. Este percorrido, que pode ser un epílogo a calquera das outras rutas, pasa por Ponte Maceira (entre Ames e Negreira) e Ponte Olveira (Dumbría).

  11. 11

    O Camiño Inglés, por Betanzos

    Rematamos de novo no norte, no Camiño Inglés que comeza en Ferrol ou na Coruña e que se converteu na terceira ruta máis transitada, despois do Camiño Francés e do Camiño Portugués. Se se opta por saír da cidade naval, o camiño pasa por Neda e Pontedeume para chegar a outra antiga capital provincial: Betanzos e o seu fermoso casco histórico medieval.

  12. 12

    Ordes

    As dúas vías do Camiño Inglés únense pouco antes de Bruma. Un pouco máis adiante pasan por Ordes, convertida nos últimos anos nunha das capitais da arte mural, con creacións que embelecen as fachadas e medianeiras dos seus edificios.