Unha ducia de recunchos no museo e na fábrica de Sargadelos
Sargadelos é moito máis ca unha fábrica de cerámica ou que un proxecto empresarial que transitou por múltiples avatares económicos e laborais, dende os máis doces ata os máis agres e conflitivos. O traballo creativo do Laboratorio de Formas e o proxecto impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane aínda ecoan nas fábricas da compañía en Sada e Cervo. Dende o pasado xullo, tamén no museo do complexo mariñán. Percorremos algúns dos seus recunchos.
-
01Un proxecto rompedor
O proxecto museístico coordinado por Micael Timiraos, que tamén exerce como guía nas visitas ao novo museo no complexo de Cervo, ten moi presente o legado de Isaac Díaz Pardo e Seoane e tamén o impacto do proxecto de Sargadelos e a súa creatividade, aínda baixo a ditadura. Como mostra, exemplares da prensa da época que reflectían o impacto que, por exemplo, causaban as xerras deseñadas por Díaz Pardo para reflectir os vicios humanos.
-
02Pezas históricas
O museo de Sargadelos custodia pezas históricas como a serie de cegos, na imaxe. Inspiradas nos deseños de Castelao, estas figuras foron unha edición limitada e actualmente, consideradas pezas de coleccionista.
-
03Deseño para o traballo diario
O museo de Sargadelos atesoura importantes pezas cerámicas, pero tamén mostras de deseño que a factoría incorporou no seu día a día dende o comezo. Como mostra, os diagramas sobre o proceso de elaboración da cerámica ou os rótulos que indicaban ao persoal como proceder para evitar a ruptura das pezas durante a súa elaboración.
-
04A biblioteca
A visita guiada por Timiraos inclúe o paso pola biblioteca. Decorada por deseños de, entre outros, Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo asasinado polos golpistas en 1936 -na imaxe, un dos carteis que deseñou para a campaña a prol do primeiro Estatuto galego-, esta biblioteca funcionou como un dos grandes epicentros creativos de Sargadelos. Os seus andeis atesouran grandes cantidades de volumes sobre deseño e creación que inspiraron múltiples traballos cerámicos, así como libros sobre historia, política e literatura galega. Actualmente os seus fondos están a ser revisados para unha mellor catalogación.
-
05A planta circular
A innovación do proxecto de Sargadelos foi tamén arquitectónica. O museo amosa tamén a xénese da emblemática planta circular do complexo de Cervo, erguida baixo mando do arquitecto Andrés Fernández-Albalat, falecido en 2019. A emblemática obra foi obxecto duns controvertidos traballos de pintado no propio 2019, que mesmo foron cuestionados dende a Xunta e que a empresa defendeu tanto dende o punto de vista creativo como para frear o "deterioro" do recinto.
-
06Ecos dos vellos galeguistas
A visita ao museo en particular e ao recinto en xeral está inzada de ecos dos vellos galeguistas e da vontade por preservar o patrimonio cultural galego que impulsou a Díaz Pardo e a Seoane, pero tamén á multitude de artistas que pasaron por Sargadelos nos seus obradoiros e encontros de formación e creación. Na imaxe, a escultura que representa a Castelao no exterior do recinto, obra de Vilma Villaverde.
-
07Os pequenos detalles
O recinto de Sargadelos en Cervo está tamén inzado de pequenos detalles dun proxecto que combinou o artístico co industrial. Unha mostra son, por exemplo, os sinais de tráfico que aínda guían a visitantes e provedores.
-
08Un traballo artesán
O percorrido deseñado na nova xeira de Sargadelos ofrece tamén a posibilidade de visitar a propia factoría e ver de preto o proceso creativo e de fabricación, dende que cada peza pasa polas mans do persoal -maioritariamente feminino- ata que chega aos fornos, cuxos manuais orixinais de manexo aínda colgan das paredes.
-
09Referencia internacional
A visita a Sargadelos amosa tamén o impacto internacional do legado creativo e industrial de Díaz Pardo e Seoane, dende as referencias en museos internacionais como o MOMA estadounidense ata as colaboracións con empresas galegas de proxección mundial. Na imaxe, fabricación de pezas encargadas pola cervexeira Estrella Galicia para as súas billas de cervexa en establecementos hostaleiros.
-
10A presenza de Díaz Pardo
A lembranza de Díaz Pardo está presente en Sargadelos nas súas pezas, nas súas imaxes e tamén noutros pequenos detalles. É o caso, por exemplo, desta pequena placa da homenaxe que lle tributaron as traballadoras da fábrica no ano 2006, representando aos "creadores" dun proxecto que "souberon ter consideración coas mulleres, igualándoas ao traballo dos homes".
-
11A táboa dos Irmandiños
A Táboa dos Irmandiños, o que fora comedor do persoal da fábrica de Sargadelos, vive dende este 2020 unha nova vida como taberna, unha experiencia gastronómica para acompañar a visita na que non falta a emblemática louza da factoría.
-
12A nova etapa
Tras os tempos convulsos na vertente económica e laboral, o proxecto asociado ao museo pretende dar pulo ao legado creativo que foi xénese de Sargadelos e tornou o seu traballo nunha icona do país.