Unha ducia de restaurantes galegos recoñecidos cos Soles da Guía Repsol
O mes pasado o restaurante compostelán A Tafona, de Lucía Freitas, incorporouse ao selecto club de establecementos recoñecidos con 3 Soles Guía Repsol, converténdose no terceiro galego que o consegue, uníndose a Casa Solla (Poio) e Culler de Pau (O Grove). Estréanse así mesmo, con 1 Sol os restaurantes ‘Marna’ (Pontevedra), ‘Alberte’ (Vigo), ‘O Secadeiro’ (Outes), ‘El de Alberto’ e ‘Gunnen’ (A Coruña), ‘Vértigo’ (Sober) e ‘Miguel González’ (Ourense). Galicia conta cun total de 49 restaurantes galardoados: 34 con Un Sol, 12 con Dous Soles e 3 con Tres Soles. Repasamos aquí algúns deles.
-
01A Tafona (Santiago)
A cociña galega está de moda. E unha das estandartes é Lucía Freitas e o seu restaurante A Tafona, que entrou no selecto club dos establecementos con 3 Soles (46 en todo o Estado e só tres en Galicia). Cada local ten o seu sinal da identidade e o da Tafona é a súa cociña comprometida co territorio e as produtoras de alimentos. Freitas combina mar e horta e reivindica os vexetais sinxelos.
Ademais, no seu proxecto Amas da Terra, Freitas busca poñer en valor o papel das mulleres, maioritariamente do rural, na cadea que conforma a gastronomía galega: produtoras agrogandeiras, mariscadoras e cociñeiras.
🟪🟧🟦 📺 EN VINTE | Vinte almorzando con Lucía Freitas -
02Casa Solla (Poio)
A Tafona uniuse aos outros dous restaurantes galegos que xa contaban con 3 Soles. Un deles é Casa Solla, en Poio. Dende a súa casa familiar Pepe Solla une tradición culinaria con sensibilidae contemporánea nunha carta que combina mariscos das rías galegas, peixes atlánticos, verduras da horta e carne de razas autóctonas.
-
03Culler de Pau (O Grove)
O outro galego no top de Repsol é Culler de Pau (O Grove), de Javier Olleros, que aposta por texturas delicadísimas sobre unha materia prima sobresaliente. Olleros busca a pureza do sabor en pratos nos que nada é unicamente decorativo, senón que todo ten a súa función.
-
04As Garzas (Malpica)
Este ano non houbo incorporacións galegas á segunda categoría da Guía Repsol (os 2 Soles), pero neste nivel hai un total de 12 restaurantes do país, ben distribuíndos polo territorio: dende Viveiro e Lugo ata Cambados ata Santa Comba ou Padrón.
En Malpica, As Garzas é un deles, con máis de 50 anos de experiencia, sempre mirando ao mar. O menú, responsabilidade de Fernando Agrasar, permite optar por unha vertente tradicional e outra máis moderna.
-
05O Camiño do Inglés (Ferrol)
En Ferrol, O Camiño do Inglés, o restaurante de Daniel López, aposta por mesturar a raíz galega coas influencias internacionais, en pratos como o kebab de polbo ou o centolo guisado con lentellas estilo black pepper crab.
-
06Maruja Limón (Vigo)
En Vigo, Maruja Limón, de Rafael Centeno e Inés Abril, acadou os 2 Soles o pasado ano cun menú que cambia en función da tempada e no que, como é habitual en Galicia, une terra e mar.
-
07Marna (Pontevedra)
Na terceira categoría, de 1 Sol, hai un total de 34 restaurantes galegos. Oito deles recibiron a distinción na edición deste ano. Repasámolos todos aquí:
O Marna de Pontevedra, situado na Praza da Ferraría, é o proxecto de Ismael López e Marta García Justo.
-
08Alberte (Vigo)
O restaurante de Alberte Gutiérrez, Alberte (en Vigo), aposta pola slow food e pola cociña de produto local e de tempada e unha presentación sen artificios.
-
09O Secadeiro (Outes)
O Secadeiro, situado en Banzas (Outes), o restaurante de Fernando Rodríguez e Eva Guzmán, destaca polo uso dos vexetais, algúns deles variedades recuperadas da zona.
-
10El de Alberto (A Coruña)
El de Alberto (A Coruña) é o restaurante de Alberto Prieto e do seu fillo Aitor. Todo un clásico na Coruña que recibe agora o seu primeiro Sol grazas a un impulso á súa cociña sen abandonar as bases que foron contruíndo o local.
-
11Gunnen (A Coruña)
Gunnen, no barrio coruñés de Matogrande, é o restaurante de Chechu Rey, que desenvolve unha cociña de investigación a partir da materia prima galega.
-
12Vértigo (Sober)
O Vértigo, en Sober, atópase en plena Ribeira Sacra, terra de viños e de paisaxe celestial. Cociña, viños e paisaxe únense no proxecto de Rafa Centeno que confirma o de que "para comer, Lugo".
-
13Miguel González (Ourenser)
O restaurante de Miguel González trasladouse do Pereiro de Aguiar ao centro de Ourense, nunha localización perfecta, fronte ao Mercado e ás portas do casco histórico.