Marcos Pérez Pena

Unha ducia de roteiros do Consello da Cultura para coñecer Galicia a través das súas letras

O Consello da Cultura Galega desenvolve o proxecto Roteiros da cultura, co obxectivo de "dar a coñecer os recursos culturais e paisaxísticos de Galicia" a través da vida e obra de autores e autoras. Trátase de itinerarios para realizar a pé ou noutros medios transporte que na web se acompañan de materiais documentais para coñecer mellor os distintos lugares de paso. O último roteiro engadido á lista (que xa suma 36 exemplos) é o que segue os pasos dos membros do Seminario de Estudos Galegos polas Terras de Melide, lembrando o traballo de campo realizado por eles hai un século.

  1. 01

    A Terra de Melide e o Seminario de Estudos Galegos

    O último roteiro incorporado ao proxecto visita os lugares nos que os integrantes do Seminario de Estudos Galegos levaron a cabo o traballo de campo e investigacións que deron lugar ao libro Terras de Melide, percorrendo espazos coma San Antolín de Toques, Pena Moura ou mesmo a Casa Aceitero, pensión na que se hospedaron os membros do SEG durante o seu traballo de estudo. 

  2. 02

    A Mariña de Lois Tobío

    Este roteiro permite coñecer a vila de Viveiro e outras localidades da Mariña occidental baixo os ollos e a vida do diplomático e escritor Lois Tobío, unha das voces do galeguismo da República e do exilio

  3. 03

    A Costa da Morte de Eduardo Pondal

    Eduardo Pondal foi o gran poeta da Costa da Morte. Este roteiro percorre o litoral dende Malpica ata a praia de Nemiña, amosando a inspiración de Pondal na toponimia e nas paisaxes da súa terra natal.

  4. 04

    Cunqueiro nas Terras de Miranda

    Falar de Cunqueiro é falar de Mondoñedo e das Terras de Miranda. Este roteiro toma a vila mindoniense como centro e percorre toda esta comarca, pasando por Riotorto, Vilanova de Lourenzá, Abadín, Meira, A Pastoriza.

  5. 05

    O Ferrol de Comerma

    Este roteiro, deseñado e escrito por Guillermo Llorca Freire con fotografías do do autor e de Mario Llorca Loureiro, percorre o centro histórico de Ferrol seguindo os pasos do científico e divulgador Andrés Avelino Comerma, o enxeñeiro Comerma

  6. 06

    Ribadeo indiano

    A pegada indiana en Ribadeo é innegable e o seu recordo chega ata nós todos os verán a través da festa do Ribadeo Indiano e está presente en construcións coma a Torre dos Moreno, a Casa do Óptico ou a Granxa-Escola Pedro Murias, presentes neste roteiro.

  7. 07

    Ares Indiano

    Ares é outra das localidades galegas que posúe un maior número de mostras da arquitectura indiana, coma a Alianza Aresana de Instrucción, de 1911, na imaxe, a casa de Antonio Vilar ou as casas das irmás Ramos Bugallo. Este roteiro percorre algunhas delas.

  8. 08

    Castelao no Barbanza

    Castelao naceu en Rianxo. Aínda que ao longo da súa vida outros lugares marcaron tamén a súa traxectoria (Pontevedra, Arxentina, Cuba...), o Barbanza foi clave para o político e intelectual. Este roteiro percorre moitos espazos da vila rianxeira, pero tamén do resto da bisbarra.

  9. 09

    Afonso X e Galicia

    O proxecto inclúe unha serie de sete roteiros que amosan a relación do rei Afonso X con Galicia, percorrendo o oeste e sur da provincia da Coruña, o sur da provincia de Ourense e a Ribeira Sacra, o conxunto da provincia de Lugo e o norte da de Pontevedra. Na imaxe, o mosteiro de Armenteira.

  10. 12

    Faraldo, alma e mente da revolución de 1846

    No Ano Faraldo, que en 2022 celebrou o 200 aniversario do nacemento en Betanzos do xornalista e político Antolín Faraldo, o CCG publicou este roteiro realizado por Xurxo Martínez González, centrado na cidade de Santiago. Faraldo trasladouse aos dez anos a Compostela coa súa familia e foi aquí onde liderou a revolución de 1846.