Unha ducia de rutas circulares de sendeirismo para facer este verán en Galicia
No folleto Sendas para descubrir un país de Turgalicia detállanse preto de 160 rutas de sendeirismo por distintos lugares do país. De maior ou menor dificultade, máis ou menos longas, circulares ou lineais, hai opcións para todos os niveis e prefererencias. Unha boa opción para este verán saír á natureza, ás veces fuxir da calor e coñecer o territorio. Velaquí unha escolma de sendeiros circulares (que comezan e rematan no mesmo lugar).
-
01Camiño Real de San Pedro de Rocas
O Camiño Real de San Pedro de Rocas, de 9 quilómetros de lonxitude e saída e chegada a Esgos, ten dificultade baixa e unha gran beleza nas súas paisaxes e no propio camiño, que conserva o seu empedrado tradicional e muros laterais. Ademais, ofrece a posibilidade de visitar o irrepetible mosteiro de San Pedro de Rocas, do século VI.
-
02Ruta do Xabriña
A Ruta do Xabriña, de 17 quilómetros e saída e chegada en Paraños (Covelo), percorre as ribeiras do río Xabriña, afluente do Tea. Fontes, pontes e muíños (unha trintena) acompañan o camiñante no percorrido.
-
03Ruta do Bidueiral de Gabín
O bosque de bidueiros de Gabín atópase na cara norte da sierra de San Mamede, en Montederramo. Está considerado o bidueiral máis meridional de Europa. Con 9 quilómetros, esta ruta de dificultade baixa sae e volve a Campo do Casar.
-
04Ruta da Fraga de Vilapena
Ruta da Fraga de Vilapena, de dificultade media e 11,2 quilómetros, parte da Área recreativa de Chao do Couso, en Trabada. Dende o cume de Chao Grande (770 m) obsérvase a fermosa paisaxe que o rodea.
-
05Roteiro dos Megalitos
O Roteiro dos Megalitos, en Toques, non é totalmente circular, pero Mirallos e o Monte do Peneiral, inicio e final, atópanse moi próximos. Con 12 quilómetros de lonxitude, a ruta ten dificultade media e presenta como principal atractivo O Forno dos Mouros, un dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia.
-
06Ruta do Ouro e do Camiño Real
A Ruta do Ouro e do Camiño Real é unha das moitas rutas homologadas que discorren polo termo municipal de Quiroga, como Ruta da Lagoa da Lucenza ou o Camiño do Ferradal. Con 16 quilómetros de lonxitude sae e regresa ás Covas do Medo en Margaride, cunha dificultade media-alta, debido ao ascenso que se realiza ao Castro Dares, dende onde se pode gozar de fermosas vistas.
-
07Ruta das Almiñas e do Foxo do Lobo
A Ruta das Almiñas e do Foxo do Lobo, de 10,8 quilómetros, sae e volve á Igrexa de Caritel, en Ponte Caldelas. Inclúe no seu percorrido este elemento tradicional empregado para a captura e morte deste animal.
-
08Sendeiro Os Bosques Máxicos do Castro de Caldelas
Neste caso, o sendiro forma dous aneis que se unen na praza do Prado da capital municipal do Castro de Caldelas. En conxunto, as dúas rutas circulares suman 20,6 quilómetros, o que lle confere unha dificultade media-alta. No percorrido atravésanse bosques, viñedos e as ruínas do mosteito de San Paio de Abeleda.
-
09Sendeiro As Fragas da Ribeira e do Lostegal
O Sendeiro As Fragas da Ribeira e do Lostegal ten 19 quilómetros de lonxitude e unha dificultade media-alta, pois inclúe subidas coma a do Alto da Carballeira (667 m). Sae e regresa ao Parque da Fraga das Pontes de García Rodríguez.
-
10Ruta Val do Glaciar de Prada
En Manzaneda tamén son vaias as rutas que se poden facer. Entre elas a do Val do Glaciar de Prada, que ten algo máis de 15 quilómetros circulares, ademais dun desvío de 2,4 quilómetros que se pode facer para ampliar o percorrido. Sae e regresa á Igrexa parroquial de San Miguel de Bidueira e no camiño se pode var o Circo Glaciar de Prada, que hai milleiros de anos deu forma á paisaxe.
-
11Sendeiro das Fragas e Levadas do Calvo e Deva
Na Caniza, o Sendeiro das Fragas e Levadas do Calvo e Deva suma algo máis de 16 quilómetros, aínda que o groso do camiño (circular) ten apenas 11. Sae e regresa ao lugar da Ponte e polo medio percorre o río Deva e o regato Calvo e os seus muíños.
-
12Subida ao Monte da Muralla
A Subida ao Monte da Muralla parte e regresa á Ermida (Concello de Rianxo). Son 14,7 quilómetros, pero de certa dificultade, ao ascender a case 700 metros de altitude. Un lugar, iso si, con fermosas vistas ás rías de Arousa e Muros e Noia.
-
13Senda da Fraga do Barragán
A Senda da Fraga do Barragán, en Pazos de Borbén, ten 17,3 quilómetros con saída e regreso ao Torreiro, no Cabo de Raña. O camiño nunca perde a referencia do río Barragán, os seus bosques, pontes e muíños.
-
14Sendeiro de Pena Guímara
O Sendeiro de Pena Guímara, na Fonsagrada, parte do Colexio de Vilardíaz. Ten 11 quilómetros de lonxitude e a través de corredoiras penetra nas belezas da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
-
15Ruta do Mar de Corme e Ribeira do Anllóns
A Ruta do Mar de Corme e Ribeira do Anllóns pódese realizar pola costa ou por unha vertente interior. Ten uns 11 quilómetros de lonxitude, dificultade baixa, e inclúe no percorrido a curiosa Pedra da Serpe (na imaxe)
-
16Ruta Morgallón-Rio Sor-Morgallón
Para rematar, a Ruta Morgallón-Rio Sor-Morgallón, no Vicedo, percorre as ribeiras do río Sor cun camiño de dificultade baixa e 9 quilómetros de lonxitude que inclúe unha central eléctrica abandonada e unha cadeira de ferro que antigamente permitía cruzar o río grazas a unha polea.