Praza Pública

Unha ducia de rutas en bici pola paisaxe galega

A Xunta activou nos últimos meses un visor de rutas ciclistas de "gran valor paisaxístico" e "alto grao de ciclabilidade" que recompila 52 recorridos con máis de 2.300 quilómetros. Non son as únicas rutas posibles, de feito o visor non inclúe ningunha das catro vías verdes existentes en Galicia por antigos trazados ferroviarios, pero a web supón unha importante achega á cultura da bicicleta no país. 

  1. 01

    O visor

    O proxecto A Paisaxe de Galicia desde a Bicicleta inclúe un visor con xeolocalización das 52 rutas incorporadas.

  2. 02

    Información

    Para cada ruta o sistema ofrece información como a distancia, o nivel de dificultade, o perfil ou o tipo de pavimento de cada treito, e enlaces a outras aplicacións empregadas habitualmente por ciclistas.

  3. 03

    Descargables

    De cada ruta tamén se pode descargar a xeolocalización e unha ficha en PDF coas súas principais características.

  4. 04

    Circular, doada e de menos de 20 km

    Empregando os filtros da aplicación pódense buscar rutas con distintas características. Unha doada, circular e de menos de 20 quilómetros, en concreto 14,5, é esta por miradoiros da Ribeira Sacra en Sober

  5. 05

    Lineal, moi dura e de máis de 50 km

    No outro extremo, unha ruta moi dura, lineal e de máis de 50 quilómetros pode ser esta de 62 quilómetros entre A Mezquita e Viana do Bolo

  6. 06

    Circular, moderada e entre 20 e 30 km

    Nun punto intermedio, unha ruta circular, de dificultade moderada e de preto de 30 quilómetros, pode atoparse esta ruta no concello do Corgo

  7. 07

    Por tipos de paisaxe

    Os filtros da web tamén permiten seleccionar o tipo de paisaxe, de interior ou costeira, neste último caso con rutas na Mariña, o Barbanza, Estaca de Bares ou o monte Pindo

  8. 08

    Varias rutas nos mesmos espazos naturais

    Nalgúns lugares, como nas Fragas do Eume, ofrécense rutas de maior ou menor dificultade e distancia

  9. 09

    Por etapas

    Algunhas das rutas tamén están divididas en etapas, como o denominado camiño natural do Cantábrico

  10. 10

    Outros recursos turísticos

    Outras rutas están relacionadas con outros recursos turísticos da contorna, como esta ruta de 'enoturismo a pedais' polo Rosal

  11. 11

    Por concellos

    A web tamén permite filtrar por concellos, o que amosa, por exemplo, ata sete rutas circulares no concello de Ordes

  12. 12

    Confluíntes

    Unha curiosidade da web é que ofrece tres rutas distintas de acceso ao centro xeográfico de Galicia, desde Lalín, Melide e Chantada. Iso si, as tres son cualificadas como duras e de entre 30 e 36 quilómetros.