Unha ducia de Sitios á sombra
Galicia pasa a primeira fin de semana de xullo con temperaturas tropicais. Medio país está en alerta amarela ou laranxa pola calor e cómpren alternativas aos clásicos "beber auga e hidratarse" que reiteran algúns informativos televisivos antes de atacar con vídeos de gatiños acabados de chegar do Youtube. Eis algunhas ideas.
-
01Soportais en Compostela
A capital, como outras vilas e cidades galegas, ofrece a posibilidade de pasear por baixo de soportais tan útiles para evitar a chuvia como para protexerse do sol. E se o fresco da pedra non abonda, non faltan tabernas para hidratarse, como mandan na tele.
-
02
A Ribeira Sacra
Onde o Miño e o Sil confunden os territorios de Lugo e Ourense a Ribeira Sacra preséntase como un espazo privilexiado, case tanto como o seu microclima. Se o plan é buscar unha sombriña non faltan arboredas, casiñas rurais e mesmo praias (si, praias) que permiten refrescarse con toda tranquilidade.
-
03Piscinas naturais do río Pedras
O turístico concello da Pobra do Caramiñal ofrece unha posibilidade de baño e tranquilidade que non ten nada que ver coas súas coñecidas praias. Ao seu paso polo municipio o río Lérez forma as coñecidas como piscinas naturais, pozas de auga ben fresca ao carón das árbores.
-
04Cova do rei Cintolo
Na parroquia de Argomoso, en Mondoñedo, atópase a cova do Rei Cintolo. Cando o sol apreta fóra este semella un lugar ideal para refuxiarse entre estalactitas e correntes de auga na cova con maior percorrido horizontal de Galicia.
-
05Música na noite
Cando hai sombra asegurada pola noite. Se ademais se quere acompañar de boa temperatura e mellor música unha boa opción é o Música na noite de Teo, que desta volta abrangue dende a potencia de Terbutalina ao son galego de Quempallou.
-
06Sesión vermú c'Os da Ría
Un cúmulo de casualidades levaron a que o grupo humorístico e musical Os da Ría vaia ofrecer a súa versión máis íntima esta fin de semana na terraza do compostelań café-bar O Trece. Arturito Puy (Carlos Meixide) e Fabián Santomé (Tomás Lijó) acompañarán cos seus temas o vermú e o churrasco cun atuendo cuxa parecida coa realidade, futura ou pasada, é pura coincidencia (ou non).
-
07A Mariña lucense
Toda Galicia está a ferver pero a única zona do país na que se prognostican nubes é A Mariña lucense. Se cadra, este é un bo pretexto para achegarse ás súas praias de augas sensiblemente máis mornas que no bravo Atlántico.
-
08Ao fresco da cultura e da historia
Ás cinco da tarde do sábado, cando o sol máis quenta, a Fundación Alexandre Bóveda e Filmika Galaika ofrecen a posibilidade de gozar co documental A fazaña da liberdade, sobre a vida e obra do ilustre galeguista.
-
09Na Peixaría
Seguro que hai máis dunha sombra dende a que atender ás explicacións que este sábado van dar Julia Vázquez, Valerio González, Iago Carro, Estevaíña Calo e Xurxo Souto no roteiro polo barrio da Peixaría, na Coruña, organizado polo Proxecto Peixe.
-
10Na praia
Pero por baixo do parasol, que non está a cousa para brincar coa radiación ultravioleta...
-
11No mercado
Este 6 de xullo a praza de abastos de Lugo acolle unha edición especial do mercado da terra. Haberá produtos locais, artesáns e ecolóxicos e mesmo unha cata de cervexas para levar mellor a calor
-
12
... ou na casiña
Se non es das persoas que queren arriscarse a unha boa sueira ou che dá por emular aos Mecano se cadra o máis prudente é pasar esta fin de semana á sombriña da propia casa