Mourullo

Unha ducia de suxestións a non perder no Carballo Interplay

Chega a primavera e volve o Carballo Interplay. Desde o mércores 4 ata o sábado 7 de abril a capital de Bergantiños acolle a quinta edición dun dos mellores festivais de contidos audiovisuais da península. Velaquí unha ducia de suxestións, de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

  1. 01

    As webseries

    Desde Australia ata Finlandia, do Líbano ata o Canadá, terás ocasión de petiscar dunha escolma de corenta e dúas webseries de todos os estilos e procedencias que compiten na sección oficial.

  2. 02

    Estrea: Hai vida en Bran?

    A noitiña do xoves é para a gañadora do premio a proxecto de webserie en galego no anterior Carballo Interplay. Creada e protagonizada por Ángela Andrada, e acompañada dun feixe de personaxes que buscan rachar cos tópicos.

  3. 03

    Atrapados na rede

    Agora que podemos facer practicamente calquera cousa cun móbil, igual é o momento de parar pensar que é o que entregamos de vez. A xente de NoLegalTech ofrecerá unha pequena guía de supervivencia para evitar que perdamos o poder que temos.

  4. 04

    Ojo cuidao!

    Un show de humor, mais tamén un programa de radio. E con público. De que serán capaces Víctor Grande e os seus egrexios, eminentes e insignes colaboradores no medio de tanto talento dixital como haberá no Interplay?

  5. 05

    Youtube, Instagram e outros espellos dixitais

    Tres referentes da creación de contidos nas redes sociais como Abi Power (Abigaíl Frías), Perra de Satán (Beatriz Cepeda) e Percebesygrelos (Carolina Iglesias) contarán da súas peripecias na elaboración dunha identidade pública en internet.

  6. 06

    Estrea Playz: El punto frío

    A noitiña do venres é para a estrea dunha serie que busca reivindicar o legado da tradición oral, das lendas que cruzan feitos reais coa ficción, cun rapaz obsesionado polo paranormal que chega ata unha vila galega coa teimosa certeza de que "algo" misterioso está a piques de suceder. De propina: poderás coincidir co equipo, no que están David Solans, Celso Parada, Camila Bossa ou Toni Salgado.

  7. 07

    Tendencias, multimedia e xornalismo para millennials

    De como está a cambiar e de como nos está a cambiar o panorama mediático, coas novas formas de contar a actualidade, conversarán Iago Fernández (Tentaciones), Noa Cid (VICE), Guillermo Carreras-Candi e Josune Imizcoz (Playground) e Beatriz Cepeda (Yasss).

  8. 08

    Como petamos as redes con Operación Triunfo

    Belena Gaynor e Carolina Iglesias debullarán nas razóns que fixeron que esta edición do concurso non fora "outra máis do mesmo", e mirar que hai que aprender para implicar a audiencia máis nova nos formatos de entretemento.

  9. 09

    Antes todo isto era mambo. Código Fonte Audiovisual con Carlangas

    “Pasar polos sitios sen que os sitios pasen por ti. O turismo como o gran timo deste século". Este será o punto de partida e a escusa perfecta para que Carlos Pereiro, Carlangas, voz e guitarra dos Novedades Carminha, partille connosco dunha selección dos seus referentes audiovisuais.

  10. 10

    Tertulia con Abi Power: Se a beleza non existise

    Perra de Satán, Belena Gaynor e Teresa Segura (madriña do festival) falarán con Abi Power sobre que cousa sería este mundo se os canons de beleza non se empeñasen, obcecasen e obstinasen en existir.

  11. 11

    Gala de clausura "Misterios de Universos para-lelos" con Akira Valero

    “Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposible?” é o título do capítulo do programa que Akira Valero pretende gravar na gala, cun percorrido pola vida e obra dalgunhas das mulleres que participan no Festival, e coa súa testemuña descubrir a resposta de semellante pregunta. Todo baixo a atenta mirada de Hedy Lamarr e das mulleres pioneiras que son a imaxe gráfica desta edición do CIP.

  12. 12

    Sesión vermú, show e festa de clausura

    E ademais: Sesión vermú con MounQup, o proxecto musical de Camile Hèdouin, unha música francesa que cambiou Nantes pola Bola; ‘Guasa & Melanco’ o novo show de Carlo Padial, que promete a mellor e a peor noite da túa vida; e unha Festa de clausura coa música difícil de clasificar do trío vigués IGMIG e coa cultura pop de DJ Percebes y Grelos.