Marcos Pérez Pena

Unha ducia de encoros galegos

Moito se está a falar nas últimas semanas sobre os encoros, despois de que a Xunta introducise no debate a posibilidade de construír novas infraestruturas hidráulicas para paliar os efectos das secas máis extremas provocadas polo cambio climático. De momento, podemos falar das presas actualmente existentes, entre as que destaca esta ducia polo seu tamaño, a súa importancia na xeración de electricidade ou polo seu papel clave no fornecemento de auga potable para áreas urbanas galegas.

  1. 01

    Encoro de Pontillón de Castro

    O encoro do Pontillón do Castro está situado na parroquia de Verducido (Pontevedra) e fornece de auga potable á cidade. Construída entre 1943 e 1956, recibe a auga do río Rons (tamén chamado Loural) e outros regatos da zona. Xunto coa captación do Lérez a auga potabilízase na ETAP situada na estrada de Couso-Lérez.

  2. 02

    Encoro de Belesar

    O encoro de Belesar construíuse no ano 1963 no Miño e constitúe a presa máis grande deste río. Sitúase entre os concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín, cunha superficie total de 2.000 hectáreas (20 quilómetros cadrados), con 50 quilómetros de lonxitude e 135 metros de profundidade máxima.

    O encoro, obra do enxeñeiro Luciano Yordi de Carricarte, foi creado para dar servizo a unha central hidroeléctrica, que na actualidade é xestionada por Gas Natural Fenosa.

    A súa construción asolagou grandes extensións de terreo fértil e terras de cultivo, ademais da desaparición do Castro Candaz (que reaparece en épocas de seca) e da vila de Portomarín, que se reedificou noutra localización.

    O Galiverso: un paseo polas rúas do vello Portomarín asolagado baixo o encoro de Belesar

    GALERÍA | Castro Candaz: A cidade das sereas do encoro de Belesar

  3. 03

    Encoro do Eume

    O encoro do Eume, o meirande dos dous construídos neste río, foi proxectado tamén polo enxeñeiro Luciano Yordi de Carricarte e construído entre os anos 1955 e 1960. Ocupa unha superficie de 450 hectáreas, cunha lonxitude total de 15 quilómetros, entre os concellos da Capela, As Pontes e Monfero.

    Ocupa parte do espazo natural das Fragas do Eume e dende hai décadas grupos ecoloxistas denuncian os prexuízos medioambientais xerados polo encoro, xestionado por Endesa. En 2010 a fiscalía de Medio Ambiente denunciou a empresa por non manter o caudal biolóxico neste treito do río.

  4. 04

    Encoro de Velle

    O encoro de Velle foi inaugurado en 1966, recollendo as augas do río Miño nas proximidades da cidade de Ourense, Está situado na parroquia de Velle, ao norte da urbe. Emprégase para o abastecemento de auga potable e tamén ten unha central hidroeléctrica.

  5. 05

    Encoro de Cecebre

    O encoro de Cecebre sitúase entre Abegondo, Betanzos, Cambre e Carral, e foi construído entre 1975 e 1976 na confluencia do río Barcés e o río Mero. Propiedade do Concello da Coruña, deseñouse para fornecer de auga potable á cidade.

    A superficie do encoro e dos ríos que que achegan a auga son espazo naturais que foron declarados como zona especial de conservación (ZEC).

  6. 06

    Encoro dos Peares

    O encoro dos Peares foi construído en 1955 no río Miño entre os concellos lucenses de Carballedo e Pantón. A súa capacidade é de 182 hm³ e ocupa unha superficie de 535 hectáreas.

  7. 07

    Encoro de Zamáns

    O Encoro do Alcalde Pérez-Lorente, habitualmente coñecido como encoro de Zamáns, foi creado en 1960 no río de Zamáns, no concello de Vigo para fornecer de auga potable á primeira cidade de Galicia. Ata a construción do encoro de Eiras en 1977 era o único sistema de abastecemento de auga da cidade.

    Trátase dun encoro de pequeno tamaño, cunha capacidade é de 2,2 hm³ e ocupa unha superficie de 20 hectáreas, cunha profundidade máxima de 29 metros.

    A conselleira de Medio Ambiente ratifícase en querer máis encoros e Caballero pide outro para Vigo

  8. 08

    Encoro das Conchas

    O encoro das Conchas construíuse nos anos 40 do século pasado no río Limia, inaugurado en 1949, e tomou o seu nome do lugar das Conchas, no concello de Lobeira, a carón do que se sitúa a presa. Ten unha superficie total de 645 hectáreas, entre os concellos de Lobeira, Muíños e Bande. 

    Foi o primeiro grande encoro construído por Fenosa e a súa creación supuxo o asolagamento de Aquis Querquennis, os Baños de Bande e da Ponte Pedriña.

    Nos últimos anos está a presentar un grave problema de concentración de cianobacterias debido aos vertidos de granxas de gando porcino existentes na zona.

    Aínda sen auga "limpa e segura" na Limia: reclaman que Xunta e Estado cumpran a sentenza do encoro das Conchas

  9. 09

    Encoro da Fervenza

    O encoro da Fervenza construíuse no ano 1966 río Xallas, entre os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Trátase da presa meirande neste río, cunha a capacidade de 103 hm³ e unha superficie de 1.250 hectáreas. 

    Creado para dar servizo a unha central hidroeléctrica, inundou grandes vales e extensas áreas de cultivo.

    Entre o encoro e a desembocadura en forma de fervenza do Xallas pódense atopar tres presas hidroeléctricas máis: a da Ponte Olveira, Castrelo e a de Santa Uxía.

  10. 10

    Encoro de San Martiño en Petín

    O encoro de San Martiño foi construído no ano 1956 no río Sil, entre os concellos da Rúa e de Petín, cunha pequena parte en Quiroga. Na actualidade pertence a Iberdrola.

  11. 11

    Encoro de Portodemouros

    O encoro de Portodemouros está situado no río Ulla, entre os concellos de Arzúa e Vila de Cruces, aínda que abrangue tamén espazos dos concellos de Santiso e Agolada. Ten unha capacidade total de 297 hm³

  12. 12

    Encoro de Prada

    O encoro de Prada foi construído entre os anos 1955 e 1958 no río Xares, no concello da Veiga. A súa construción a cargo da empresa Moncabril provocou o asolagamento da aldea de Alberguería. De feito, é tamén coñecido como presa da Alberguería ou Albergaría.