Rueda confirma un plan para "no caso de ser preciso, estudar novos encoros"

O presidente Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Consello da Xunta deste martes CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Cos nove encoros de abastecemento competencia da Xunta ao 62,5%, 15 puntos por baixo da media dos últimos cinco anos, o Goberno galego anuncia un plan de revisión das infraestruturas hidráulicas que teña en conta "a nova realidade climática"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este martes, tras a primeira reunión do seu Goberno tras as vacacións do verán, que vai encargar "un plan para reforzar a eficiencia das instalacións hidráulicas". Dez días despois de que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, declarase e se ratificase en que ve necesarios máis encoros porque "ao final a auga acaba no mar", o presidente confirmou que o novo plan, ademais de estudar o xeito de mellorar as infraestruturas xa existentes, ten entre os seus obxectivos "no caso de ser preciso, estudar planificadamente novas infraestruturas como encoros ou presas".

Na súa intervención deste martes Rueda comezou facendo balance da situación actual do abastecemento na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a que é competencia da Xunta. Desde o pasado 11 de agosto nela hai 32 concellos en alerta por escaseza de auga, e tanto nela como na demarcación Miño-Sil, competencia do Estado, a gran maioría do resto de concellos están en situación de prealerta. 

Segundo o dato facilitado polo presidente este martes, os 9 encoros de subministro á poboación de Galicia-Costa presentan unha ocupación actual do 62,54%, 15,6 puntos por baixo da media dos últimos cinco anos. 

"As chuvias aliviaron algo a situación", sinalou Rueda, pero apelando igualmente á responsabilidade no consumo de auga. E nesa liña anunciou a elaboración dun "plan para reforzar a eficiencia das instalacións hidráulicas". Un estudo co que a Xunta quere "avaliar o estado dos sistemas", "prever a evolución futura da demanda de auga" e "ter moi en conta a nova realidade climática á que nos enfrontamos".

O encoro de Baiona, en situación de alerta, este pasado sábado CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta di apostar polas augas subterráneas e pola reutilización en procesos industriais e no sector agrogandeiro

A análise que vai acometer a Xunta quere entre outras cuestións estudar as perdas por evaporación, que Rueda considerou relevantes durante este verán, así como afondar no estudo das augas subterráneas para consumo humano. Tamén se quere apostar pola "reutilización en procesos industriais que demandan moita auga e no sector agrogandeiro". E, "no caso de ser preciso, estudar planificadamente novas infraestruturas como encoros ou presas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.