David Lombao

Unha ducia de trebellos escolares senlleiros

Vén de comezar o curso escolar en Infantil e Primaria e está a piques de facelo na ESO e no Bacharelato. Alén da LOMCE e das dificultades coas que a escola pública ten que loitar para se poñer en marcha de novo houbo e hai unha serie de trebellos que, no foro interno das nenas e nenos, facían e fan un chisco máis agradable o retorno á rutina. Algúns xa son case pezas de museo, pero seguen tendo o seu aquel.

  1. 01

    O estoxo metálico

    Simple ou de dous pisos, ten a capacidade de manter os lapis, pinturas e bolígrafos máis ou menos ordeado. Nalgúns centros escolares sucumben á tentación de seren pintados con tintas permanentes por fóra. O ruído do seu impacto contra o chan ao caeren dos pupitres fan que non sexan moi amigos do persoal docente.

  2. 02

    A goma Milán

    Un clásico aínda vixente. As máis frecuentes adoitaban ser as cadradas, que co uso ían tornando aos pouco en redondas. Tamén existía o modelo Nata, que segundo a versión dalgúns rapaces e rapazas podía ser comida sen perigo ningún, se cadra por cousa do nome. Isto último nunca chegou a demostrarse.

  3. 03

    A goma de (presuntamente) borrar bolígrafo

    Falemos claro. Estas gomas duplas que, supostamente eran o remedio a todos os males porque por un lado borraban lapis e polo outro, bolígrafo, eran unha gran mentira contada á infancia. Non borraban o bolígrafo, rañaban na folla de papel ata practicamente furala. Dito queda.

  4. 04

    O 'plumier' duplo

    Tiña de todo, algunhas cousas nuncas as usabas, pero tíñalas. Se eras a primeira ou o primeiro en chegar á clase con semellante plumier estabas, ata novo aviso, un chisco por riba do resto. Un feixe de cores, a lapis por un lado e a rotulador, polo outro. Goma, afialapis, escadra e cartabón... A navalla suíza da escola!

  5. 05

    A mochila de rodas

    Dende mediados dos 90 comezou a estenderse o seu uso, que sobre todo no seu inicio tivo dúas tendencias: o daquelas nenas e nenos que levaban a mochila e as rodas nunha soa peaza ou o daqueloutros que lle puñan as rodiñas á súa mochila de sempre. Todo un avance para liberar as sufridas costas infantís do peso dos libros, aínda que a dor de costas pode acabar por ser substituída pola de ombro ou de man.

  6. 06

    Os parches

    Se cadra xa non son tan omnipresentes coma antes, pero antes eran un elemento máis, case omnipresente, do ecosistema escolar. Cóbados e xeonllos podían lanzarse contra o pavimento do patio escolar sabendo que sempre podería haber un parche para paliar os excesos de entusiasmo infantil.

  7. 07

    O afialapis duplo

    Se cadra nunca pensaras que o precisabas ata que te enfrontabas, por exemplo, a unha desas ceras tan grosas. Como lles sacabas punta con xeito? Contan que houbo algún neno que meteu o dedo no buraco grande, por probar. Non o tenten nas súas casas.

  8. 08

    A cor carne

    Cor carne caucásica, por sermos rigorosos. As figuras humanas son uns dos debuxos máis recorrentes na escola e, por estas latitudes, resultaba un chisco difícil pintar caras, brazos e pernas semellantes ao cor da propia pel. Era neste punto onde irrompía a denominada "cor carne", que non estaba dispoñible nin sequera en todos os plumieres duplos. Había quen a substituía por un laranxiña pouco intenso ou polo rosa. E aínda haberá quen fale de "orgullo blanco" e andrómenas desas.

  9. 09

    O forro dos libros (adhesivo ou non?)

    Inmortal elemento do comezo de curso, capa protectora dos libros contra as inclemencias da vida diaria. Un dos debates centrais neste asunto é se é máis acaído o forro adhesivo ou o que non o é, todo un tema...

  10. 10

    O Dymo de antes

    Fantástica maquiniña para ter libros, cadernos, estoxos e o que proceda ben identificados. Foi paulatinamente substituídas polas versións electrónicas, trebellos que, nin de lonxe, teñen o encanto do tareco orixinal e as súas cintas plásticas de cores. Por non falar do tempo que podía levar ir facendo, letra por letra, as etiquetas de todo o material escolar.

  11. 11

    O tipp-ex

    Primeiro foi en pincel, despois en bolígrafo e, por último, nunha cinta moi limpiña. O tipp-ex é un chisco máis eficiente que a devandita goma que dicía borrar bolígrafo pero non o facía. Así e todo, está desterrado de non poucas aulas. Mención aparte merece a súa especial adherencia á roupa infantil.

  12. 12

    Os bolígrafos multi cor

    Pertencente á clase alta do material escolar, se cadra comparable ao plumier duplo. En raras ocasións podían ser utilizados na aula, pero contar cun bolígrafo con tantas cores era unha verdadeira marabilla.