Unha ducia de vídeos de Galicia no NO-DO: 40 anos dun país en branco e negro
O Noticiario Cinematográfico Español, máis coñecido como NO-DO (acrónimo de Noticias y Documentales) funcionou como instrumento de propaganda da ditadura franquista dende o ano 1943, proxectándose nos cines antes de cada longametraxe. Galicia foi escenario ou protagonista de medio milleiro de noticias, que nunha gran porcentaxe amosaban actos e inauguracións a cargo do propio ditador e que, ademais, constribuían a asentar unha serie de estereotipos folclóricos sobre Galicia. Todo o arquivo do NO-DO, custodiado por Filmoteca Española (e as filmacións sobre Galicia tamén polo CGAI), pode consultarse online na web de RTVE.
-
01
Tren entre A Coruña e Compostela (1943)
Dende o primeiro ano de proxeccións do NO-DO Galicia ten presenza a través deste tipo de gravacións nas que Francisco Franco, recibido entre saúdos fascistas, procedía á inauguración de infraestruturas (en boa medida realizadas polos gobernos republicanos, coma no caso do tren entre A Coruña e Santiago ou da Ponte do Pedrido). O ditador tamén visitaba o Arsenal de Ferrol ou asistía a unha concentración mariñeira en Ribeira.
-
02
Veda do molusco nas rías galegas (1952)
Aínda que o NO-DO era en boa medida un "Franco mirando cousas", os vídeos sobre Galicia tamén amosaban unha visión da Galicia “estereotipada” e limitada ao “tópico gastronómico e folclrórico”, como destacou Beatriz Busto no seu libro Um país a la gallega. A Galiza no NO-DO franquista. Neste caso dando conta da apertura da “veda dos moluscos” cunha banda sonora que podería encaixar tamén en Lawrence de Arabia.
-
03
Romaría da Franqueira (1953)
Esa imaxe "folclórica" de Galicia vese perfectamente neste vídeo sobre a romaría da Virxe da Franqueira ou tamén nos dedicados á Romaría de Santa Margarida, na Coruña, e outras, así coma a gran presenza dos "bailes rexionais" nas gravacións dos propios actos oficiais do réxime.
-
04
Franco en Meirás (1954)
Moitas das pezas teñen como escenario o Pazo de Meirás, onde Franco pasaba varias semanas cada verán e celebraba Consellos de Ministros. Ramón Saiz de la Hoya, o operadores de cámara do NO-DO que máis veces retratou o ditador nestas filmacións dixo anos despois que Franco "non tiña ángulo bo ningún, non se lle podía retratar dende arriba, parecía unha aceituna".
-
05
Inauguración do primeiro supermercado da Coruña (1958)
O feito de que Franco pasase parte do verán en Meirás fixo que A Coruña e a súa contorna fosen escenario dun gran número de filmacións do ditador. Tamén a través de inauguracións, coma a da Fábrica de Armas da cidade herculina ou a do primeiro supermercado de Galicia.
-
06
Inundacións en Galicia (1960)
O NO-DO informaba tamén de sucesos de actualidade, como foron as graves inundacións sufridas por varias zonas de Galicia, como Padrón e Pontecesures en 1960.
-
07
Inauguración de ENCE (1963)
ENCE instalouse na ría de Pontevedra en 1957, pero a factoría non foi inaugurada por Franco ata seis anos despois, un acto recollido tamén polo NO-DO, nun momento no que a pasta de papel aínda empregaba o piñeiro como materia prima, xusto antes de que se comezase a utilizar o eucalipto de forma masiva.
-
08
Inauguración do encoro de Belesar (1963)
Outra das grandes inauguracións dese ano foi a do encoro de Belesar, que obrigou ao traslado da vila de Portomarín, que ficou asulagada.
-
09
Primeira visita do príncipe Juan Carlos a Galicia (1969)
En 1969 o futuro monarca Juan Carlos I, que ese mesmo ano foi designado por Franco como sucesor a título de rei, visitou Galicia por primeira vez, pasando pola Coruña ou Sada. Sete anos despois, o NO-DO recolleu tamén a primeira visita a Galicia de Juan Carlos I e Sofía xa como rei e raíña, en 1976.
-
10
Derbi galego (1970)
No NO-DO tamén había espazo para os deportes, coma nesta reportaxe sobre o Dépor-Celta que se xogou en Riazor en 1970 e que rematou con vitoria dos celestes por 0-1, un resultado que foi determinante para o descenso dos coruñeses a Segunda División
-
11
Franco pescando (1970)
O NO-DO amosaba unha Galicia idílica, sen problemas sociais nin represión, sobre todo a través das filmacións do ditador, gozando moitas veces das súas afeccións en plena natureza. O libro Galicia en NO-DO, comunicación, cultura y sociedad, analiza o tratamento, obra de Natalia Alonso Pazos, Héctor Paz Otero y Fernando Redondo Neira, baixo a dirección de José Luis Castro de Paz, analiza a imaxe do país que creaban estas gravacións.
-
12
Presentación do Seat 131 (1975)
O NO-DO gravouse e proxectouse maioritariamente en branco e negro, pero nos últimos anos comezou a introducir a cor, como nesta presentación do último modelo de Seat, o 131, para o que se escolleron distintas localizacións galegas.
-
13
Novo disco de Juan Pardo (1976)
O NO-DO naceu como instrumento de propaganda da ditadura pero sobreviviu á morte do ditador, aínda que nos últimos anos -transformado en Revista Cinematográfica e totalmente en cor a partir de 1977-, mudou bastante os seus contidos. Por exemplo, dando conta do novo disco de Juan Pardo, Galicia miña nai dos dous mares, en galego e inspirado polos textos de Ramón Cabanillas. Neses anos podemos atopar tamén unha reportaxe sobre o Reino de Galicia en 1979.