Unha ducia de vídeos para amosares nas sobremesas de Nadal
Tanto se tes un súper evento familiar como se pasas estas datas sen moreas de parentes ao redor, é moi posible que chegue un momento da sobremesa, nocturna ou diurna, na que os trebellos electrónicos saian dos petos. Nese punto é moi posible que cadaquén bote man da súa videoteca particular para amosarche ese vídeo que é imprescindible que vexas. Velaquí unha ducia para a túa munición.
-
01
Noiteboa con Juan Pardo
Que non gusta o que hai na tele? Non hai problema. O cantante Juan Pardo foi un dos grandes protagonistas do Nadal da TVG durante moitos, moitos anos. En 1996, 1997 ou 1998, por exemplo, a canle pública decidiu que a súa figura ben merecía un especial. Tamén no 2001, con esta Noiteboa con Juan. Onde andará agora? (Pódese ver aquí https://i.gal/KYCDc)
-
02
Telepasión
TVE decidiu nalgún momento que sería unha boa idea poñer os seus presentadores a cantar polo Nadal. A fórmula repetiuse con teimosía e acadou a súa apoteose en 1990, cando a canle estatal deu en realizar unha caste de versión española de We are the world, we are the children con este Que no se acabe el mundo. Efectivamente, Jordi Hurtado xa estaba alí.
-
03
Un (ou varios) do Xabarín
Toda sesión de vídeo doméstico 2.0 ten que ter un punto de nostalxia. Por iso é imprescindible que apareza sobre a mesa o Xabarín, a ser posible coas súas cancións e apariencia orixinais.
-
04
Algo do LuarTube
Aquí está practicamente todo o que precisas para sorprender á parentela nunha sobremesa. Cadrando coa emisión do Luar Milenario o popular programa da TVG lanzou o LuarTube, un portal con moreas de vídeos de actuacións neste espazo que mesmo ten unha sección específica para o Nadal que podes acompañar, poñamos por caso, cunha actuación estelar de Boney M
-
05
Pucho Boedo e Ana Kiro
Palabras maiores. Cando aínda non existía Luar (si, houbo un tempo no que no existía) a TVG xa celebraba a saída e entrada de ano. En 1985 foi a primeira ocasión en que o fixo e nese especial o enorme Pucho Boedo protagonizou unha das súas últimas actuacións xunto á non menos grande Ana Kiro. (Non podemos traer ata aquí o vídeo, pero nesta ligazón podedes velo):
-
06
O éxito dos Poetarras
Neste Nadal vaise falar de política, quéirase ou non, se o desexas ou se o aborreces. Dadas as circunstancias, podes irromper no debate cun dos éxitos do YouTube galego no ano que remata. Outro conto é a polémica que poida xerar.
-
07
Martes y Trece
O dúo cómico protagonizou as veladas de fin de ano de TVE en diversas ocasións e, se cadra, tes algún parente que che agradece que lle achegues aquelas empanadillas de Móstoles tamén neste Nadal.
-
08
A selección galega
Agora que (outra vez) disque volve a selección galega pode ser un bo momento, cando os ánimos da sobremesa de Nadal comecen a decaer, para lembrar aquel partido de reestrea da Irmandiña, ante Uruguai en San Lázaro no Nadal do ano 2005.
-
09
Música moderna
Porque, se cadra, no canto de aterrares no sofá para non saíres en horas, prefires aproveitar a sobremesa do Nadal para bailar. E que mellor que facelo con esta música tan moderna.
-
10
Unhas panxoliñas cos Bolechas
Se a sobremesa é da cea cabe a posibilidade de que a rapazada da casa, que calquera outro día xa estaría a durmir, aínda ande ben esperta. Neste caso, esquece os vídeos anteriores e vai directamente a estas panxoliñas acatarradas d'Os Bolechas.
-
11
Un himno que una á familia
Se o tema político xerou friccións non sobrará unha peza que se poida cantar a coro sen posibilidade de disensións. E quen mellor para xerar grandes consensos que Fernando Ónega? A el, precisamente, é a quen lle cantan Os da Ría nesta senlleirísima peza.
-
12
Trío no cumio do star system do país
Para rematar a sobremesa en todo o alto, este trío de ases. Boas festas.