Praza Pública

Unha ducia de viñetas do Salón Internacional do Cómic da Coruña

Este domingo pecha as súas portas o Salón Internacional do Cómic da Coruña, que durante unha semana trouxo á cidade a autores e autoras de primeiro nivel internacional, convertendo a urbe herculina nun escenario de banda deseñada e demostrando a boa saúde na novena arte no noso país. Velaquí unha ducia de viñetas do Viñetas. E, ollo, aínda que o Salón remata o domingo, as exposicións de orixinais continuarán abertas ao público ata o 8 de setembro.

  1. 01

    Isabel Greenberg

    Na programación destaca a presenza da creadora británica Isabel Greenberg, quen sorprendeu ao mundo editorial tanto coa súa primeira novela gráfica, a saga The Encyclopedia of Early Earth, coma coa súa fábula feminista The one hundred nights of Hero.

  2. 02

    Tony Sandoval

    Tamén a do autor mexicano afincado en Europa Tony Sandoval, a quen lle chegou o éxito coa súa personaxe Blacky, un gato con inquedanzas románticas e mesmo morriñento. Porén, sería tras saír do prelo El cadáver y el sofá (2007) cando Sandoval acadaría sona; unha obra á que seguiron Epidemia de melancolía (2011) e La serpiente de agua (2014), inspirada en Edgar Allan Poe.

  3. 03

    David Sala

    Cómpre salientar igualmente a presenza do francés David Sala, un creador que estudou na prestixiosa escola Emile Cohl e que confesa influencias tan diverxentes coma Alberto Breccia ou Stanley Kubric. Ao longo da súa carreira traballou cos máis importantes guionistas, coma Jorge Zentner (Replay e a serie Nicolás Eymerich, inquisidor). Sala triunfou no ámbito europeo da banda deseñada coa súa adaptación de El jugador de Ajedrez, a novela de Stefan Zweig.

  4. 04

    Jorge Coelho

    Está tamén na Coruña o portugués Jorge Coelho, debuxante da extravagante serie policíaca John Flood, con guión de Justin Jordan. Tamén é o creador de PolaritySleepy Hollow e Forgetless. Debuxante de Marvel, é un dos responsables, xunto con Brian Wood, da serie Robocop: Citizens Arrest (Boom! Studios).

  5. 05

    Albert Monteys

    Outro dos protagonistas é o catalán Albert Monteys, unha das sinaturas indispensable da revista El Jueves nos últimos anos. Autor da serie Tato, ou de Para ti, que eres joven, con Manel Fontdevila, traballou posteriormente noutros proxectos, como a serie dixital ¡Universo! coa que gañou o Premio Zona Cómic e o Premio Cómic Barcelona á mellor obra de autor nacional publicada no 2018.

  6. 06

    Abel Alves

    O debuxante e guionista ferrolán Abel Alves é autor da novela gráfica Sangre y sol editada en Uruguai e gañadora do Fondo Concursable para a Cultura de Uruguai 2014. No 2016 sae do prelo a novela gráfica Aram o Armenio, dedicada ao xenocidio armenio de 1915. O pasado ano publica Segunda Venida e, coa colaboración do Concello da Coruña, lanza ao mercado A tumba de Breogán, unha ficción histórica con personaxes como Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán ou Murguía. Na actualidade prepara varios proxectos para o mercado español e estranxeiro.

  7. 07

    Antonio Navarro

    Antonio Navarro publicou as súas primeiras obras profesionais na revista Rambla. En 1987 comeza a publicar Simone nas páxinas de Cairo, galardoada un ano despois co Premio Diario de Avisos ao mellor debuxante realista. Nos 90 irrompeu no mercado francés con Les mondes de Luz. As súas obras máis maduras chegaron ao pouco: El tiempo arrebatado e Homónimos. Xa coma animador, Navarro traballou para as principais compañías, dende Hanna-Barbera a Disney

  8. 08

    Yolanda Castaño

    Nas paredes do Kiosco Alfonso pódese ver a muestra sobre o Cómic Poético O puño e a letra, que escribe Yolanda Castaño e ilustran 40 debuxantes galegos, entre os que están Fran Jaraba, Fran Bueno, David Rubín, Miguelanxo Prado, Siro, Xaquín Marín, Cynthia Alonso, Xulia Pisón, Xosé Tomás, Santy Gutiérrez, Paula Esteban ou Jano, entre outros.

  9. 09

    'Nai dos Desterrados'

    Autores e autoras do fanzine “Nai dos Desterrados” e activistas do grupo local de Amnistía Internacional presentaron a terceira edición desta banda deseñada, na que participan artistas como Xulia Pisón (portada); Uxía Larrosa; Paula Esteban; Miguel Angel Vilas; Lía Rodríguez; F. Peral; Diego Burdío e Senso (María Gil e Nour Al-Hussen). 

  10. 10

    Belén Ortega

    O cartel da presente edición é obra dunha das autoras máis sólidas da banda deseñada en España, a granadina Belén Ortega, convidada o pasado ano a Viñetas.

  11. 11

    Juan López Rico

    O libro ¡Houston, tenéis un problema! é unha recompilación de viñetas de temática ambiental publicadas por López en diferentes medios, impresos e dixitais, ao longo de varios anos.

  12. 12

    Oliver Añón Lema

    A sala de exposicións Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga, acolle a mostra “Canción para afundir flores no mar” de Oliver Añón Lema, Premio Castelao 2018.