Unha ducia de xardíns galegos para recibir a primavera
Este domingo -exactamente ás 16:33 horas- comeza a primavera, que deixa atrás o inverno e os sacrificios da pandemia. Aínda que esteamos nun contexto bélico e de aumento de prezos, esta estación anima a saír á natureza e respirar o arrecendo das flores e da vida que agroma. Para iso, nada mellor que esta ducia de xardíns galegos. Ollo, non apta para alérxicos e alérxicas.
-
01
Pazo de Faramello
A beleza do Pazo de Faramello, situado na parroquia de Ribasar, en Rois, foi xa destacada por Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro. É coñecido polos seus xardíns franceses deseñados no século XIX e aínda que a primavera é un momento ideal para visitalo, se nos achegamos a mediados de febreiro (cada vez antes, debido ao cambio climático) podemos asistir á floración das súas ameixeiras xaponesas, no que se deu en chamar o "Sakura galego".
-
02
Pazo de Rubiáns
O Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, amosa no seu xardín unha espléndida colección de camelias (60 variedades) e as súas magnolias, que rivalizan en importancia cos seus viñedos. Pódense realizar visitas guiadas
-
03
Festival Internacional de Xardíns de Allariz
Se falamos de xardíns non podemos esquecer o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que todos os anos entre maio e outubro, reúne xardíns procedentes de distintos países, seleccionados previamente por un xurado. A edición 2022 está dedicada aos Xardíns Terapéuticos, "deseños que curan".
-
04
Castelo de Soutomaior
O Castelo de Soutomaior, do século XII, está rodeado por un xardín de máis de 15.000 metros cadrados, que reúne preto de 200 especies botánicas, sobre todo árbores (algunas con centos de anos de historia e 12 delas incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia), pero tamén fentos ou plantas florais como a hortensia. Dende o 2012 é Xardín de Excelencia Internacional.
-
05
Pazo de Oca
O Pazo de Oca, na Estrada, foi alcumado o "Versalles galego "debido á beleza dos seus xardíns, que ocupan 8 hectáreas de terreo e pódense visitar durante todo o ano. Inclúen unha fermosa colección de camelias, un estanque con pontes e árbores pouco comúns
-
06
Pazo de Lourizán
O Pazo de Lourizán, en Pontevedra, foi adquirido pola Deputación en 1943 e acolle o Centro de Investigacións Ambientais e Forestais. Conta con 54 hectáreas de xardín, con varias especies arbóreas incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia
-
07
Fundación Sales
Máis descoñecido que os anteriores, o xardín botánico da Fundación Sales, no centro de Vigo, conta nos seus 7.000 metros cadrados de superficie con algunhas alfaias do mundo vexetal. Trátase dun arboretum, é dicir, un compendio de diversas especies de árbores de todos os recunchos do mundo.
-
08
Pazo-Museo Quiñones de León
Tamén en Vigo, o Pazo-Museo Quiñones de León conta cunha fenomenal colección de pintura, pero tamén cun fermoso xardín, que forma parte do Parque de Castrelos. Foi declarado Xardín Histórico e Ben de Interese Cultural en 1955.
-
09
Pazo de Ribadulla
O Pazo de Ribadulla, tamén coñecido como Pazo de Ortigueira, está situado en Vedra e foi residencia do militar golpista Alfonso Armada. O seu xardín conta con máis de 200 variedades de plantas, moitas delas árbores centenarias e unha importante colección de camelias.
-
10
Pazo de Mariñán
O Pazo de Mariñán, en Bergondo, pertence á Deputación da Coruña dende 1936 e foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1972. No seu xardín existen tres especies arbóreas ou conxuntos que figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
-
11
Finca A Lavandeira
A Finca A Lavandeira, tamén en Bergondo, ten unha gran relevancia botánica, sobre todo polas moitas variedades de fentos procedentes de diversos lugares do mundo, que dan ao lugar "unha atmosfera tropical e mesmo primitiva", como destaca esta reportaxe de Galicia Gardens.
-
12
Pazo da Saleta
O Pazo da Saleta, en Meis, conta cun Xardín de Excelencia Internacional que forma parte da Ruta da Camelia e que foi creado en 1968 por Margaret e Robert Gimson con especies traídas dos cinco continentes. Na actualidade constitúe unha das máis importantes coleccións botánicas privadas de España.
-
13
Casa-Museo de Rosalía
E para rematar, hai que falar da Casa-Museo de Rosalía, que como xa salientamos nestoutra ducia, inclúe tamén unha horta, con árbores de grande interese e significación, un patrimonio botánico con loureiros, castiñeiros, camelias, cipreses, oliveiras, pereiras, ombús e, por suposto algunha das "figueiriñas que plantei".
Destacan tamén os loureiros, que datan da época na que a autora habitou a casa. Hai igualmente camelias e, aínda que non foron plantadas por Rosalía, unha delas é sobresaliente por ser a camelia creada en honra da poeta e que leva, polo tanto, o seu nome.