370 traballadores, un 20% do persoal, piden a adhesión voluntaria ao ERE do Popular en Galicia

Ángel Ron, presidente do Banco Popular CC-BY-SA Victoriovipnet360

Un total de 370 traballadores do grupo Popular pediron acollerse voluntariamente ao expediente de regulación de emprego (ERE) co que pretende desfacerse de 400 traballadores do seu cadro de persoal en Galicia, o 22% do persoal. Segundo fixo público este luns a entidade bancaria -que no país integra o Pastor-, foron 2.977 persoas as que solicitaron esta adhesión voluntaria no conxunto do Estado para un recorte co que quere rebaixar en 2.600 o número de traballadores. 

Un total de 370 traballadores do grupo Popular pediron acollerse voluntariamente ao ERE, un 20% do cadro de persoal

Con todo, o banco terá que descontar agora os excesos naqueles colectivos que tiñan cupos -prazas limitadas para determinadas franxas de idade- polo que as adhesións válidas no conxunto do Estado quedarán en 2.637 e poderían reducirse tamén en Galicia. No país, a intención do grupo Popular era nun principio recortar en 435 o número de traballadores, unha cifra reducida despois a uns 400 tras a negociación cos sindicatos. Sexa como for, as solicitudes de acollerse voluntariamente ao ERE supoñen máis do 20% do cadro de persoal na comunidade autónoma, mentres que a reestruturación prevista suporía prescindir de máis do 22% dos traballadores. 

Este ERE chega tan só catro anos despois de que a integración do antigo banco galego no grupo Popular supuxese unhas 800 baixas en Galicia entre traslados a Madrid -pola desaparición dos servizos centrais da antiga entidade galega na Coruña- e prexubilacións.

O recorte do grupo Popular suporá o peche de 42 oficinas en Galicia

O grupo Popular cualificou de "éxito" o proceso de acollemento voluntario ao ERE, co que prescindirá no Estado duns 2.592 traballadores e pechará 300 oficinas, 42 delas en Galicia. Ademais, e segundo cálculos dos sindicatos, 25 sucursais máis sufrirán un peche parcial no país. Agora, a entidade abre un prazo para determinar cales solicitudes son aceptadas e determinar así se esta cifra é dabonda para evitar despedimentos forzosos para cubrir todo o recorte que pretende o máximo directivo, o galego Ángel Ron. 

Galicia, logo de Madrid, Catalunya e Andalucía, é a comunidade autónoma onde máis solicitudes de adhesión voluntaria houbo nun ERE cuxo acordo foi asinado por CCOO, UGT, Segrupo, FITC e AMYC, que representan o 86% da representación dos traballadores no conxunto do Estado, pero non pola CIG, central maioritaria no Banco Pastor, marca tamén maioritaria no país. 

Para a central nacionalista, o número de despedimentos que implica o ERE son "intolerábeis" e "poderíanse paliar se a entidade aceptase aplicar medidas alternativas de organización". Ademais, cuestiona a "voluntariedade" das saídas do persoal, xa que a empresa "está a recorrer á baza do medo e a incerteza das traballadoras e traballadores afectados con respecto ao futuro". "A voluntariedade na maioría dos casos é unha escolla entre o malo e o peor", denuncia

O grupo Popular defende o axuste de persoal como unha maneira de "mellorar a rendabilidade e eficiencia" e "modernizar" a súa estrutura. Quere conseguir aforrar entre 175 e 200 millóns ao ano a partir do vindeiro 2017 e o custo de todo o proceso do ERE elevarase a uns 375 millóns. 

Oficina do Banco Pastor CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.