A AP9 perdeu un de cada catro usuarios dende 2007. O Ministerio de Fomento vén de facer públicos os datos oficiais de tráfico das autoestradas de peaxe, que confirman que a vía que comunica Ferrol coa fronteira con Portugal mantén a súa caída, por sexto ano consecutivo. No 2013 unha media de 20.156 condutores pagaron esta peaxe todos os meses, un 25,4% menos dos que o fixeron de media en 2007, 27.029, o que supuxo o máximo rexistro de vehículos desta vía.
Dende entón, as cifras foron descendendo ano tras ano (en 2013 outro 7%), o mesmo que os beneficios de Audasa. Porén, neste mesmo tempo o prezo das peaxes continuou crecendo, elevándose un 28% por riba do que custaban en 2007, e moi por riba do que o fixo o IPC ou os salarios neste tempo. Por poñer un exemplo, o 1 de xaneiro de 2008 viaxar de Vigo á Coruña custaba exactamente 12 euros, e agora custa 15,35. E este ano, despois da nova suba decidida hai unhas semanas, conducir de Ferrol a Tui xa ten un prezo superior aos vinte euros.
Ano | Número medio de usuarios por mes |
---|---|
2001 | 19.904 |
2002 | 20.770 |
2003 | 21.958 |
2004 | 22.565 |
2005 | 23.581 |
2006 | 25.059 |
2007 | 27.029 |
2008 | 26.826 |
2009 | 26.500 |
2010 | 26.395 |
2011 | 24.711 |
2012 | 21.822 |
2013 | 20.156 |
"Estalle facendo un grave dano a toda Galicia"
Hai unhas semanas a plataforma Todos contra a suba das peaxes reiterou unha vez máis a súa denuncia polo elevado prezo desta vía fundamental para o desenvolvemento social e económico de Galicia. Nun escrito remitido a Audasa reclamáballe un descenso nas súas tarifas argumentando que “non só estades a prexudicar os cidadáns, senón que vos estades a prexudicar a vós mesmos”. Facían referencia aos cada vez menores beneficios económicos obtidos pola autoestrada, por mor do descenso no seu uso: dos 61 millóns de euros en 2009 e os 66 millóns en 2010 até os 9,8 millóns do primeiro semestre de 2013, tres veces menos que antes do comezo da crise.
"Preguntámonos se é que a concesionaria está mal asesorada, ou se é que xa se atopa inmersa nunha estraña espiral de prexudicar o cidadán -e a si mesma- e pretende, como se di coloquialmente, “morrer matando”, sinalaban. Esixían ademais que a empresa aplicase en Galicia os mesmos descontos aprobados noutras comunidades autónomas, até un 90% en Navarra para os usuarios habituais.
A Plataforma denuncia "que se lle está facendo un grave dano a toda Galicia, non só a nivel social, senón tamén a nivel económico, pois en vez de poder funcionar como un todo, creando sinerxías entre os principais núcleos económicos da comunidade, estásenos distanciando"
A Plataforma lembraba que a AP9 naceu como "eixo vertebrador" de Galicia, como consta na súa páxina web. Porén, din, "para os cidadáns esta continua e inasumible suba do prezo de cruzar de norte a sur ou de sur a norte a nosa comunidade autónoma, obrigounos a moitos a renunciar ao uso desta vía que, en vez de unirnos, estanos desunindo, até o punto de que en termos económicos, as cidades da Coruña ou Vigo está hoxe máis cerca de Madrid (por vía aérea) que entre si por estrada". A Plataforma denuncia "que se lle está facendo un grave dano a toda Galicia, non só a nivel social, senón tamén a nivel económico, pois en vez de poder funcionar como un todo, creando sinerxías entre os principais núcleos económicos da comunidade, estásenos distanciando e obrigando a xerar riqueza noutras zonas máis próximas, ben por estar conectadas por autovías libres de peaxe, ben por estar comunicadas por vía aérea a un prezo moito máis asumible".
X | F | M | A | M | X | X | A | S | O | N | D | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2007 | 23.074 | 23.826 | 25.681 | 26.736 | 26.142 | 28.178 | 31.486 | 31.906 | 28.541 | 27.837 | 26.366 | 24.314 |
2013 | 17.935 | 18.476 | 18.966 | 19.882 | 20.220 | 21.428 | 24.250 | 25.140 | 21.961 | 20.626 | 17.133 | 15.683 |
Número de usuarios da AP9, por meses, en 2007 e 2013