O sindicato nacionalista mobilizouse en 15 cidades e vilas galegas con duras críticas á patronal e aos gobernos español e galego
'Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas' foi o lema das mobilizacións convocadas pola CIG este 1º de maio, unhas marchas que criticaron "as políticas económicas dos gobernos galego e español, incapaces de enfrontar a grave carestía da vida nin frear o aumento das desigualdades e da pobreza” e chamaron a mobilizarse “en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra”.
O sindicato celebrou o seu acto central en Vigo, onde reuniu milleiros de persoas, pero tamén impulsou convocatorias nas outras seis cidades galegas -A Coruña, Ourense, Lugo, Compostela, Pontevedra e Ferrol-, ademais de en Cangas, Cee, Vilagarcía, A Estrada, As Pontes, Ribeira, Burela e Verín.
A central subliña que "a clase traballadora está chamada ao conflito na negociación colectiva para recuperar o poder adquisitivo dos salarios"
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, alertou de que a actual crise de prezos “está a causar unha importante deterioración nas condicións de vida da clase traballadora e da maioría do pobo galego” e denunciou os "beneficios millonarios" que está obtendo o empresariado “tirando proveito da inflación e da carestía da vida”, como constatan os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas, que “non paran de medrar”.
Fronte a isto, Carril apelou "á necesidade de intensificar a mobilización fronte á patronal e os Gobernos, para dar resposta a unha realidade económica e social extrema”. O secretario xeral da CIG subliñou que a clase traballadora "está chamada ao conflito na negociación colectiva para recuperar o poder adquisitivo dos salarios".
A CIG chama a mobilizarse “en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra”
O sindicato nacionalista é moi crítico coas medidas adoptadas nos últimos tres anos polo goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos. Afirma, por exemplo, que ao abeiro da reforma laboral se produciu "un incremento dos contratos a tempo parcial, empresas de traballo temporal ou axencias de colocación e dos contratos fixos descontinuos". De igual xeito, denuncia que a nova reforma das pensións “aumenta máis o período de cálculo, aos 29 anos -excluíndo os peores 24 meses-, afondando o resultado que levamos anos acumulando de caída nas contías das pensións, con especial afectación ás persoas menores de 50 anos”.
O sindicato denuncia que "importantes sectores produtivos e mesmo comarcas enteiras están agonizando” e que, fronte a isto, "o Goberno galego de Rueda vive entregado á carreira electoral de Feijóo en Madrid
De igual xeito, o secretario xeral da CIG denunciou que o PP está “entregado a facilitarlle ao capital español e internacional todo tipo de negocios para facer de Galiza" un destino “con maiores excesos dun turismo desordenado e descontrolado, coa privatización dos servizos públicos, a eucaliptización do noso monte” e "consolidando un novo proceso de colonización enerxética, coa actual ofensiva eólica que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras, montes e mesmo o mar".
O sindicato nacionalista é moi crítico coas medidas adoptadas nos últimos tres anos polo goberno de coalición de PSOE e UP
O sindicato denuncia que "importantes sectores produtivos e mesmo comarcas enteiras están agonizando” e que, fronte a isto, "o Goberno galego de Rueda vive entregado á carreira electoral de Feijóo en Madrid” e "segue metido nunha acción de desmantelamento masivo do país, reforzando a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español"
A CIG denuncia que o PP está “entregado a facilitarlle ao capital español e internacional todo tipo de negocios para facer de Galiza"
En Vigo Carril fixo un chamamento "a confrontar con loita e mobilización a crúa realidade que temos por diante”, para "conquistar políticas alternativas e para poder avanzar nunha saída galega xusta da crise esixindo a intervención pública da economía e de sectores estratéxicos, como o bancario, enerxético, pero tamén dos mercados, para garantir dereitos básico como ter pan, traballo e vivenda”.