O sindicato denuncia "as condicións de explotación que padecen arredor de medio cento de persoas traballadoras estranxeiras das subcontratas portuguesas"
A CIG informou este venres de que uns 80 delegados e delegadas da CIG-Construción paralizaron obras de rehabilitación no castelo de Monterrei "para denunciar as condicións de explotación que padecen arredor de medio cento de persoas traballadoras estranxeiras das subcontratas portuguesas que prestan servizo para a UTE Extraco-Oreco", adxudicataria dos traballos encargados pola Xunta.
O sindicato fala de "xornadas de máis de 10 horas e mesmo traballo en sábado" como algunhas das irregularidades detectadas nunha obra na que "se incumpre sistematicamente o convenio do sector", algo que foi denunciado ante a Inspección de Traballo "sen ter obtido resposta até o de agora". "Soubemos que pasaron polas obras, pero non sabemos nada do resultado da inspección", din.
Ante a falta de actuación das administracións a CIG di que decidiu "levar a cabo unha ocupación das obras", onde se despregou unha faixa co lema "Galegos e estranxeiros, a mesma clase obreira. Construción sen explotación" para chamar a atención sobre a situación na que se atopan estas persoas traballadoras, que segundo o sindicato proveñen de países como Mauritania, Senegal, Marrocos, Brasil, Perú ou India.
Mauritania, Senegal, Marrocos, Brasil, Perú ou India son algunhas das nacionalidades do persoal que segundo a CIG fai "xornadas de máis de 10 horas"
"Da UTE traballan unha sete persoas, pero o resto, até arredor de 50 persoas, prestan servizo a través de subcontratas de orixe portugués que incumpren o convenio provincial do sector e pagan por hora, polo que se non traballas (vacacións, permisos, licenzas) non cobras", explica o secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia. Ademais, di que se rexistran xornadas de máis de 10 horas diarias e mesmo se traballa en sábado, "algo intolerábel tendo en conta ademais de que se trata dunha obra pública".
Con esta acción o sindicato quere sinalar "tamén a responsabilidade das Administracións e das empresas principais, "que deberan velar polo cumprimento da legalidade e o respecto polas condicións laborais". Con este obxectivo aproveitaron a ocupación das obras para informar as persoas traballadoras dous seus dereitos e para solicitar unha xuntanza cos responsábeis da UTE e da propia Xunta. De igual xeito que transmitiron unha petición de reunión co delegado do Goberno de España en Ourense "porque temos constatado tamén incumprimentos en obras do Estado no noso país".
A previsión da CIG-Construción é abandonar o lugar dos traballos unha vez se celebre a xuntanza cos responsábles da empresa e da Xunta ou se reciba o compromiso de que vai ter lugar nos próximos días.