Formigón para a maior acrópole galega

Obras no castelo de Monterrei Dominio Público Plataforma cidadá en defensa do castelo de Monterrei

"Que pensarían a cidadanía e os xestores patrimoniais se cementaran e alisaran o acceso ao Hostal dos Reis Católicos?” Con esa frase que a Plataforma cidadá en defensa do castelo de Monterrei atribúe a unha técnica do Consello da Cultura Galega exemplifica o que vén de pasar na considerada maior acrópole galega, o castelo de Monterrei, no que constitúe un novo chanzo do polémico proceso para darlle uso hoteleiro: A pedra e a terra do seu acceso tradicional veñen de ser sepultadas polo formigón.

A terra e a pedra do acceso ao castelo de Monterrei veñen de ser substituídas por cemento nun novo chanzo do polémico proceso que lle dá uso hoteleiro

A plataforma en defensa do castelo vén de distribuír unha serie de imaxes co antes e o despois das últimas actuacións alí realizadas. “As obras se realizan sen ningún respecto ao monumento, esnaquizando unha vez máis partes importantes da muralla do XVII coa mais absoluta impunidade, empregando materiais de carácter irreversible como o formigón armado e subindo o nivel dunha calzada co que se está alterando a volumetría do monumento, a autenticidade a integridade e a lectura histórica”, salienta o colectivo, que lembra a textualidade do artigo 44 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia respecto aos bens de interese cultural (BIC): “O volume, tipoloxía, morfoloxía e cromatismo das intervencións na contorna dos monumentos non pode alterar o carácter arquitectónico e paisaxístico da zona, nin perturbar a contemplación do ben”.

A plataforma lembra a súa longa loita contra o cambio de uso do castelo de cultural por hostaleiro impulsado pola propia Xunta que ao seu ver debera ser a principal responsable de conservar este ben declarado monumento histórico-artístico en 1931. Esta non é primeira vez nin a única zona do castelo que sofre a invasión do cemento. En 2015 xa se fixera unha actuación similar no patio do recinto.

Obras no castelo de Monterrei Dominio Público Plataforma cidadá en defensa do castelo de Monterrei

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.