A CIG pide á inspección de Traballo a paralización das obras da AP-9 en Rande tras a morte dun traballador

Protesta da CIG hai dúas semanas nas proximidades de onde morreu o traballador Dominio Público CIG

A CIG vén de rexistrar ante a inspección de Traballo e a Consellería de Economía, Emprego e Industria dúas peticións formais nas que reclama a “inmediata paralización das obras” de ampliación da AP-9 na ponte de Rande. As peticións prodúcense despois de que a pasada semana un obreiro de 54 anos falecese ao caer dun noiro desas obras e malia as protestas previas do propio sindicato polas xornadas de ata doce horas diarias e en altura a que están sometidos algúns traballadores. Por iso, a CIG reclama que os traballos non continúen ata que estea garantida a seguridade e a saúde dos traballadores.

O sindicato salienta que non foi un accidente puntual e culpa á Xunta de estar “do lado da empresa e non dos traballadores”

“A morte dun traballador no seu posto de traballo non pode quedar impune”, salientou este luns o secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves, quen reclamou tamén unha investigación do sucedido por parte da Fiscalía. Ao seu xuízo, a morte da pasada semana confirma as denuncias que viña facendo o sindicato, polo que cualificou o sucedido de “crónica dunha morte anunciada”. Pola súa banda, o secretario nacional da federación de Construción da CIG, Xoán Xosé Melón, indicou que a inspección de Traballo recoñeceu que se producían excesos nas xornadas laborais tras unha visita á obra que realizou en abril. Como outro exemplo de que o sucedido non foi un feito puntual, os representantes da CIG indicaron que un día despois da morte do obreiro, outro traballador rompeuse un brazo, e unha semana antes outro cortouse un dedo.

A ampliación da AP-9 ao seu paso por Rande está sendo realizada pola Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Dragados e Grupo Puentes, que á súa vez subcontrata a outras firmas, como a que empregaba ao traballador agora falecido, Syo. Porén, son uns traballos encargados pola concesionaria, Audasa, baixo autorización do Ministerio de Fomento. Por iso, os representantes da CIG incidiron en que se trata dunha obra impulsada pola propia Administración, á que reclamaron un maior control da mesma. Así, os sindicalistas salientaron que o Goberno galego ten as competencias sobre prevención de riscos laborais e é coñecedor dos “abusos” que se están a producir sen que ata o momento fixese “nada para pórlle fin”. “Está ao lado da UTE e non dos traballadores”, sentenciou Gonçalves.

Outra imaxe da protesta da CIG polas "xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por 7 euros a hora" Dominio Público CIG
Rolda de prensa dos responsables da CIG este luns en Vigo Dominio Público CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.