A construción volve medrar con forza en Galicia, co maior número de obras dende o 2011

Guindastre nun edificio CC-BY-SA Gabriel de A

O sector da construcións viviu unha burbulla durante anos, un proceso que tivo importantes efectos económicos, sociais, medioambientais e urbanísticos, tanto na súa fase de crecemento coma no seu estoupido. A burbulla foi meirande noutras comunidades autónomas, pero tamén en Galicia tivo unha enorme dimensión. Uns datos: entre 2000 e 2008 construíronse en Galicia máis de 65.000 novos edificios e máis de 280.000 novas vivendas. Nos nove anos seguintes (2009-2017) o número total edificios de nova planta foi de apenas 16.000 e as novas vivendas foron 24.000.

No 2018 o número total de novas vivendas construídas aumentou un 63% con respecto a 2017, pasando de 1.371 a 2.238

Porén, semella que o sector comeza a coller aire de novo. No 2018 o número total de novas vivendas construídas aumentou un 63% con respecto a 2017, pasando de 1.371 a 2.238. É a meirande cifra dende o ano 2011. O número de licenzas de construción concedidas (3.315 en toda Galicia) é tamén o maior dende aquel ano 2011.

Na Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol e Pontevedra rehabilitáronse máis edificios dos que se construíron ex novo

Aínda que o número total de licenzas e de edificios de nova planta construído experimentou un crecemento modesto, chama a atención o ascenso que se produce nas cidades, áreas metropolitanas e grandes vilas, onde os incrementos con respecto ao 2017 si son importantes.

A rehabilitación, aínda que con cifras modestas, mantense no seu nivel máis alto dende o 2012. As 447 novas vivendas rehabilitadas en todo o país superan o dato do 2017 (414). As grandes cidades encabezan a lista de localidades nas que máis rehabilita e, de feito, na Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol e Pontevedra rehabilitáronse máis edificios dos que se construíron ex novo.

En Compostela e Vigo construíuse case un 50% máis que no 2017

Así, en Santiago de Compostela (de 47 a 70 novos edificios) e Vigo (de 43 a 63) construíuse case un 50% máis que no 2017. E o resto das urbes tivo comportamentos semellantes. Aínda que en Lugo o número de novos edificios descendeu, Ourense ou Pontevedra duplicaron o número de novos inmobles e Ferrol medrou tamén un 50%. Ames, Cangas, Gondomar, Arteixo, Vilanova de Arousa, Nigrán ou Láncara experimentaron incrementos aínda máis importantes. 

As obras de rehabilitación aumentaron un 76% na Coruña, un 70% en Compostela e un 31% en Vigo

O mesmo sucedeu coas obras de rehabilitación, que aumentaron un 76% na Coruña, un 70% en Compostela, un 31% en Vigo ou un 11% en Ferrol. Iso si, Ourense ou Lugo experimentaron descensos. Vilas como Viveiro, Cangas, Arteixo, As Neves, Vilagarcía de Arousa, As Pontes, Carballo, A Estrada ou Sana Comba aumentaron tamén moito o número de inmobles rehabilitados. Cómpre lembrar que o pasado mes de maio entrou en vigor a Lei de Rehabilitación de Galicia, que comezará a deixar notar os seus efectos nos datos que coñeceremos o ano que vén sobre este ano 2019.

Ourense, Vigo, Compostela, A Coruña, Lugo e Ferrol encabezan a lista de máis licenzas de obra concedidas no ano 2018

Ourense, Vigo, Compostela, A Coruña, Lugo e Ferrol encabezan a lista de máis licenzas de obra concedidas no ano 2018. Oleiros, Arteixo, Carballo, Cangas, Vilagarcía, Gondomar, Ames, Vilanova de Arousa, Ribeira e Redondela tamén se sitúan moi arriba na lista. Sorprende, igualmente, o gran número de obras de construción ou rehabilitación realizadas o pasado ano en concellos como Friol, Cospeito ou Castro de Rei. E tamén en As Neves ou Rodeiro.

Por provincias, A Coruña é o teritorio con máis obras en marcha o pasado ano (691 de nova construción e 612 de rehabilitación), por diante de Pontevedra (523 e 391) e Lugo (340 e 327). A bastante distancia aparece Ourense (145 e 243).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.