A crise aféctanos a todos? A uns máis que a outros

Manifestación contra a pobreza CC-BY Carlos Capote

Despois dunha década de bonanza, a actual crise económico-financeira sacou á luz “as carencias máis fundamentais da economía europea derivada do actual modelo neoliberal que a sustenta”. Así o afirman Ángela Troitiño e Sebastian Villasante, profesores da Facultade de Económicas da USC, que coordinan un número monográfico da Revista Galega de Economía centrado na Economía da desigualdade, e que vén de ver a luz. Un de cada catro galegos atópase en risco de pobreza ou exclusión, o 23,7% da poboación, unha cifra por debaixo da media española, pero en crecemento e que cada vez afecta a persoas máis novas. En total son unhas 650.000 as persoas en situación de exclusión social en Galicia e 120.000 delas en pobreza severa, segundo datos de Cáritas.

Precisamente Cáritas é unha das 108 entidades que forma parte da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), que este xoves e venres celebrou un foro en Compostela sobre situacións de pobreza, exclusión social e voluntariado, co-organizado pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e o Cermi Galicia. O encontro reuniu especialistas en servizos sociais, loita contra a pobreza e exclusión para analizar o concepto de pobreza. No encontro puxéronse sobre a mesa os datos antes referidos e alertouse sobre o crecemento das situacións de pobreza extrema e exclusión social e da súa extensión a sectores de idade, ou de niveis de formación que até o de agora ficaran moi lonxe deste problema. No foro, baixo o título de Un investimento, non un gasto, destacouse que en 2012, o traballo desenvolvido polas 108 ONGs galegas de acción social integradas na Rede beneficiou a 453.534 persoas en risco de exclusión e que viven en Galicia. Para atender a estas persoas beneficiarias foi precisa a participación de 5.492 persoas, sendo destas 1.188 contratadas e 4.304 voluntarias.

 

O modelo económico xera desigualdade e pobreza

A desigualdade centra o estudo coordinado por Troitiño e Villasante, que afonda na influencia das políticas neoliberais e das medidas de austeridade sobre os niveis de vida e de benestar da poboación. A través de análises teóricas e empíricas o monográfico pon de relevo que "o tipo de modelo económico en Europa xerou unha maior desigualdade e pobreza" e que a austeridade, “diseminada como un dogma de fe entre os responsables económicos e políticos” deriva no recorte dos programas sociais, “esenciais para o mantemento do benestar da poboación, reducíndose así o papel compensador do sector público sobre as cada vez máis crecentes desigualdades do mercado”. 

A austeridade, “diseminada como un dogma de fe entre os responsables económicos e políticos” deriva no recorte dos programas sociais, “esenciais para o mantemento do benestar da poboación"

Tamén destacan que o número de fogares con menores ingresos e de xente moza cun nivel de emprego precario aumentou, “o que pon en evidencia que a actual crise económica está afectando de forma directa e inmediata ao nivel de ingresos, en especial aos colectivos máis vulnerables e indefensos da sociedade”. E sinalan que en Galicia, o mapa da desigualdade e a pobreza "estase modificando", de maneira que os maiores incrementos de pobreza se están a dar nas provincias atlánticas e non, como era tradicional, nas interiores. Estes resultados obedecen a que as áreas interiores, cunha poboación máis avellentada, teñen ingresos máis estables e igualitarios, mentres que as atlánticas, con maiores niveis de poboación en idade de traballar, presentan uns ingresos moito máis dependentes das flutuacións económicas.

A xente moza cun nivel de emprego precario aumentou, “o que pon en evidencia que a actual crise económica está afectando de forma directa e inmediata ao nivel de ingresos, en especial aos colectivos máis vulnerables e indefensos da sociedade”

O traballo Precariedade laboral-pobreza en Galicia en tempos de crise
, incluído no monográfico, lembra que "o principal problema que nos trouxo esta crise é o desemprego" e sinala que "resulta necesario construír máis itinerarios positivos de integración tanto laboral coma social. As políticas activas de emprego deben formularse como base para a saída da crise e piar da reactivación económica". Engaden que a "precariedade laboral e desemprego estenderon a pobreza nas súas distintas versións". E conclúen que "a historia lémbranos que os recortes non deben ser a única ferramenta que se debe aplicar. Só o crecemento económico permitirá diminuír o desemprego e recuperar a sostibilidade das contas públicas". Neste senso, os datos amosan que esta crise está producindo un novo tipo de pobreza. Se antes a exclusión social afectaba sobre todo aos maiores de 65 anos, agora o desemprego e a precariedade fixeron xa que o grupo dos adultos pobres (de entre 16 e 64 anos) supere ao dos adultos de maior idade, e que sexa o grupo dos nenos (menores de 16 anos) o máis afectado pola pobreza.

A poboación española en risco de pobreza creceu até o 27% no ano 2011, dous puntos máis que no 2010, e dez puntos por riba da media europea (16,4%). Os datos de Cáritas indican que desde o ano 2007 se incrementaron nun 174,2% as persoas que solicitaron os seus servizos para cubrir as necesidades básicas de alimentación e vivenda, pasando de 370.251 usuarios no ano 2007 a 1.015.276 no ano 2011. Pola súa parte, o Ministerio de Sanidade informa de que son xa oito millóns as persoas que acoden aos servizos sociais en busca de axuda, sobre todo persoas maiores e familias con menores. O límite de pobreza está establecido actualmente en 15.455 euros no caso dos fogares con dous adultos e dous menores, e en 7.355 euros no caso dos fogares unipersoais.

Os expertos lembran que nestas situación non só entran en xogo factores económicos, senón que dende hai un tempo se introduciu o concepto de exclusión social

Os expertos lembran que nestas situación non só entran en xogo factores económicos, senón que dende hai un tempo se introduciu o concepto de exclusión social, definido pola UE como “un proceso polo cal certos individuos son empurrados á marxe da sociedade e se lles impide participar plenamente nela debido á súa pobreza, á súa falta de competencias básicas e oportunidades de aprendizaxe permanente, ou simplemente como resultado da discriminación. Isto afástaos das oportunidades de emprego, ingresos e educación e formación, así como das redes sociais e actividades comunitarias. Teñen pouco acceso ao poder e aos órganos de toma de decisións, polo que a miúdo se senten impotentes e incapaces de tomar o control sobre as decisións que afectan á súa vida diaria”. 

 

Desigualdade e crecemento económico

Son moitos os autores que teórica ou empiricamente confirmaron esta hipótese de que a desigualdade e o crecemento van ligadas, é dicir, que o crecemento económico capitalista non produce, necesariamente, unha redución das desigualdes

Outros dos traballos recollidos no monográfico analizan a relación que se establece entre desigualdade social e crecemento económico, a partir do modelo inicial establecido por Kuznets en 1955, canónico durante décadas, que postula que a desigualdade aumenta inicialmente co crecemento para posteriormente diminuír tras un punto de retorno. Son moitos os autores que teórica ou empiricamente confirmaron esta hipótese de que a desigualdade e o crecemento van ligadas, é dicir, que o crecemento económico capitalista non produce, necesariamente, unha redución das desigualdes, ben porque é o aforro das clases altas o que xera investimento, ben porque as políticas redistributivas que reducen a desigualdade operan en contra do ideal neoliberal xerador de plusvalía. Estes autores, tanto o traballo de Ana Jesús López e Frank Cowell coma o de Daniel Rodríguez e Xavier Vence, conclúen que non é o crecemento do PIB o que xera unha sociedade máis igualitaria, e si o fan as transferencias sociais, "un instrumento poderoso para amortecer as desigualdades".

Manifestación contra a pobreza CC-BY Carlos Capote
Cadea humana organizada en decembro pola ODS de Coia © Zelia Garcia
Distribución da poboación en risco de pobreza ou exclusión social Dominio Público Praza Pública
Evolución da poboación en risco, dende 2004 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.