A folga nas centrais de chamadas acadou un seguimento masivo en Galicia

En Extel Coruña a folga tivo un seguimento case absoluto © CIG Extel

Os cascos quedaron colgados este xoves nas centrais de chamadas, contact centers e empresas de telemarketing de toda España. A gran maioría das ao redor de 100 mil traballadoras e traballadores do sector no Estado, unhas 8 mil en Galicia, secundaron a folga convocada pola totalidade dos sindicatos para reivindicar un convenio colectivo xusto, ante o intento da patronal de impoñer practicamente unha conxelación (suba do 1% no 2016 e do 0,7% nos anos seguintes) nos salarios e uns dereitos laborais (como as horas permitidas para acudir ao médico) moi restrinxidos.

Nas principais empresas do sector en Galicia o seguimento roldou o 80% (por exemplo en Bosch, en Vigo) e acadou o 99% na quenda da mañá en Extel, na Coruña, cun seguimento do 90% na quenda da tarde

Nas principais empresas do sector en Galicia o seguimento roldou o 80% (por exemplo en Bosch, en Vigo) e acadou o 99% na quenda da mañá en Extel, na Coruña, cun seguimento do 90% na quenda da tarde. No resto de España a participación foi tamén masiva en case todas as compañías.

A folga, que foi precedida nas últimas semanas por paros parciais, este xoves estivo acompañada por manifestacións e concentracións en todas as cidades (con concentracións en Lugo e Ourense, a mobilización de Vigo foi a máis numerosa, á espera da convocada para esta tarde na Coruña). Ademais, ao conflito provocado pola negociación do convenio colectivo, únense outros particulares en varias empresas nas que o persoal ve os seus postos ameazados por procesos de deslocalización ou nas que, coma o caso de Extel, xa se presentaron EREs.

Na Coruña, de feito, este xoves anunciouse que o Goberno local e o resto de grupos municipais levarán ao Pleno unha moción conxunta na defensa do cadro de persoal de Extel "ante un ERE que afecta á vida desta cidade”. Xulio Ferreiro demandoulle á Xunta de Galicia que apoie as reivindicacións das traballadoras e traballadores ameazados de despido, "xa que é un problema social máis que de produción”. “Se se trata dun problema de produción estou seguro de que hai outras formas de axustar as cousas, pero aquí o que temos é un problema social”, engadiu. "Debemos evitar que se perdan na nosa cidade 200 postos de traballo por unha empresa que non está dando explicacións das razóns deste ERE, que é posible grazas a unha lexislación laboral que permite lanzar este tipo de expedientes sen necesidade de pasar pola autoridade laboral e sen ter que dar maiores explicacións das causas de produción que os motivan”, concluíu o rexedor.

A xornada completa págase a 900 euros mensuais, pero a maior parte do persoal non acada o número máximo de horas, polo que o salario medio fica habitualmente nos 600 ou 700 euros

O sector caracterízase pola precariedade, cunha minoría de contratos indefinidos e un dominio de contratos temporais encadeados e mesmo de contratos de obra e servizo. Tamén polos baixos salarios, pois a xornada completa págase a 900 euros mensuais, pero a maior parte do persoal non acada o número máximo de horas, polo que o salario medio fica habitualmente nos 600 ou 700 euros. Trátase dunha profesión cunha maioría de emprego feminino (calcúlase que o 77% do persoal son mulleres) e sobre todo con traballadoras e traballadores novas e novos, cunha media de idade que oscila entre os 26 e os 36 nos distintos países da UE, segundo o Libro Branco da European Contact Center Benchmark.

En Extel Coruña a folga tivo un seguimento case absoluto © CIG Extel
Manifestación en Vigo, esta mañá © CIG
A manifestación de Vigo, pasando por diante dunha tenda de Movistar © CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.