Galicia perdeu 7.900 empregos no primeiro trimestre do ano. Este descenso que marca a Enquisa de Poboación Activa (EPA) empaña os bos datos interanauis, que indican que hai agora 30.100 ocupados máis no pais que hai un ano.
Galicia perdeu case 8.000 empregos no primeiro trimestre do ano pero gañou máis de 30.000 no último ano
Así, o número de persoas ocupadas en Galicia sitúase en 1.080.200 e a taxa de ocupación diminúe 0,3 puntos neste trimestre, ata quedar no 46,3%. Nos tres primeiros meses do ano, reduciuse a ocupación masculina mentres aumentou a feminina: hai 8.100 varóns menos ocupados respecto ao último trimestre de 2018 e 200 mulleres máis traballando.
De ter en conta os sectores, a ocupación aumenta na industria e diminúe na agricultura e a pesca, na construción e nos servizos. Na industria a ocupación aumenta en 1.900 persoas con respecto ao trimestre anterior, mentres que o sector primario rexistra unha diminución de 4.300 persoas, a construción de 1.900 persoas e os servizos de 3.400 traballadores e traballadoras menos.
A ocupación aumenta na industria e diminúe na agricultura e a pesca, na construción e nos servizos
Xunto a este descenso, tamén o aumento no número de persoas paradas, que queda en 153.900, 5.000 máis que no trimestre anterior, o que deixa a taxa de paro no 12,5%, 43 décimas por riba do trimestre previo e 2,61 puntos menos que hai un ano. Esta porcentaxe é moito peor entre a poboación xuvenil, onde queda no 23,1%. Dos datos da EPA tírase tamén que case un terzo dos mozos e mozas galegas, o 31%, están no paro, como advirten os sindicatos.
En canto ás persoas asalariadas e ao tipo de contrato, descendeu o número delas con contrato indefinido en 5.000 e en 3.200 respecto ao trimestre anterior. No entanto, en canto á variación interanual, as persoas con contrato indefinido incrementáronse un 5,2% e as persoas con contrato temporal aumentaron un 0,9%. A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 25,8% en Galicia.
Ademais, e en canto ao número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro, aumenta en 800 unidades e sitúase en 55.000. Respecto ao primeiro trimestre de 2018, esta tipoloxía de fogares redúcese un 20,2%.
O número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumento en 800 e sitúase en 55.000
Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 2.900 unidades. O número de fogares nesta situación é de 601.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 21.800 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 3,8% en termos relativos.
As cifras da EPA amosan outra característica preocupante do mercado laboral en Galicia, onde cae a poboación activa tanto no trimestre como en termos interanuais, ao contrario que no resto do Estado onde amosa un incremento do 0,68% nun ano. No país, segundo estes datos, constátase a diminución da poboación de 16 ou máis anos. 900 menos no ano e 2.400 persoas activas menos, o que ratifica un grave problema demográfico.