Os últimos tres anos e medio foron un tempo de recuperación do emprego en Galicia. A desfeita laboral provocada pola crise económica deixara o número total de traballadores e traballadoras en cifras mínimas, cunha destrución de case 200.000 empregos. No ano 2015, máis ou menos coincidindo coas últimas eleccións municipais, a situación comezou a mellorar, recuperándose ao redor de 60.000 empregos no país, aínda que a actual cifra de cotizantes segue aínda lonxe das cifras de 2008, xusto antes do inicio da crise.
Este panorama repítese en case todos os concellos, pero a realidade é que se dan diferenzas entre unhas e outras zonas no país. Dende as últimas eleccións municipais, tres de cada catro localidades (237 das 313) crearon emprego neto e hoxe presentan máis afiliados e afiliadas á Seguridade Social que no ano 2015, segundo as cifras publicadas polo IGE cruzando os datos do INSS cos do Padrón.
Negueira de Muñiz, Caldas de Reis, Portas, Miño, Rábade, Baltar, Porqueira, A Cañiza, Catoira, Amoeiro, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, O Porriño, Soutomaior, Ribadumia e Moeche son os concellos que en termos relativos amosan un maior crecemento no número de traballadores e traballadoras, con porcentaxe superiores ao 10% en todos os casos. En canto ás cidades, todas presentan un comportamento positivo: Pontevedra (+8,5%), Vigo (+7,1%), Compostela (+6,2%), A Coruña (5,8%), Lugo (5,6%), Ferrol (+4,6%) e Ourense (3,9%).
Só 74 concellos teñen hoxe menos traballadores e traballadoras que no ano 2015
Só 74 concellos teñen hoxe menos traballadores e traballadoras que no ano 2015. Barreiros, Monterrei, San Cristovo de Cea, O Incio, Carballeda de Valdeorras, O Páramo, O Saviñao, Mesía, Guntín, Vilar de Barrio e Agolada son os concellos que perderon máis afiliados, nunha estatística na que factores coma o despoboamento e o envellecemento xogan un papel importante, ligado necesariamente á creación de emprego.
Moi diferente é o panorama se a comparación se fai co ano 2008. Na maior parte dos concellos galegos os datos de afiliación á Seguridade Social o 31 de decembro de 2018 son aínda inferiores aos de 10 anos antes. De feito, tan só 40 localidades contan cun número igual ou superior de traballadores e traballadoras ao que tiñan hai unha década.
Tan só 40 localidades contan cun número igual ou superior de traballadores e traballadoras ao que tiñan hai unha década
Os dous concellos que máis empregos gañaron son, curiosamente, ourensáns: San Cibrao das Viñas (+28,9%) e Barbadás (+19,7%), nunha provincia que tamén presenta as localidades que perderon máis cotizantes. A continuación aparecen Ames, Miño, Brión, Negueira de Muñiz, Melide, Allariz, Outeiro de Rei e O Porriño, todas con incrementos superiores ao 10%.
No que respecta ás cidades, Pontevedra é a unica que conseguiu recuperar xa o número de traballadores e traballadoras do ano 2008 (ten exactamente dous máis). Lugo está preto de facelo (ten 80 afiliados/as menos), o mesmo que Compostela (está a 265 novos empregos de acadalo), mentres que o resto das urbes están aínda moi lonxe: Nos últimos catro anos A Coruña gañou 5 mil empregos, pero entre 2008 e 2014 perdera case 12 mil, unha situación semellante á de Vigo. Tamén Ourense e Ferrol están aínda lonxe das cifras de hai unha década.
Os Blancos, Carballeda de Valdeorras e Beariz encabezan a lista das localidades que perderon máis cotizantes dende o 2008, por riba do 30%. Nesta estatística, na que aparecen 273 concellos, destaca a presenza de Coristanco e Carnota (cun 23% de traballadores/as menos que hai unha década), Zas (-20%) e Ortigueira, Mondoñedo e Camariñas (-19%), cuns datos de perda de emprego que empeoran moito a media do conxunto de Galicia.