A piscifactoría de Pescanova en Mira, un dos motivos da crise da Caixa Geral de Depósitos

Factoría de Pescanova en Mira © http://www.nortaluga.com/

A Caixa Geral de Depósitos, a meirande entidade financeira de Portugal (representa case a cuarta parte do mercado no país), atravesa unha profunda crise, cuxa verdadeira dimensión vén sendo revelada con detalle nas últimas semanas. Hai uns días o Goberno portugués acordou coa Comisión Europea un plan para recapitalizar o banco público con 4.600 millóns de euros, dos que 2.700 millóns procederán das arcas públicas, ademais de levar a cabo unha "profunda reestruturación" da entidade, sobre a que paira a ameaza da privatización. Na última década os bancos portugueses recibiron máis de 14 mil millóns de euros en axudas públicas.

A entidade suma máis de 2.300 millóns de euros en créditos en risco de non ser devoltos. Os efectos da crise económica sufrida por todos os países do sur de Europa nos últimos anos déixanse notar nas contas do banco, pero nos malos resultados sobresaen algunhas operacións de alto risco levadas a cabo pola Caixa Geral. Entre elas destaca Acuinova, o proxecto de acuicultura levado a cabo por Pescanova en Mira.

A fábrica de Mira e Pescanova Portugal presentan imparidades (crédito perdido) de 23,8 millóns de euros, e 36,1 millóns de euros de crédito en risco que contribúen a agravar a situación da Caixa Geral

A factoría foi inaugurada en 2009, cun investimento de máis de 300 millóns de euros (58,7 procedentes do Goberno portugués), prometendo a creación de 800 postos de traballo e converterse na maior planta de produción de peixes planos do planeta. Porén, nunca se chegaron a producir as 12 mil toneladas anuais proxectadas, pois os datos máis optimistas falan de entre tres mil e catro mil. E a planta ficou tamén moi lonxe dos 800 empregos prometidos, ficando en ao redor de 200. A crise da propia Pescanova puxo ao descuberto a realidade da factoría de Mira, que pasou na práctica a ser propiedade (e o problema) das entidades financeiras que financiaran a súa construción, comezando pola propia Caixa Geral.

A ex­po­si­ción da entidade á débeda de Pescanova as­cende a 130 mi­llóns de euros, ao mesmo nivel que a do Deutsche Bank, e só por detrás da que sofren Sabadell, La Caixa e Abanca

A fábrica de Mira e Pescanova Portugal presentan imparidades (crédito perdido) de 23,8 millóns de euros, e 36,1 millóns de euros de crédito en risco que contribúen a agravar a situación da Caixa Geral. De feito, a ex­po­si­ción da entidade á débeda de Pescanova as­cende a 130 mi­llóns de euros, ao mesmo nivel que a do Deutsche Bank, e só por detrás da que sofren Sabadell, La Caixa e Abanca.

 

Factoría de Pescanova en Mira © http://www.nortaluga.com/
Sede da Caixa Geral de Depósitos CC-BY IG8

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.