A política aeroportuaria galega, lastre para o sector turístico

Vista da terminal do aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

O aeroporto Francisco Sá Carneiro, no Porto, moveu durante 2012 un total de 6.050.094 pasaxeiros e pasaxeiras. Malia á profunda crise económica de Portugal, coas finanzas intervidas, o aeródromo portuense non só mantivo o seu tráfico, senón que mesmo o incrementou lixeiramente, nun 0,8%, a respecto do ano anterior. O conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, considera "sorprendentes" as cifras da terminal portuguesa. Aínda que asegura que non é comparable o que acontece aun lado e ao outro da raia -"a comparación non é homoxénea", di- admite que cómpre unha "reflexión" e apunta que a falta de xestión conxunta dos tres aeroportos galegos pode ter algo que ver co feito de que, mentres Porto sobre, Lavacolla, Alvedro e Peinador desplómanse.

No mesmo período en que o Sá Carneiro rexistrou máis de seis millóns de pasaxeiros os aeroportos de Galicia non chegaron aos sete millóns entre os tres. Concretamente, rexistraron 3.868.783 movementos de persoas, unha cifra que se antolla raquítica fronte á do competidor portugués, non só por ser ser inferior, senón por ser o resultado de pronunciadas caídas. Así, o groso deste tráfico ten orixe e destino en Compostela, 2.194.611 pasaxeiros que amosan a potencia da terminal compostelá a respecto das súas dúas competidoras internas, pero que supoñen un 10,9% menos que hai un ano. Pola súa banda, A Coruña e Vigo mantéñense en niveis semellantes de tráfico e de caída: os 845.452 pasaxeiros de Alvedro supoñen un 16,5% menos que en 2011 e os 828.720 de Vigo, un desplome do 15,1%.

Os tres aeroportos galegos xuntos moveron en 2012 pouco máis da metade dos pasaxeiros que rexistrou Porto

Isto prodúcese nun escenario no que, ademais, o aeroporto que actúa como locomotora do sistema aeroportuario galego, Lavacolla, presenta unha oferta de voos que noutros países sería propia de terminais secundarias pola preeminencia das compañías de baixo custo. Non en van, durante 2012 o 49,4% do tráfico aéreo en Santiago veu da man da aeroliña irlandesa Ryanair. Este dato non é menor non só por condicionar o futuro da infraestrutura aos avatares desta empresa, senón tamén polo perfil de turistas que se achegan ao país a través dela. É aquí onde entra un dos múltiples temores do sector turístico, que nestes días dá a voz de alarma por enésima vez a través das entidades que aglutinan os profesionais da hostalería.

A última en saír á palestra é a Asociación de Hostalería de Compostela, que comezaba a semana reflectindo que a demanda hoteleira na capital galega caeu en máis dun 44% durante 2012 ou, o que é o mesmo, rexistrou as cifras máis baixas dende o Xacobeo 2004. Aínda que factores como a crise económica non son menores o responsable de comunicación desta entidade, Aser Álvarez, non dubida que a situación é tamén resultado da ausencia dunha xestión aeroportuaria axeitada. Porto é a mellor mostra de que Galicia precisa unha "estratexia aeroportuaria de estado", di.

Os hostaleiros cren que Galicia precisa unha "estratexia aeroportuaria de estado"

En toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal o Sá Carneiro é xa o aeroporto de referenica e, fronte a isto, reclama, cómpre unha "promoción intelixente" de Galicia que na súa opinión debe ter a Compostela como cidade "cabeceira" e, en todo caso, non debe ser o resultado de varias estratexias descoordinadas entre si. Só desta maneira, afirma, se poderá reverter a tendencia de peches temporais ou permanentes de establecementos hoteleiros e, polo tanto, evitar que o sector turístico sexa tamén un novo factor que sume nomes á nomina das oficinas de emprego. Para comezar, conclúe, a Xunta debería comezar por nomear unha persoa "con coñecemento e experiencia" para dirixir a nova Axencia de Turismo de Galicia.

Vista do interior do aeoporto Sá Carneiro, no Porto © Aeroportos de Portugal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.