A precaria mocidade ocupada: dous anos na empresa e 780 euros brutos para empezar

Salarios medios da mocidade galega no seu primeiro emprego CC-BY-SA Praza Pública

A precariedade laboral, a temporalidade e a incerteza poderían resumir a situación da maioría da xente nova nos últimos anos. En Galicia, o paro e os baixos salarios empurraron moitos mozos á emigración ou a asumir condicións laborais que dificultan o seu proxecto de vida. Tal e como se tira dos últimos datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), un terzo da poboación ocupada galega non logra encadear un ano seguido de traballo e hai case 60.000 persoas que traballan todo o ano pero non alcanza nin os 10.000 euros brutos anuais de salario. 

A poboación ocupada nova permanece sobre dous anos de media nunha empresa

A situación empeora a medida que diminúe a idade deses ocupados, que non só aturan a precariedade senón unha inestabilidade que semella xa irremediable. De feito, o tempo medio de permanencia nunha empresa dos traballadores por conta allea de entre 16 e 29 anos en Galicia sitúase en pouco máis dos dous anos. Máis en concreto, 761 días. Son máis cifras que achega a Mostra continua de vidas laborais, un conxunto de datos sacados de diferentes administracións nos que se analizan as situacións de todas as persoas que durante un ano tiveron relacións coa Seguridade Social. Os números que debulla o IGE refírense ao último analizado, 2014, e retratan coa frialdade dos números o precario mercado laboral galego. 

Os traballadores máis novos, até os 24 anos, superan por pouco o ano de permanencia con contrato na mesma compañía

Esa media de permanencia da mocidade nunha empresa empeora moito segundo o sexo ou tramo de idade, ademais de ser máis baixa que a de 2011, coa crise afectando de cheo. Así, entre as mulleres mozas o número medio de días descende aos 704 -nin tan sequera dous anos- fronte aos 822 dos homes. Ademais, se reparamos na poboación ocupada de entre 16 e 24 anos, o tempo medio de permanencia na compañía é de 405 -pouco máis de un ano- mentres que na franxa de idade entre 25 e 29 ascende a dous anos e medio. 

Os datos teñen en conta os traballadores mozos por conta allea en alta laboral o día 31 de decembro do ano analizado e reparan no tempo acumulado na empresa baseándose na mostra continua de vidas laborais facilitada pola Seguridade Social. Como é de prever, o conto cambia se os contratos desas persoas son indefinidos ou temporais. No caso dos primeiros, a media de permanencia na empresa ascende aos tres anos e medio, mentres que os ocupados novos cunha relación laboral temporal apenas superan o ano (423 días). 

Baixos salarios 

En canto aos salarios, a precariedade tamén se acentúa. De ter en conta a mocidade que estivo afiliada todo o ano en alta laboral durante ese ano, ben fose por máis ou menos horas, o 34,2% cobraron menos de 12.000 euros brutos anuais e, xa que logo, non chegaron a ser mileuristas. E só o 42,4% superou os 15.000 euros brutos anuais.  

A xente nova cobra de media 781 euros brutos mensuais na súa primeira relación laboral; as mulleres, 677

Estas precarias condicións aumentan ao accederen ao primeiro emprego. A media do salario bruto mensual na primeira relación laboral por conta allea dos máis novos é de 781 euros brutos,721 para os de entre 16 e 24 anos e 897 para os de entre 25 e 29. No caso das mulleres, a media dese primeiro soldo é de 677 euros brutos. En todos estes casos, considéranse só aquelas relacións laborais cunha duración igual ou superior aos 30 días. 

Mocidade nun acto da Xunta sobre emprego xuvenil © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.