Foi unha negociación "moi dura" e "de costas a todos e en silencio", recoñeceu este luns José García Costas, presidente do estaleiro Hijos de Barreras, logo de confirmar que a entrada de Pemex no accionariado da empresa (coa adquisición do 51%) farase cunha "achega de diñeiro" -queu podería roldar os 20 millóns de dólares- e descartando que o prezo do flotel que se construirá se vaia descontar da operación.
"Barreras meteuse nesta operación para garantir o seu presente e o seu futuro", engadiu o presidente do estaleiro sobre un acordo que implica o control da empresa galega por parte da petroleira estatal mexicana. Foi unha negociación dura, pero con moitas máis cartas na man para unha Pemex que viu como a imposibilidade de Feijóo e a Xunta de garantir o cumprimento da súa promesa para a construción do flotel facilitou a operación para a compañía azteca. As dificultades económicas de Barreras fixeron o resto.
"Era imposible asegurar que os floteis se fosen construír en Galicia", confirma un conselleiro de Pemex
Confírmao a Praza un dos conselleiros de Pemex coñecedor das negociacións, que aclara que "en efecto" era "imposible que puidese haber un 100% de certeza de que os floteis se fosen construír en Galicia". "O proceso implicaba unha licitación pública internacional", insiste esta mesma fonte, que volve deixar claro que nunca foi certo que a construción do buque hotel no estaleiro vigués estivese asegurada, tal e como asegurou Feijóo desde semanas antes das últimas eleccións autonómicas e logo de acumular meses de atraso no inicio dos traballos que aínda non chegaron. Así, engade que "aínda que nunca se puxo sobre a mesa unha disxuntiva do tipo 'ou se controla o estaleiro ou non hai floteis", si cre que "está claro" que as dificultades económicas de Barreras e as vantaxes coas que agora conta Pemex "facilitaron as cousas".
Pemex non dá por segura a construción doutro flotel en Navantia: "O tema aínda non está resolto"
Que foi o que facilitou as negociacións para a petroleira mexicana? "Por unha parte as dificultades do estaleiro, así como a seguridade de Pemex que poderá asignar directamente e sen complicacións a unha filial onde é socio maioritario", insiste esta mesma fonte do consello de administración de Pemex, que confirma as dificultades de Barreras para adquirir o aval necesario para asumir a construción do buque.
No entanto, este mesmo conselleiro deita dúbidas sobre o flotel que ten previsto construírse en Navantia, malia que o propio presidente da Xunta segue manifestando a súa confianza en Pemex e nas súas promesas de cara ao estaleiro da ría de Ferrol. "O de Navantia aínda non está resolto", di, sen querer engadir máis detalles.
A mesma fonte considera tamén que, co acordo entre a petroleira mexicana e o estaleiro vigués, "gaña Pemex e gaña Galicia". "Gaña Pemex ao poder planear e implementar con maior axilidade e mellores custos o seu plan de renovación da flota petroleira, e gaña Galicia porque se salvan e incluso se xeran empregos", conclúe.
O prometido flotel, que debería comezar a construírse en breve, deberá entregarse en 26 meses despois dos comezos e está previsto que nel traballen sobre uns 800 operarios, pero todo dependerá do "ritmo" do traballo, tal e como aclarou o presidente de Barreras, que prevé construír máis dun barco para Pemex de maneira inminente.