A promotora da mina de Corcoesto manobra desde Panamá para litigar contra a Xunta

Área que estaría afectada pola mina de ouro CC-BY-SA Salvemos Cabana

O pasado outubro a multinacional mineira Edgewater, impulsora da frustrada mina de ouro en Corcoesto, advertía de que se lanzaba a unha batalla legal contra a Xunta para tentar lograr unha compensación duns 20 millóns de euros pola cancelación dos dereitos da súa filial, Mineira de Corcoesto, sobre aquela explotación. Como informou Praza.gal, o argumentario da empresa centrábase no suposto incumprimento dun tratado bilateral de investimentos asinado entre España e Panamá a finais dos anos 90. A causa é que quen litiga nunha das frontes contra a Xunta non é a empresa canadense nin a súa filial galega, senón Corcoesto S.A., unha empresa fundada por Edgewater no país centroamericano a través dun bufete especializado na creación de sociedades offshore como as que dende hai unha semana protagonizan a actualidade polos coñecidos como 'papeis de Panamá'.

Como vén lembrando a plataforma Salvemos Cabana, a multinacional, que tamén mantén un procedemento contencioso-administrativo, basea o seu litixio en que ao promover a caducidade dos seus dereitos mineiros a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2015 -cuxos preceptos neste eido ratificou o pasado febreiro o Tribunal Constitucional- a Xunta transgrediu "as obrigas do Reino de España" no devandito tratado con Panamá. Dado que a que litiga é formalmente unha empresa panameña, Edgewater reclama que o conflito sexa abordado nun tribunal de arbitraxe internacional que, di a plataforma cidadá, está "vinculado ao Banco Mundial" e adoita ser proclive a que os intereses das empresas prevalezan sobre o ordenamento xurídico de cada país.

A empresa Corcoesto S.A. foi creada por un bufete panameño cinco meses despois de que a Xunta paralizase o proxecto

No entanto, Salvemos Cabana pon o acento sobre unha cuestión temporal que a mineira está a obviar. A denegación do proxecto foi decidida pola Xunta en marzo de 2014 entre unha forte presión social e Edgewater non rexistrou a súa filial panameña a través do bufete Melhado&Webster ata o 26 de agosto dese ano, cinco meses despois. "Resulta cando menos sorprendente -di o colectivo- que unha empresa que non existía poida presentar agora como propios uns feitos dos que non puido ser partícipe", xa que sucederon antes do seu nacemento.

O PP de Cabanas, contra a Xunta e o PP galego?

Neste escenario, Salvemos Cabana amosa a súa "preocupación" polas manobras da empresa, pero tamén polas do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño (PP). O rexedor, di a plataforma, "estáse enfrontando á decisión do seu propio partido de cancelar o proxecto da mina de ouro" e por iso, aseguran, "decidiu sen o consenso do pleno -o PP ten 7 edís, o PSdeG 3 e o BNG, 1- a persoación do Concello no contencioso administrativo que a mineira canadense mantén contra a Xunta".

Salvemos Cabana afirma que, contra o criterio da Xunta, o alcalde de Cabanas (PP) promove a participación do Concello no contencioso-administrativo

Dado que a Xunta anulou o proxecto "porque a mineira non logrou en ningún caso reunir o 25% de fondos de capital e reservas esixidos" para poñelo en marcha, "non ten sentido que o Concello se persoe no procedemento xudicial". Neste sentido, o colectivo cidadán cre "urxente" que fique "aclarado" se o consistorio está destinando "recursos públicos para favorecer directa ou indirectamente as millonarias reclamacións de Edgewater, o que suporía de facto unha grave afrenta contra os intereses do pobo galego".

A xuízo de Salvemos Cabana o ámbito adecuado para depurar as posibles responsabilidades sería unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia. Alí sería, din, onde cumpriría deitar luz sobre "se o alcalde de Cabana pode estar a actuar con intereses opostos aos da Xunta no procedemento contencioso-administrativo" e, por outra banda, "se efectivamente as reclamacións por vía internacional da mineira están a fundamentarse nunha empresa creada tras a cancelación do proxecto que, de maneira incomprensible, pretende actuar con carácter retroactivo". "Nada disto sucedería -lamentan- se a Consellería de Medio Ambiente actuase de xeito competente, pois ao aprobar a declaración de impacto ambiental a finais de 2012 desencadeou un proceso que nos levou a estes efectos tan lamentables".

Datos da constitución de Corcoesto S.A. polo bufete panameño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.