A regulación laboral de PSA en Vigo pode afectar máis de mil traballadores

Factoría PSA Citroën en Vigo CC-BY-SA CIG

Os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) que PSA Peugeot Citroën propón para a súa planta en Vigo até o próximo ano 2018 poderán afectar até 1.060 traballadores que se acollan de maneira voluntaria. Destes, o extintivo presentará tres modalidades: para veteranos, para menores de 50 anos que decidan marchar e para menores de 50 anos que queiran marchar con dereito preferente de reingreso.

Así o aseguran fontes da empresa a Europa Press, logo de que se celebrase a segunda xuntanza da mesa negociadora entre a dirección de PSA e representantes dos traballadores e que ten como obxectivo a adopción de medidas asociadas á candidatura da planta para optar a un novo modelo de vehículo.

Ao ERE extintivo poderán acollerse voluntariamente un máximo de 400 persoas

A dirección da fábrica comunicou os detalles dos distintos expedientes, e ratificou que ao ERE extintivo poderán acollerse voluntariamente un máximo de 400 persoas de todos os grupos profesionais e tanto aqueles con 59 ou máis anos como os menores de 50 que desexen extinguir o seu contrato definitivamente ou con dereito preferente de reingreso.

En canto ao ERE suspensivo, confirmouse que impactaría como máximo arrredor de 500 traballadores -510 segundo fontes sindicais-; mentres que o ERE suspensivo rotatorio para persoal mensual estrutural (non ligado á produción) chegará a un máximo de 150 traballadores.

Á marxe do ERE extintivo, a empresa ofreceu a posibilidade de que os traballadores poidan trasladarse voluntariamente a outros centros do grupo onde existan vacantes. Ademais, especificou as indemnizacións aos traballadores afectados, que dependerán da modalidade de expediente á que se acolla cada traballador, a súa idade e a súa antigüidade.

Mentres, o grupo parlamentario de AGE pediu á Xunta de Galicia e ao seu presidente Alberto Núñez Feijóo que lle esixa a Citröen que anule este  ERE de extinción anunciado e que provocará o despedimento de 400 traballadores. O viceportavoz de AGE, Antón Sánchez, e o deputado Juan Manuel Fajardo ofreceron unha rolda de prensa para presentar a iniciativa rexistrada polo grupo parlamentar na que se insta ao Goberno galego a condicionar as axudas públicas a PSA Citröen á permanencia da produción na fábrica de Balaídos e ao mantemento dos postos de traballo.

AGE esixe á Xunta que condicione as axudas públicas a Citröen á permanencia da produción e ao mantemento do emprego

Despois de que hai apenas un mes o presidente da Xunta de Galicia atacase a AGE e o acusase de poñer en risco os postos de traballo en Citröen ao non apoiar a modificación da lei do solo pensada para beneficiar á empresa pese a aprobar unha norma que afecta a todo o país, Núñez Feijóo mantén o silencio tras o anuncio dun ERE de expedición que implicaría 400 despedimentos. “Estamos ante a clara demostración de que o PP empregou como pretexto aos traballadores de Citröen para modificar de xeito chafalleiro a Lei do Solo” destacou Antón Sánchez.

Factoría PSA Citroën en Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.