A UE suaviza o recorte ás cotas pesqueiras e alivia os temores da frota malia a redución na pescada

Barcos pesqueiros no porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

No solpor, preto xa das 7 da mañá, os ministros de Pesca da Unión Europea chegaban a un acordo para unha repartición sostible e responsable das cotas pesqueiras. A proposta final suaviza as intencións iniciais da Comisión, e mesmo as mellora, en especies que son fundamentais para o sector pesqueiro galego.

O recorte inicial á pescada do Cantábrico, dun 20%, queda nun 5%

Así, a pescada do Cantábrico torna do recorte inicial do 20% proposto por Bruxelas ao 5%, co que a frota española poderá pescar 5.600 toneladas en augas ibéricas. O xurelo do sur pasa dun recorte do 50% ata un incremento do 24%, que suporá 30.200 toneladas.

As mudanzas tan radicais débense a un erro de criterio do informe técnico no que se baseou a repartición, tal e como explicou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que formou parte da delegación do Estado que negociou durante dous días na capital comunitaria. 

Só puxo unha pega a conselleira, en relación coas cotas da pescada no Gran Sol, pero amosouse optimista sobre a pesca da cigala no Cantábrico, que leva tres anos en veda. A conselleira do Mar cre que o logrado en Bruxelas "mantén o equilibro social, económico e ambiental no sector pesqueiro".

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea © Xunta

"Para a situación de partida na que estabamos coa proposta de Bruxelas, en liñas xerais podemos dicir que mantemos o barco a flote"

En resumo, o Estado español suaviza os recortes inicialmente propostos: as cotas da pescada do sur recórtanse un 5% con respecto ás deste ano fronte ao 20% que se anunciara; no caso do xurelo entre Fisterra e Cádiz, pasa dun recorte do 50% a un aumento dun 24% máis. Sobe tamén, un 41%, a cota da xarda no Cantábrico, e mantéñense sen cambios a pescada en augas do Gran Sol, o xurelo ao norte de Fisterra ou o peixe sapo. No caso do lagostino do Cantábrico, seguirá negociándose unha reapertura da pesca.

O ministro de Pesca en funcións, Luis Planas, cre que é un "moi bo resultado para España, para o conxunto do sector pesqueiro", e di que o pactado "está en liña coa Política Pesqueira Común". Francia bloqueouno durante horas por cuestións técnicas. Os totais admisibles de capturas acordados comezarán a aplicarse o próximo 1 de xaneiro.

“Para a situación de partida na que estabamos coa proposta de Bruxelas, en liñas xerais podemos dicir que mantemos o barco a flote e que, desde logo, estamos na liña de manter o equilibrio social, o económico e o medioambiental na xestión pesqueira”, concluíu a conselleira do Mar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.