A Xunta destina 200.000 euros a unha nova compra de ordenadores con Windows

A responsable da Amtega, nun acto sobre calidade do software © Xunta

Imaxinemos por un momento que unha Administración pública lanza un contrato para mercar, por exemplo, coches para os seus gardas forestais, cadeiras para os colexios e bolígrafos para os seus departamentos administrativos. Ao comezar os trámites esixe que o motor do vehículo sexa Citroën, que as cadeiras inclúan un coxín que só se venda en Ikea e que a tinta dos bolígrafos sexa a que empregan os da marca Bic. Se algo así acontecese a polémica, probablemente, non sería menor, e a Administración en cuestión tería que explicar que razóns a levan a priorizar unha empresa sobre todas as demais. Esta práctica, precisamente, é a empregada recorrentemente cando se trata de renovar o equipamento informático da Xunta cunha empresa priorizada sobre o resto: Microsoft. Agora volve acontecer e sobre a mesa hai algo máis de 200.000 euros públicos.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o organismo que centraliza as compras da Xunta en materia informática, vén de licitar un contrato para adquirir 200 ordenadores portátiles. Con esta contratación, xustifica, o Goberno galego "pretende adquirir hardware e software que permita garantir os máximos niveis de dispoñibilidade, rendemento e eficiencia". O destino dos ordenadores será, por exemplo, a xestión de medios na loita contra incendios, a tramitación das axudas agrícolas europeas ou de servizos sociais, a inspección educativa ou os labores de centros de formación, entre outros.

A esixencia de Windows implica, na práctica, privilexiar unha empresa sobre todas as demais no contrato público

No prego do contrato a Amtega detalla, por exemplo, que os discos duros dos ordenadores deben ter unha capacidade mínima de 500 xigabytes e, cando menos 8 Gb de RAM. Detalla, ademais, que a duración da batería co ordenador en funcionamento debe acadar, cando menos, 240 minutos, que debe dispoñer de conexións USB 3.0 e HDMI e de conectividade Wi-FI e Bluetooth, así como dunha pantalla de, cando menos, 15 polgadas. Xunto a estas descricións máis ou menos xenéricas, que as empresas interesadas en facerse co contrato poderían atender botando man de diversos provedores, hai unha abertamente excluente: o sistema operativo.

Nos últimos anos a Xunta seguiu esixindo Windows malia comprometerse a que "todos os programas informáticos que poñamos a funcionar ex novo poidan discurrir en sistemas libres ou abertos"

Todos estes equipos terán que traer cadansúa licenza de Windows con "downgrade para Microsot Windows 7 Professional", isto é, coa posibilidade de facer funcionar o computador coa versión anterior do programa de Microsoft. Deste xeito, ningunha compañía lle poderá ofertar á Xunta outra solución que poida chegar a ofrecer as mesmas prestacións que Windows, xa sexa con software libre ou privativo, toda vez que non ofertar o sistema operativo de Microsoft implica non cumprir un dos "requisitos mínimos" esixidos pola Xunta.

Esta é unha máis das múltiplas compras de ordenadores nas que a Xunta e outros organismos autonómicos esixen Windows. Así, por exemplo, o pasado febreiro a Axencia Tributaria de Galicia destinou 191.000 euros a mercar 152 ordenadores que debían traer consigo o programa de Microsoft. En 2014 foi a Amtega a que adquiriu case 600 ordenadores por case 400.000 euros nunha compra na que Windows era tamén un requisito mínimo, nunha operación semellante a outra que xa realizara en 2013. Tamén os ordenadores dos deputadas e deputados, que recentemente foron noticia polos seus buratos de seguridade, funcionan con Windows por esixencia expresa do propio Parlamento. Isto sucede aínda que o propio presidente da Xunta se comprometeu hai xa dous anos a que "os programas informáticos que poñamos a funcionar ex novo, todos poidan discurrir en sistemas libres ou abertos".

A responsable da Amtega, nun acto sobre calidade do software © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.