A Xunta incrementou a débeda cinco veces máis que os concellos en cinco anos

Feijóo co alcalde da Coruña, o concello máis endebedado do país © Ana Varela

Xusto despois de sinalar as autonomías como fonte de boa parte dos males financeiros, o Goberno central puxo o seu foco na Administración local e, nomeadamente, nos concellos. A reforma local aprobada en solitario polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que en Galicia rexeita a práctica totalidade do municipalismo, imponlles aos concellos unha férrea disciplina nas súas contas, ademais de arrebatarlles servizos non para poñelos nas mans das autonomías, senón para centralizalos nas cuestionadas deputacións provinciais. A pouco máis dun ano das eleccións que renovarán as administracións máis próximas unha ollada ás súas contas permite concluír que nun dos indicadores máis elocuentes, a débeda, os concellos non se comportan tan mal como a súa irmá maior, a Xunta, ata o punto de que incrementaron o seu endebedamento cinco veces menos.

Unha vía doada de coñecer estas cifras é acudir ás bases de datos do Instituto Galego de Estatística, onde a última información dispoñible está datada a 31 de decembro de 2012, coa oportunidade de retroceder ata 2008, isto é, cinco exercicios económicos. Neste período a suma da débeda viva de todos os concellos do país pasou de 637 a 773 millóns de euros, o que supón un incremento de algo máis do 21%. No mesmo treito temporal analizado, entre 2008 e 2012, a débeda do Goberno galego medrou un 108%, chegando, segundo datos do Banco de España, aos 8.261 millóns. O último dato dispoñible, do terceiro trimestre de 2013, elevábase aos 9.106 millóns, unha leve baixada a respecto dos 9.525 millóns cos que iniciou o ano pero un 18% máis que un ano antes.

No período analizado a débeda da Xunta medrou un 108% e a dos concellos, apenas un 20%

Como é de agardar, os concellos galegos máis endebedados en termos absolutos son os meirandes, nun contexto no que as sete cidades e Vilagarcía de Arousa suman practicamente a metade da débeda municipal galega. Á cabeza deste rexistro atópase a Coruña, con 79,5 millóns de débeda en 2012, un 9% máis que no peche de 2011, ano no que o popular Carlos Negreira asumiu a Alcaldía. No segundo posto estaba Santiago cos seus 63,8 millóns, cinco máis que un ano antes, e no terceiro, Vigo, con 55,7 millóns que supuxeron unha suba do 21% nun ano, o mesmo que o conxunto dos concellos en catro. O cuarto concello máis endebedado do país era nesa altura Ourense, con 47,8 millóns, apenas un menos que en 2011, e o quinto, Lugo, cuxos 39,6 millóns supuñan unha baixada de case o 6%. Pola súa banda, Ferrol tiña 32,5 millóns, case un 8% máis que un ano antes, e Pontevedra, 20,5 millóns, un 14% menos. Neste ámbito é de salientar o dato de que Vilagarcía ten máis débeda que a capital da provincia, con 21,1 millóns que supuñan un aumento do 8,5% nun ano.

Na banda oposta aos concellos máis endebedados están os 58 concellos que ao remate de 2012 contaban con cero euros de enbedamento. Son pequenos municipios que, nalgúns casos, acumulaban xa varios anos sen débeda ningunha, pero outros conseguiron reducila a cero no período analizado. É o que aconteceu, por exemplo, en Arteixo, que en 2008 debía algo máis de 4 millóns de euros e en 2012 xa non debía nada. Un caso semellante é o de Barbadás, que pasou de 1,5 millóns a cero no mesmo treito temporal. Outros municipios como Pontedeume, As Pontes ou San Sadurniño liquidaron débedas no entorno dos 300.000 euros e algúns, como Navia de Suarna, Leiro ou Manzaneda eliminaron unha débeda que apenas superaba os 60.000 euros.

Feijóo co alcalde da Coruña, o concello máis endebedado do país © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.