A Xunta recorrerá no TC a suspensión de axudas ás renovables que decretou Rajoy

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

O que con Zapatero era unha constante con Rajoy é unha novidade presentada con moita máis suavidade pero, en definitiva, presentada. A Xunta levará ante o Tribunal Constitucional o Real Decreto a través do cal o Goberno central suspendeu ata novo aviso o sistema de primas para as enerxías renovables, isto é, as subvencións para as novas instalacións de produción de electricidade a partir de, por exemplo, enerxía eólica ou solar, entre outras. O presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anuncia esta decisión máis de catro meses despois de que, o pasado abril, os Executivos central e galego sentasen á mesma mesa para negociar a cuestión e rematasen sen acordo. Dende Santiago reclámase que a suspensión non sexa xenérica, senón que se mire caso por caso e, sobre todo, "a eficiencia" de cada tipo de enerxía.

Aínda que o recurso aínda non foi executado formalmente -pasou polo Consello da Xunta a través dun informe, isto é, sen validez legal- Feijóo anuncia a súa inmediata presentación sustentada nunha posible invasión de competencias xa que "o grao de incerteza" aberto polo gabinete de Rajoy "impide o exercicio das actividades de planificación" da produción enerxética, neste caso da éolica, "que son competencia da comunidade autónoma". Así é todo, o líder popular evita neste caso os cualificativos usualmente empregados á hora de presentar estes recursos ante o Goberno do PSOE, acusado recorrentemente dende San Caetano de "deslealdade" ou de "atacar o autogoberno" de Galicia. Neste caso, apunta, trátase de "discrepanciais cordiais".

Segundo a Xunta o Goberno central "atenta contra a seguridade xurídica, xera incerteza e afecta o lexítimo e pacífico exercicio das competencias"

Sexa como for, o certo é que o Goberno galego do PP leva á Xustiza ao Goberno español do PP e faino por razóns "xurídicas" e "económicas". "Pensamos que afecta á seguridade xurídica", porque deixa "na indefinición o réxime de primas por un tempo indefinido" e ademais, di Feijó, faino xenericamente, ata o punto de que na exposición de motivos do decreto "se alude a sectores como o fotovoltaico e non á enerxía eólcia, pero suspende tamén as primas eólicas". "É certo que existía un marco económico excesivamente atractivo" para "instalacións pouco eficientes", engade, como no caso de empresas que desenvolveron a fotovoltaica e a termosolar "vivindo practicamente da subvención". "Coincidimos en que as primas indiscriminadas non son razoables, pero hai que facer unha selección máis fina das enerxías que seguen tendo utilidade" e, como a eólica en Galicia, sostén, resultan "moi eficientes".

Dende a Consellería de Industria, encargada de levar adiante o recurso, advírtese que o Goberno galego non está de acordo co fondo pero tampouco coa forma, isto é, "coa utilización da fórmula xurídica de real decreto lei", "cuestionando" ademais o "seu carácter extraordinario e de urxente necesidade". Segundo a Xunta, o gabinete de Rajoy "atenta contra a seguridade xurídida, xera incerteza nos investidores, afecta o lexítimo e pacífico exercicio das competencias propias da comunidade autónoma" e "non está adecuadamente xustificado". Ademais, abonda, a medida do Estado "ten un impacto económico limitado" na reversión do déficit tarifario eléctrico -cifrado en 24.000 millóns de euros a nivel estatal-, problema que, por outar banda, é "coñecido hai anos". Fronte a isto a Xunta reclamará "un novo marco para a enerxía eólica que achegue certeza, garantía e estabilidade durante toda a vida das instalacións", que "contribúa a acadar os obxectivos de penetración das renovables cara ao ano 2020 fixados nas directivas europeas" e que "incentive a redución de custos" na produción de enerxía eléctrica.

Feijóo, tras o Consello Dominio Público Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.