A Xunta tenta rachar a unidade de sindicatos e patronal no segundo día de folga de buses masiva

Estación de autobuses vacía no segundo día da folga masiva do sector Dominio Público @galizaCIG

Segundo día de folga masiva de autobuses en Galicia e novo intento da Xunta de rachar a inédita unidade que están a amosar sindicatos e patronal no conflito. Este mércores o Goberno galego volveu recoñecer o masivo seguimento do paro ao salientar o incumprimento xeralizado dos servizos mínimos, especialmente do transporte escolar. E aproveitando esa situación anunciou a apertura dun expediente informativo ás empresas por ese incumprimento derivado da folga dos traballadores, ao tempo que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, insistiu en que “empresarios e sindicatos teñen intereses distintos”. A única solución que ten o conflito, di a Xunta, que non prevé novas reunións a curto prazo, é que as dúas partes asuman que o plan do Goberno galego de unir a partir de agosto o transporte escolar e o regular "é a única alternativa viable".

O Goberno galego abre expediente ás empresas polo incumprimento dos servizos mínimos, especialmente dos escolares, que este mércores afectaron a uns 57.000 alumnos

Segundo os datos da Xunta, este mércores os servizos mínimos do 100% decretados para o transporte escolar foron incumpridos nun 77%, o que afectou a uns 57.000 alumnos en toda Galicia, unha cifra inferior á do martes xa que parte dos pais buscaron outro xeito de desprazar os seus fillos. Canto ao transporte xeral, só se cumpriu co 13% dos servizos mínimos, establecidos nun 40%.

Segundo Vázquez, a práctica paralización da totalidade do transporte colectivo por estrada en Galicia débese ás “coaccións dos piquetes”, malia que os incidentes violentos, habituais en paros desta magnitude, están a ser mínimos (a patronal máis favorable ás posturas da Xunta, Fegatravi, informou de dúas rodas picadas). Unha paz nas rúas que se explicaría neste caso pola inédita coincidencia de sindicatos e patronal no seu obxectivo, que é paralizar o plan de transporte que a Xunta vén de presentar  para determinadas zonas de Galicia nos que quere integrar o transporte escolar coas liñas regulares e que tanto traballadores como empresarios din que suporá peches de empresas e perda de empregos. Fontes do Goberno galego dan por feito un pacto cando menos tácito entre empresas e empregados para tentar dobrarlle a man, pero admiten a dificultade de demostralo, mentres que as dúas partes negan ese posible acordo.

A conselleira tenta convencer a sindicatos e patronal de que “teñen intereses distintos”

Ante esta situación, o Goberno galego tenta rachar a unidade cando menos de facto de sindicatos e patronal de diversos xeitos. A pasada fin de semana a Xunta decidiu converter unha reunión convocada previamente a tres bandas en dúas reunións distintas por un lado cos sindicatos e por outro cos empresarios. Este mércores a propia conselleira de Infraestruturas insistiu en varias ocasións en que “os intereses dos empresarios e dos sindicatos son distintos”.

E como nova medida nesa estratexia de divide e vencerás, a Xunta anunciou este mércores a apertura de expedientes informativos que poden rematar en sancións contra as empresas polo incumprimento dos servizos mínimos. Segundo argumentaron a conselleira de Infraestruturas e o titular de Educación, Román Rodríguez, o motivo fundamental é o incumprimento do transporte escolar, un “servizo fundamental para garantir o dereito á educación”.

A Xunta non prevé paralizar o seu plan nin reunirse a curto prazo cos empresarios ou cos sindicatos, que manteñen a súa folga indefinida para todos os martes e mércores

Preguntada pola posibilidade de que a Xunta suspenda a aplicación do seu plan de integración do transporte escolar e regular, prevista para a primeira semana de agosto, mentres non se chegue a un acordo cos sindicatos e os empresarios, a conselleira asegurou que iso só respondería a “intereses económicos” dos empresarios. “O plan [da Xunta] é a garantía do emprego e de que haxa autobuses e condutores a partir de agosto”, dixo, formulando doutro xeito unha ameaza xa lanzada polo PP, para sentenciar que a súa “é a única alternativa viable” e evidenciar que non prevé a curto prazo novos contactos cos sindicatos ou cos empresarios. A folga manterase así de xeito indefinido todos os martes e mércores.

Protesta de traballadores na estación de autobús de Santiago Dominio Público @ccoogalicia
Reunión dos conselleiros e altos cargos de Infraestruturas e Educación, este mércores © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.