A Consellería do Medio Rural puxo en marcha o 26 de abril un novo sistema de comunicación e autorizacións de aproveitamentos forestais que busca "axilizar" estes trámites. En menos de catro meses esta plataforma recibiu 17.130 solicitudes de corta de árbores, cunha media duns 155 trámites diarios.
A maioría (9.803) son declaracións responsables, o trámite máis rápido xa que a persoa solicitante non ten nin sequera que agardar unha resposta da administración
A maioría (9.803) son declaracións responsables, o trámite máis rápido xa que a persoa solicitante non ten nin sequera que agardar unha resposta da administración. O propietario ou propietaria do predio só ten que presentar un documento no que manifesta ser dono ou dona do terreo e asume as responsabilidades da talla. Estas declaracións responsables aplícanse na corta de especies de crecemento rápido como piñeiros, eucaliptos ou acacias e en terreos que non están suxeitos a unha protección especial. Están despois as autorizacións, aquelas solicitudes que si requiren dunha análise previa e dunha contestación por parte da Xunta. Esta fórmula sumou 7.327 solicitudes dende o 26 de abril.
Por provincias, das 17.130 solicitudes recibidas pola Xunta, a maioría proceden da Coruña (7.903), seguida de Lugo (5.692) e Pontevedra (2.900). Ourense é a provincia onde menos se está a utilizar esta nova plataforma (apenas 635 solicitudes), o que responde ao feito de ser o territorio con menos plantacións de especies de crecemento rápido.
Nos últimos anos varias entidades veñen denunciando os estragos causados pola industria madeireira en xacementos arqueolóxicos, espazos naturais protexidos e outros elementos patrimoniais
A plataforma, desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), inclúe un visor de información xeorreferenciada que permite que con só introducir a referencia catastral do terreo onde se quere cortar madeira, se visualicen todas as proteccións administrativas que lle afectan e, polo tanto, coñecer o trámite que debe seguir o propietario. Nos últimos anos varias entidades veñen denunciando os estragos causados pola industria madeireira en xacementos arqueolóxicos, espazos naturais protexidos e outros elementos patrimoniais, debido sobre todo ao uso de maquinaria pesada. Mámoas e castros están entre os elementos máis afectados. Hai uns meses 20 entidades pediron no Parlamento europeo erradicar o eucalipto nunha faixa de 50 metros ao redor dos bens patrimoniais.
Anualmente realízanse en Galicia arredor de 75.000 aproveitamentos forestais cun movemento de case 8 millóns de metros cúbicos de madeira. O pasado ano foron, en concreto, 7,3 millóns de metros cúbicos, equivalentes a uns 300.000 camións. O volume total mantense dende o ano 2013 en niveis máximos, que duplican os que se rexistraban entre o ano 2006 e 2010. A inmensa maioría desta madeira procede de cortas privadas, representando as cortas públicas apenas o 7% do total, unha porcentaxe que se reduciu notablemente nos últimos anos.
Anualmente realízanse en Galicia arredor de 75.000 aproveitamentos forestais cun movemento de case 8 millóns de metros cúbicos de madeira. O 58% é eucalipto e o 38% piñeiro
A madeira recóllese fundamentalmente nas provincias da Coruña (2,4 millóns de metros cúbicos) e Lugo (3,4 millóns), moito menos en Pontevedra (1,1 millóns) e moi escasamente en Ourense (0,5 millóns). Por especies, domina claramente o eucalipto (presentados os seus datos na categoría de frondosas non caducifolias, que practicamente só se refire a esta especie) cun 58% das cortas totais. Importante é tamén o peso das coníferas (fundamentalmente piñeiro), sumando o 38% do volume total. As cortas de frondosas caducifolias (carballo, castiñeiro, cerdeira, faia...) representan apenas o 3% do volume total. Na Coruña o eucalipto supón o 76% do volume total de madeira tallada, moi por riba das coníferas (23%). En Lugo as dúas especies están máis equilibradas (50% o eucalipto, 47% as coníferas).