Alcoa 'planta' a persoal e administracións noutra mesa de negociación sen avances

Un intre da marcha do persoal de Alcoa Dominio Público Concello da Coruña

Alcoa plantou as administracións e os sindicatos na mesa de traballo convocada polo Goberno central que se celebrou este mércores en Madrid. Xunta, Concello da Coruña e centrais cargaron contra a empresa pola súa ausencia unha xuntanza na que tamén houbo representantes do Principado de Asturias e do Concello de Avilés. Todos piden ao Estado que aplique "todas as medidas legais" ao seu alcance e acusan a empresa de "mala fe". 

Sindicatos e administracións lamentan a “nula vontade negociadora de Alcoa na busca de solucións á situación das súas plantas da Coruña e Avilés

Todas as partes censuraron a “nula vontade negociadora de Alcoa na busca de solucións á situación das súas plantas da Coruña e Avilés, como demostra a súa ausencia á reunión” e, igualmente, quixeron deixar patente o “absoluto compromiso das administracións públicas e dos sindicatos para traballar polo futuro industrial das dúas plantas”.

Desde a Xunta, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, amosou a súa "preocupaación" ante o plante e pola falta de "propostas" por parte da multinacional pero tamén por parte do Executivo central. O titular tamén de Economía volveu reclamar a retirada do ERE antes de que remate o prazo para negociar, en dez días. 

Mesa de traballo sobre Alcoa, este 22 de novembro sen a asistencia de Alcoa / Goberno do Principado de Asturias

A Xunta volveu reclamar que o Goberno central tome "a iniciativa" e propoña un marco enerxético estable

A Xunta volveu reclamar que o Goberno central tome "a iniciativa" e propoña un marco enerxético estable cun custo "homologable a cinco anos", así como a implantación de mecanismos de compensación que se empregan noutros países europeos.

O concelleiro de Emprego da Coruña, Alberto Lema, destacou a “necesaria adopción, por parte do Goberno central, de medidas cautelares que se poñan en marcha, se é preciso, o día seguinte ao remate do prazo de negociación do ERE, no caso de que Alcoa siga adiante co expediente de extinción, para que a empresa manteña a súa actividade ata que apareza un novo comprador ou se estude outra alternativa, de cara a evitar o peche efectivo da planta e garantir a continuidade da actividade económica e industrial”.

 

Javier Losada: "A actitude de Alcoa é impresentable e unha falta de respecto"

Ante este plante, a reacción do delegado do Goberno central en Galicia foi contundente, Javier Losada confesou este xoves que o Executivo central está "moi cabreado" pola ausencia de Alcoa na reunión e cualificou a súa postura de "impresentable" e dunha "falta de respecto a toda a sociedade". 

O delegado do Goberno advirte de que o Executivo central está "moi cabreado" ante a "impresentable" actitude de Alcoa

"Estou moi cabreado, moi, moi cabreado como o está o Goberno de España. A postura de onte de Alcoa é impresentable", dixo quen avogou máis que nunca pola "unidade" para "garantir os postos de traballo e garantir a actividade industrial". Ademais, pediu á multinacional que se poña dunha vez a "dialogar e negociar".

"Alcoa fixo un desplante, un desplante a toda a sociedade. Pero iso non nos vai parar. Hai partido e até o último minuto o Goberno de España, a Xunta, o Goberno asturiano e os concellos imos seguir insistindo en que Alcoa negocio, que sente e que preente un plan como o que qeuremos Executivo e traballadores, de mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo", dixo. 

Para Losada, Alcoa amosou a súa "falta de respecto á cidadanía española" e reclamou á empresa que "se axuste á legalidade laboral" do Estado e "retire o ERE que presentou". 

Segundo os membros do comité de empresa de Alcoa en Avilés, a xustificación da empresa para non acudir ás xuntanzas é que é unha mesa con políticos e que o Goberno central "non achega nin achegará nada". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.