Almunia dinamita o naval, que terá que devolver as axudas do 'tax lease'

Porta dos estaleiros Barreras © CIG-Metal

O tiro de graza para o naval galego. O comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, vén de anunciar que o sector naval terá que devolver as axudas do tax lease por ser un "sistema incompatible" coa normativa europea. Fíxoo na mañá deste xoves durante un almorzo informativo en Madrid, onde insistiu en que "é necesaria unha devolución" destas bonificacións fiscais. E fíxoo logo de que sindicatos e estaleiros lle enviasen unha carta advertíndolle de que unha decisión así suporía a morte do seu sector.

Almunia foi increpado por representantes do sector nada máis avanzar a devolución das axudas

A indignación pola fatal noticia -tan agardada como temida- non se fixo esperar. O presidente de Pymar (Asociación de Pequenos e Medianos Estalerios en Reconstrución), Álvaro Platero, presente no acto, acusou a Almunia de "estar avanzando a morte do naval". Ademais, outros representantes do sector naval increparon o comisario da Competencia, que non logrou calmar os ánimos malia asegurar que os estaleiros non deberán reintegrar nada. "Ninguén pode exixirlles aos estaleiros que se subroguen á devolución desas axudas", insistiu o responsable de Competencia na UE, que aclara que a obriga de devolución non poderá trasladarse a outros. "Os estaleiros están fóra desta responsabilidade".

Almunia proporá á Comisión que o reintegro destas axudas corra a cargo dos investidores que participaron no financiamento dos buques e que se aproveitaron das vantaxes fiscais, así como dos armadores que mercaron os buques a un prezo inferior ao do mercado. Pymar insiste en que nada cambia polo feito de que a devolución non recaia nos estaleiros e alertan de novo de que "haberá dez mil preitos e un bloqueo de clientes, o que suporá a fin do sector". Ademais, tamén advirten de que acudirán á Xustiza, pero saben que non teñen tempo como para agardar. O Estado tamén poderá recorrer a decisión ante a Xustiza europea, pero antes deberá cumprir o mandato da UE.

Almunia proporá á Comisión que os estaleiros queden exentos da devolución das axudas, que recaerían en investidores e armadores

"O naval desaparece; van pechar todos os estaleiros", escoitouse no hotel Ritz, onde Almunia tamén adiantou que a decisión sobre a devolución das axudas do tax lease é da Comisión, pero que deberá ser o Goberno español quen terá que pedir a investidores e armadores benficiados polas axudas que reintegren os cartos. A decisión definitiva será tomada por Bruxelas o vindeiro 17 de xullo e conforme á proposta presentada polo comisario.

Entre 2005 e 2011, o tax lease converteuse nun refuxio de moitas grandes fortunas, que investían no sector naval a cambio duns moi rendibles beneficios fiscais. Ata que hai agora dous anos Bruxelas dixo que xa abondaba, por mor dunha denuncia de Holanda. O sector, que xa esmorecía, entrou en barrena, pero a previsible devolución desas axudas suporá directamente “a ruína”, segundo advirten os sindicatos. A propia incerteza xa é unha lastre para un sector que se move por grandes investimentos, superiores na maioría dos casos aos 100 millóns de euros, que requiren dúas cousas: financiamento e seguridade.

En total, a devolución ascenderá a 2.800 millóns de euros e afectará a estaleiros do País Vasco, Asturias e, principalmente, Galicia. En concreto, de Vigo, onde se concentran o 65% dos investimentos financiados co tax lease. Almunia negouse a falar de porcentaxes e a determinar se a devolución sería íntegra no caso do sector galego.

En 2009, o sector naval daba traballo en Vigo a 12.000 persoas. Quedan apenas 3.000 en activo, que estaban pendentes da decisión de Bruxelas. A escasa actividade que aínda se mantén débese a contratos asinados hai un ou dous anos ou a sectores auxiliares que sobreviven grazas á exportación. Os tres grandes, Barreras, Vulcano e Freire, están completamente parados. Toda a economía que xeraba o naval, coma os transportes especiais, empresas de verificación, a enxeñaría industrial e técnica, caeu con eles. E cando o sector fóra de España empeza a ofrecer síntomas dunha incipiente recuperación, coa crecente demanda de buques do tipo dos que se fabrican en Galicia, a incerteza do tax lease mantivo á marxe os estaleiros vigueses.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Joaquín Almunia, durante unha conferencia de prensa © Comisión Europea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.