Almunia pide que o Estado ou a Xunta compensen os afectados polas participacións preferentes

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY-NC Praza Pública

Almunia pide que sexan o Goberno central ou as comunidades autónomas os que solucionen o problema dos afectados polas preferentes das entidades intervidas en toda España. O vicepresidente da Comisión Europea e comisario de Competencia considera que son as administracións as que poden compensar as súas perdas a través dunha partida especial nos orzamentos.

 "O goberno correspondente pode crear unha liña nos orzamentos para compensar aos posuidores de preferentes. Iso sería un subsidio a un particular e non unha axuda de Estado", especificou Almunia ao ser preguntado por se Bruxelas prevé adoptar unha postura flexible para resolver a diminución de patrimonio destes investidores en produtos complexos.

"Unha entidade que recibe recursos públicos non poden dispor como queiran destes e converter as preferentes noutro produto ou en liquidez a un prezo superior ao de mercado"

Durante un seminario da UIMP, o comisario europeo argumentou que unha entidade que recibiu recursos públicos non pode dispor como queira destes e converter unha participación preferente noutro produto ou en liquidez a un prezo superior ao de mercado. Incluso Almunia mostrou o seu enfado ante as insinuacións que aseguran que é Bruxelas quen bloquea a solución das preferentes. "Iso non é verdade", asegurou, tras insistir en que se poden atopar solucións aos afectados "con recursos que non sexan públicos".

Almunia recoñeceu que xurdiron problemas sociais porque pequenos aforradores subscribiron participacións preferentes sen coñecemento do risco dos activos que estaban a comprar, pero insistiu en que os recursos públicos non poden empregarse para compensar perdas dos bonistas.

En canto a por que deberían o Goberno ou as autonomías dedicar unha partida dos seus orzamentos a compensar aos investidores en preferentes cando non se fixo cos que investiron en Fórum e Afinsa, o comisario argumentou que as dúas situacións "non teñen nada que ver".

As participacións preferentes son produtos baixo a supervisión da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e en regra segundo a normativa vixente, insistiu. "Aos aforradores hai que dicirlles que se informen ben, da mellor maneira posible, de onde deben pór os seus aforros e onde non, porque carecen de garantías e corren riscos que non se deben correr", apuntou.

Diante da sede da ex Caixa Galicia CC-BY-SA Praza

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.