Para Costas este novo contrato social "é o camiño para "pechar o paso aos novos fascismos do século XXI" e debe servir para dar resposta á actual "frustración, resentimento e incerteza" existentes nas clases media e traballadora
O economista vigués Antón Costas ingresou este luns na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) cun discurso no que avogou por crear “un novo contrato social" centrado en "devolver dignidade e recoñecemento ao traballo" e na "creación de bos empregos”.
Costas, nacido en Matamá en 1949, e na actualidade presidente do Consello Económico e Social de España, destacou que este novo contrato social que poña o emprego de calidade no centro e "capaz de fomentar o dinamismo económico á vez que unha sociedade xusta" é o camiño para "pechar o paso aos novos fascismos do século XXI". O novo contrato social debe servir para dar resposta á actual "frustración, resentimento e incerteza" existentes nas clases media e traballadora.
O vigués, actual presidente do Consello Económico e Social de España, ingresou na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) nun acto celebrado no compostelán Pazo de San Roque
O economista -co que falamos nesta entrevista- explicou, así mesmo, que "entramos nunha nova era" na que a natureza dos problemas económicos "cambiou". "Agora non se trata de maximizar un obxectivo determinado, por exemplo o PIB, senón de elixir unha combinación adecuada entre obxectivos igualmente desexables pero en conflito, por exemplo, avanzar na Axenda 2030 de descarbonización e o mantemento económico e social destas actividades e da seguridade alimentaria", dixo.
"Esta elección non é unha decisión tecnocrática que vai de arriba abaixo que poidan adoptar os gobernos con axuda dos expertos, é unha decisión social que debe ir de abaixo a arriba e que require diálogo, negociación e acordo", sinalou, engadindo que "para iso necesitamos ter unha sociedade informada, capaz de distinguir o que é unha política pragmática dunha ideolóxica ou populista, que fronte a problemas complexos ofrecen respostas simples, pero equivocadas. Para iso os economistas terán que falar á sociedade máis que ao poder e desenvolver novas ferramentas analíticas para identificar que políticas melloran o benestar social".
O vigués explicou que "o emprego é punto cego da economía tradicional" pois "o foco exclusivo no benestar dos consumidores fixo esquecer a importancia do emprego e a produción nacional para a cohesión social e o crecemento a longo prazo"
Para Costas, as prioridades do diálogo para construír un novo contrato social en España deben ser "os bos empregos, a produtividade e a erradicación da pobreza infantil, unha secuela inadmisible para unha sociedade decente". O vigués explicou que "o emprego é punto cego da economía tradicional" pois "o foco exclusivo no benestar dos consumidores fixo esquecer a importancia do emprego e a produción nacional para a cohesión social e o crecemento a longo prazo" e destacou que na actualidade estamos asistindo a un reequilibrio entre "comercio e produción nacional", dando un maior peso ás políticas industriais nacionais, que foran abandonadas en Europa durante as últimas décadas. En Galicia, neste contexto, a facturación dun sector industrial innovador e moi internacionalizado disparouse un 61% dende o ano 2016.
O economista pechou a súa intervención amosando o seu optimismo e sinalando que "en contra do que se pensa, estes tempos de frustración, resentimento e incerteza favorecen a construción dun novo contrato social".
O economista pechou a súa intervención amosando o seu optimismo e sinalando que "en contra do que se pensa, estes tempos de frustración, resentimento e incerteza favorecen a construción dun novo contrato social".
O compostelán Pazo de San Roque acolleu o acto, no que o discurso de Costas foi respondido en nome da RAGC polo académico Alberto Gago Rodríguez. No evento, que abriu o presidente da RAGC, Juan Lema, asistiron o presidente da Comisión de Economía, Comercio e Transformación Digital do Congreso dos Deputados, Pedro Puy; a deputada do BNG Iria Carreira; os deputados do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro e Julio Abalde; o director da Área de Xestión de Gain, Benito Fernández; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.
De Vigo a Barcelona
Antón Costas é catedrático de Economía Aplicada na Facultade de Ciencias Económicas na Universidade de Barcelona. Graduouse primeiro como Enxeñeiro Técnico Industrial en Vigo, para posteriormente realizar a carreira de Económicas en Barcelona. A súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Fabián Estapé e Ernest Lluch, centrouse no pensamento e a política económica liberal do século XIX. Docente universitario durante moitos anos, en 2013 asumiu o cargo de presidente do Círculo de Economía, que ocupou ata o 2016. Publicou máis dunha ducia de obras, entre as que destacan La crisis de 2008. De la Economía a la Política y más allá , La torre de la arrogancia, La nueva piel del capitalismo ou Laberintos de prosperidad.